A casa: nosa primeira nación - 07 Agosto 2014
logo nosjpg

Xosé Lois García

Os nosos poetas sempre tiveron unha puntual percepción do herdo e da pertenza, do espazo en que moramos e facemos vida enteira; convivio de permanencia e, sobre todo, de residencia. Os chantadeses denominamos ás terras de cultivo que circundan a casa, resiu. A casa é para os labregos o seu primeiro estadio no que se ubica un sentimento transcendental, agarimo de estimar e aferrarse á terra como don espiritual onde se define a orixe da nosa personalidade. 

Os nosos poetas sempre tiveron unha puntual percepción do herdo e da pertenza, do espazo en que moramos e facemos vida enteira; convivio de permanencia e, sobre todo, de residencia. Os chantadeses denominamos ás terras de cultivo que circundan a casa, resiu. A casa é para os labregos o seu primeiro estadio no que se ubica un sentimento transcendental, agarimo de estimar e aferrarse á terra como don espiritual onde se define a orixe da nosa personalidade. 

"A casa, para os galegos de labregancia, é esa primicia redentora onde se cultiva e amplía a tradición, a cultura, a lingua e as sabenzas transmitidas".

A crónica lírica de Rosalía salienta varios respiros da utilidade da casa e, tamén, do que nos impregna de sentimentos e de estar prendidos a ela; manternos nela en todo o peso que a saudade demanda. A casa onde nacemos e vivimos conmociónanos en tantos arroutos vitais e solemnes amparos que concorren no poema de Rosalía: “Miña casiña, meu lar”. A casa como recompensa cando a anguria e a traxedia baten no ser que procura abeiro. Este poema rosaliano dános o valor da identidade e da patria certa, partindo do ente espacial da casa, lar, fogar, en toda esa dimensión de referencias, primacías e intimidades que nos confiren posesión e nos transmiten comuñón e conciencia existencial no que permanecemos.

A casa, para os galegos de labregancia, é esa primicia redentora onde se cultiva e amplía a tradición, a cultura, a lingua e as sabenzas transmitidas. A casa é a nosa primeira patria transcendente e redencional. É a medida xusta do que somos e do que nos integra na vida social da casa, que proclama esa ascendencia de estímulos que nos remite ao amplo colectivo da Nación galega.

Na vitalidade existencial de vivencias e convivencias, afondou Uxío Novoneyra, cando nos fala da súa casa de Parado do Courel e veu a incidir nunha entidade mais ampla: “ANDO limpando a casa de cacharros e trastos / lacenas e faios sin deixar rechubazo. / Ando a tocarlle as maos ós antepasados.” A comuñón do pasado proxectada cara o presente e o futuro. Mais o eco novoneyreano naturaliza a casa como a esencia dun perfil que contemplamos e dialogamos coas cousas da casa e co seu silencio. O poeta do Courel dános este outro respiro: “A casa de pedra e cal vella / -solaina e ventanas prá serra- / feita fai cen anos á miña maneira”.

"É a medida xusta do que somos e do que nos integra na vida social da casa, que proclama esa ascendencia de estímulos que nos remite ao amplo colectivo da Nación galega".

Os nosos poetas naturalizados no medio rural, comprenderon ese desdobramento da casa como a nosa primeira nación redentoral, ampliándose nela outros atributos que caracterizan a nosa Nación e Matria. Manuel María en seus “Sonetos á casa de Hortas”, soubo compendiar en longa crónica sonetista, a orde das convivencias, das tradicións, das cousas e dos oráculos que temperaron xenio de nenez e adolescencia, que nos descubre todo ese sentimento de apego, cando vira a ollada e o pensamento véñenlle os resplandores nesas imaxes tan nítidas e completas da casa de Hortas de Outeiro de Rei. Manuel María comeza así o poemario: “Non sei o que me falta: se é a casa, / a infancia tan lonxana, os devanceiros / ou aqueles ensoñares verdadeiros / que o tempo co seu paso pisa e arrasa”.

Nestes sonetos elexíacos á casa, vibra con paixón o fervor de pertenza. Crónica ao estilo notarial mais estricto do formato e das cousas necesarias que manteñen o portento da casa. Manuel María entronízanos nese paraíso rescatado no memorando do poema. Na resistencia de ser e estar naturalizados na primeira patria, en todas as súas resonancias e benquerencias. O poeta da Terra Cha remata o poemario, coa testemuña saudosa: “Gardo dentro de min toda a fragancia / dos amados rincós da miña infancia / e os recendos que tiña a vella casa”.

Alén dos poetas está en cada galego unha profunda  persuasión por manter viva a presencia da casa e do resiu labrego, onde a primeira nación comeza e no espazo xeográfico da fala e das tradicións galegas péchase nación. De min sei dicir que un ático piso de cidade non me persuade nen me confirma que me sosteño neses atributos e perfís da nomenclatura da casa, feita á medida do que se herda e do que se precisa para persistir no legado dos nosos devanceiros que fixeron patria grande, tantas veces sen sabelo.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras