A ditadura do bipartidismo - 08/05/2014
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Albíscase na sociedade do Estado español unha luz mínima na que se esclarece certa decadencia do bipartidismo, ou o principio dun derrube que pode e debe cambiar o sistema ditatorial de dúas opcións acaparadoras do voto co que se van intercambiando no poder. Aquí está a clave do grave defecto democrático español, que na súa orixe percibiu dúas velocidades nos partidos políticos. Os de segunda ficaron extenuados até languidecer nun longo sumario de procedementos “legais” para mantelos subordinados e estar condenados a ese déficit de non chegar nin aos mínimos de competitividade, tanto na inversión de campañas electorais, comparábeis cos do PPSOE. Esa unidade bicéfala que no marco das incongruencias controlan con excesos burocráticos e tácticas que esnaquizan os alicerces mais elementais dunha democracia, por medio de decretos lei que vulneran a vontade de tantos cidadáns.

Mais a ditadura do bipartidismo aínda ten outras connotacións moi graves, como as de coartar aos votantes a individualidade suprema de que un voto é mesmo un voto. Mais o que pasan pola criba da lei d’Hondt, tradúcese noutra cousa ven diferente e degradante para os que consideran ilexítimo esa desproporción; esa limitación da suma do voto individual que a lei do favoritismo traduce en ganancias para os PPSOE. E nesta bárbara simplicidade está asentada a mal chamada e descoñecida soberanía popular, á que todos os votantes coidan que contribúen a lexitimar a democracia, participando nunhas urnas adulteradas, que nin o votante pode escoller nominalmente a seu favorito, senón que teñen que aceptar o que decide a cúspide dos partidos.

Levamos un longo percorrido de comicios electorais sen que a grande masa de votantes se perciba de que un dos males democráticos é o bipartidismo e a súa quenda de transferir o poder entre os dous que resultan os mais votados e unificados na estrutura do Estado que lles preserva estar nun longo e inalterábel ciclo de manter o poder e estrangular a outras opcións que estes chaman “minoritarias”, pero non só por selo, senón por que as leis en favor dos que mais invisten en propagar e dominar a sociedade desde o bipartidismo, marxinan o voto que reciben os de segunda velocidade; os que non teñen opción á parcialidade dunha normalización democrática que non existe.

Neste modus operandi, tan monstruoso, a sociedade comeza a percibir o enorme cancro que corroe as institucións baixo ese recambio a dous. Mais se o bipartidismo de fai uns anos mantiña un apoio enriba do 70% de votantes, actualmente a expresión de voto estaría nun 50% escaso de participación en favor do bipartidismo. Entón entendemos que hai un acordar na cidadanía; un comezo de restituír a memoria para rescatar ese instinto que nos induce a ver as cousas de diferente formato e lectura.

Non sabemos se a decadencia do bipartidismo, tal como a estatística preelectoral sinala, está acrecentada no que propaga a crise económica, ou se baixo estes efectos pode retomar voo a aguia bicéfala do partidismo. Posiblemente non saibamos nestas eleccións europeas, onde o cidadán xoga moi pouco –pese á barulleira que fan PPSOE-, mais as eleccións do próximo ano, municipais e xerais, o electorado pode marcar distancias cos dous grandes que non solventaron a crise e que foron capaces de agudizala coa mentira e coa alteración propagandística que manteñen. Os que gobernan con esa esquizofrenia e prepotencia, válense de mentireiras artimañas, que contrastan coa realidade do país. E os que ostentan a oposición maioritaria, utilizan todo un verbalismo banal, xa incorrixíbel, que non contradí os feitos de quen goberna. Unha fórmula de congratularse co que hai que potenciar nese caduco discurso que anula a  acción que tantas veces pídese desde rúa, dunha maneira pacífica. Se non se percibe ese berro de sufrimento desde a rúa e desde eses extractos sociais e marxinais, tanto o bipartidismo como os demais partidos de segunda velocidade, pode que comecen a estar excluídos dunha sociedade que pense e que dea todo por perdido, por culpa daqueles políticos que non foron capaces de crear unha cultura con valores simplemente democráticos. Ao contrario, estamos nunha ditadura bipartidista.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras