Tres lustros do pasamento de Uxío Novoneyra - 20/10/2014
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

O tempo corre mais nunca en contra do que non se esquece. A memoria blinda a Uxío Novoneyra, en seus transbordos e  esencias, como pensador e humanista que persiste no núcleo dunha poesía sen carencias de terra, no que se vivifica a presenza do seu Courel natal. E desde eses cumes, vemos o cumial deses tesos que cultivan e exhiben o mais candente da súa poesía liberadora, que nos axuda a pensar e a humanizarnos nese fervor pragmático con que el expandiu extraordinarios certames, definidos e concretados na palabra da patria, sílaba a sílaba. Aí reside a grandeza dun pensador e dun humanista como Novoneyra, que nos chama na diversidade das cousas necesaria a un compromiso liberador; ao camiño certo que vai do Courel a Compostela: alegato de tódolos camiños non andados para un reencontro posíbel no vital da terra común.

O próximo 30 de outubro cúmprense 15 anos do pasamento de Uxío Novoneyra, a memoria en resistencia perpetúa abrindo canles onde o poema e a imaxe, sen obediencia a códigos indebidos,  arbitrariedades e pretensións de dominio, xurde sen vacilacións o poder e o brío de non poucas ascendencias e luminosidades que non se ausentan de nós facilmente cando respiramos a inercia da palabra novoneyreana.

Aquilo de que “a morte non é certo” é mais que unha metáfora, que se completa no acervo envolvente do que hoxe significa a súa obra poética, nos dicires e nos clamores que persisten alén do que lembramos e repetimos ocasionalmente. A metáfora da metáfora, protexendo a dádiva do verbo grande que non procura entusiasmos momentáneos. A morte é pouca cousa para devorar a obra que sostén vida completa do que foi e sigue sendo orientador de amenceres.

Tres lustros constatan os dons desa epifanía que se desdobra en espiral e nos envolve nun ritmo de vertixe, no esencial das adherencias poéticas de Uxío Novoneyra. Os seus versos emiten esa sensibilidade pola que podemos  regresar a conceptos telúricos que son a mantenza dunha poética que se subscribe no Courel co seu epicentro en Parada, residencia do poeta e de tódalas intimidades que queiramos atopar. Na súa casa tómanse arranxos para ser unha modélica fundación de lembranzas, testemuños e presenzas: pulo e orientación para tantas concorrencias que o destino da palabra, ática como os tesos courelaos, frutifica esperanza na liberdade que Uxío proclamou.

Neste decimoquinto aniversario da súa pasaxe para o inalterábel silencio do destino, o poder da súa poesía intégranos nese entusiasmo onde os silencios son pouca cousa para acalar o que se presinte na permanencia dun herdo que non admite lindes. A belixerancia harmónica de Uxío Novoneyra continúa.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras