O escenario popular de Ana Miranda - 20/05/2014
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Coido que a candidata nacionalista ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, está arroupada e consolidada por esa xente que soporta a desgraza dunha política avasaladora que recae no cotián dos humildes, dos mais desprotexidos e dos que aspiran a ser útiles nunha sociedade intervida por unha dereita rancia que fede a pasado ditatorial.

En Monforte de Lemos o escenario que acolleu a Ana Miranda era ben atípico, se o comparamos cos que presentan os bipartidistas cando se poñen tan solemnes e individualizados nun alto apousento faraónico a prometer no que non cren. Impresionoume ese sentimento popular que introduciu queixas do que estaba acontecendo no intimo da súas vidas, maltratadas por políticas esmagadoras que son a causa dun sen fin de problemáticas xurdidas polas políticas omnímodas e de desfeita do PP. Nese acto, a precariedade existencial tivo voz dos que sufren e soportan a inxustiza do desgoberno de Rajoy.

Nese introito, houbo persoas que falaron da problemática que soportan debido aos desvaríos sociais e da eliminación de servizos sanitarios, de recortes a un ensino que tratan de monopolizar en favor da clase poderosa. A voz popular oíuse dunha maneira sinxela e natural. Non resoaron palabras baleiras e sen contido, eran as palabras dos humildes, dos traballadores, dos emigrantes e dos que aspiran a estudar cando se ven asfixiados polos que negan cultura ao verdadeiro pobo que soporta tanta aldraxe.

Despois chegou a palabra certa de Ana Miranda, a dona que tantas veces ascendeu nesa defensa polos intereses de Galiza. Un enorme e amplo ventallo de problemáticas estivo na axenda de Ana Miranda como deputada no Parlamento Europeo. Ana Miranda, non estivo como os demais candidatos nun alto apousento, posicionouse rente aos seus e ante un humilde atril, desdobrou esa problemática que se asenta en diversos sectores da sociedade galega, tan desatendida polos que desgobernan e polos que desintegran o noso herdo cultural e a nosa memoria colectiva sometida a tantos silencios. Galiza precisa de autoestima colectiva, de verse recoñecida en tantas marxinacións que Ana Miranda enumerou en Monforte.

A candidata a deputada europea polo BNG, os que a coñecemos, ten un don da eficacia que se verifica nese seu traballo puntual que esclarece a súa constante referencia de estar nas entretelas do pobo. O pobo dos simples significa para Ana Miranda a constatación de tantos sufrimentos que ela albiscou no universo labrego, do cal procede. Tamén na emigración que ela viviu con seus pais desde moi nena. Son experiencias sublimes que fican codificadas de tantas mágoas que produce o desterro dunha Galiza rica e empobrecida por tantas políticas opresoras, polos que teiman non erradicar as cousas nen mudar as normas que desintegran a nosa identidade e, con ela, a unha cidadanía que xa entrou no roteiro da desesperación.

Hai motivos para revelarnos e para dicir basta ás depredacións sociais. Para iso hai que erguer a voz en tódolos foros posíbeis, onde a palabra popular teña eco e representatividade na voz invulnerábel de Ana Miranda. Galiza está na encrucillada, o camiño certo ocúltano os que non pensan en Galiza. O camiño certo e redencional é preciso descubrilo e sacar as pedras do tropezo, tendidas nese longo percorrido que temos que construír. Coido que para a nosa Patria estas eleccións teñen sentido cando a presencia dunha loitadora que non terxiversa a realidade, fronte aos que con demagoxia poñen pedras no camiño; as pedras do tropezo son as que nos impoñen pasos lentos, cando outros pobos van a diferente velocidade que nós.

Ana Miranda é unha persoa que coñece o noso país, conecta con el dunha maneira extravertida. Ela é dunha xeración innovadora e pragmática, asentada na pedagoxía do debate e do encontro; coñecedora de puntuais problemáticas que padece a cidadanía, tal como constatou nese encontro de Monforte. Miranda non é unha predicadora nin unha mitinera clásica que se peche no discurso único. A súa prioridade é escoitar ás persoas que denuncian políticas insensatas e a políticos alleos dos problemas básicos. Mostra delo é que Ana Miranda escoita e despois da alternativas ás persoas que soportan problemáticas que o cañetismo e seus secuaces tratan de ocultar.

Galiza retrocede mais de cincuenta anos coas políticas que saen queimadas do forno do centralismo e do bipartidismo. Galiza precisa recoñecerse a si mesma e só no nacionalismo podemos despexar camiño que nos leve a un futuro feito á nosa medida e non con esquemas foráneos. Para iso son precisas as voces que denuncien a nosa realidade, a de Ana Miranda non se silencia nen a calan os dogmáticos que procuran ocultar as múltiples problemáticas galegas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras