Jordi Évole e o 23-F - 24/02/2014
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

É indiscutíbel o valor creativo dun dos grandes do xornalismo de debate e de expor unha serie de problemáticas existencias que suxiren e provocan denuncias e compromisos, como son as investigacións e programas televisivos á que nos ten acostumados Jordi Évole. Ademais dun excelente xornalista é un bo comunicador e un acérrimo pescudador de temas vitais que preocupan a sociedade actual, tan diversificada e acosada por múltiples problemas; por múltiples derrotas e crises de todo tipo, enxeño e acomodo das clases dominantes. Évole sabe investigar as baixuras da pobreza e as alturas da vileza. Un xornalista que non se reprega e menos enmudece ante realidades que moitos tratan de que fiquen escurecidas. Aquí é onde el posiciona tódalas alarmas e tódolos unísonos, alertando de convivencias corruptas, secretismo de poderes administrativos e de tantas segregacións sociais e de inadmisíbeis tropelías que desde diversos espazos do poder político e económico estamos padecendo.

Até aquí todo ben. Mais o programa televisivo da Sexta, emitido a pasada noite do 23-F, escurece o bo gusto e a ampliación dun xornalismo de investigación, ao que nos ten acostumados Jordi Évole. As pantomimas carnavalescas está ven utilizalas noutros espazos de festa desbocada, mais non nun caso tan serio como é o do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981. Un tema de moita emoción e de gran cúmulo de adrenalina para tantos cidadáns deste país que loitamos por unha democracia moi rudimentaria, pero con moitas ganas de superar o fascismo.

“Operación Palace” non deixa de sorprender por falta de ética, que mostra unha perversa maledicencia, unha pasividade fronte aqueles tristísimos acontecementos daquela noite de longos puñais. Que carga mais disparatada e frívola en confundir a millóns de televidentes en tan lamentábel escenario. Desfigurar eses acontecementos tan reais e convertelos en farsa ou divertimento, non é serio. Isto non se dixire facilmente, cando a realización vén da mao dun xornalista críbel como Évole, que despois disto non se sabe se perderá credibilidade. O xornalismo non merece estas extravagancias. A sociedade na que vivimos tampouco merece tales parodias, disfrazando todo un contido histórico aínda sen culminar. Xa hai demasiados incompetentes que nos están dando claves en falso do que acontece coa crise económica e con tódolos derivados da mesma, para que se nos diga que o 23-F era unha comedia, un disfrace, un entreter de carnaval.

Isto nos conduce a unha apatía histórica, a tantas pasividades que escurecen a verdadeira historia do 23-F. Estimular a verdade histórica, toda unha documentación que ocultan en caixas fortes de conveniencia ou en arquivos privados estatais, baixo unha esmerada censura que negan a veracidade sobre o golpe de Estado do 23 de febreiro. Isto debía ser unha prioridade indagadora para Jordi Évole. O demais é extravagancia, simple ficción, duns señores que exerceron de políticos e xornalistas que viviron aqueles feitos reais, non de ficción, que se presten a tal comedia, desvela a extravagancia da clase política que tivemos e que seguimos padecendo. Claro que para Jordi Évole lle resulte todo isto simpático, dado como el di, tiña seis anos, e talvez esa noite seu pai lle estaba lendo “El Capitán Trueno” para que durmise. Mentres outros estábamos procurando escondedoiro ou tentar fuxir do país, simplemente por militancia política ou sindical. A actividade social e a liberdade cidadán sempre tiveron un prezo de sangue e de represión para os ditadores. Os protagonistas do 23-F tiñan a opulencia violenta dos sátrapas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras