Ánxel Gómez Montero e o Café Los Ángeles - 19/11/2014
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

O vello estilo da decoración dos café en Occidente transcenderon na decoración e na arte de salón xa no século XVIII que fundamentou a xusta e gulosa ornamentación pictórica e escultórica de famosos cafés que un prefire estar deleitándose da plenitude da arte como o Nicola de Lisboa, O Majestic do Porto e o Tortoni de Buenos Aires, por simplificar algúns dos famosos.

Ánxel Gómez MonteroMoitos dos cafés das capitais de provincia de Galiza, xa desaparecidos ou en decadencia, respiraban esa vitalidade dun estilo extraordinariamente evocativo, de temarios moi diversos e expresados en obras de arte realmente xenuína. Un deses cafés con plenitude artística está na miña vila de Chantada. Mesmo no centro neurálxico urbano, na Pracela de Santa Ana, onde houbo catro cafés: O Capitol, O Pizarro, O Ritz e Los Ángeles. Só este último está ao servizo público, felizmente, é categoriza unha das maiores expresión pictóricas e escultóricas que se debe manter e salvagardar como patrimonio artístico e cultural de Chantada. Un monumento fantástico que o Concello de Chantada ten a obriga de fomentar iniciativas co fin de cultivar esta expresión creativa e facilitarlle a Patrimonio da Xunta de Galiza tódolos informes favorábeis para que o Café los Ángeles sexa declaralo como patrimonio artístico local.

O Café los Ángeles ten unha historia ben peculiar e xerada pola familia Gómez Montero, en concreto polos irmaos D. Adolfo e D. Ánxel. Os pais de ambos tiñan un dos fornos mais peculiares na zona antiga dos soportais, na rúa Dous de Maio, foron tan famosos os pasteis que se facían nese forno que D. Adolfo puxo unha pastelería na dita Pracela e, mais tarde, na casa lindeira abriu un salón de té cun reservado de baile para parellas casadas, estamos falando de 1941. Todo un luxo para unha vila con vida social en decadencia naqueles primeiros anos de posguerra. En 1945, aproximadamente, transfórmase en café e o espazo é modelado e decorado por D. Ánxel Goméz Montero, que ostenta o novo café.

D. Ánxel, o prolífero, polifacético e mentor de tantos ordenamentos creativos no eido da cultura chantadesa; o singular cronista de xornais e radio, creador de debuxos e do cartelismo das festas de Chantada e doutras preeminencias que testemuñan as boas querencias de D. Ánxel coa súa vila. Todo un inventario de carteis que os señores do Concello, en diversas épocas, non gardaron. Só a familia ten estes deseños que algún día serán motivo dunha exposición onde verifiquemos as variantes e os resplandores de tempos idos.

A D. Anxel dedicóuselle unha rúa de cincuenta metros de lonxitude, tarde e desordenadamente. Nesta vila, indebidamente, uns levan os honores e a outros non se lle recoñecen favores. D. Anxel Gómez Montero foi meu profesor, en horas nocturnas, e foi un excelente amigo que deu noticia pública de meus primeiros e humildes escritos.

D. Ánxel foi un gran pintor e escultor local, foi alumno de Vicente Risco en Ourense, e na casa deste coñeceu a Castelao e dos dous oíu diversas conversas sobre arte. Así que estamos falando dun artista que realizou exposicións dentro e fora de Galiza. A sobranceira obra que se perpetúa no Café los Ángeles, danos a dimensión creativa deste autor.

Mesmo á entrada deste local sorpréndenos detrás da barra ese impoñente Baco, un tanto híbrido, con eses donaires das deidades clásicas, coa súa mao dereita sostén os atributos da videira e coa esquerda a unha hidra. Acios e follas de verde esplendor amplíanse en forma de ventallo alternándose con espellos. D. Ánxel tiña un enorme dominio da perspectiva e dos ángulos, os espellos servíronlle como transmisores da luz e da imaxe. Neste espazo, os espellos cumpren unha función dinámica e visual.

D. Ánxel bebe do clasicismo mais puro, dominou o debuxo e o cromatismo e isto o fixo acredor dunha dinámica propia e identitaria. O temario báquico fainos entrar en escena ante esa representación tan pura e tan sensíbel que nos leva ao culto dionisíaco: Baco barbado e de longos cabelos como o mito demanda, e D. Ánxel fiel á tradición e aos misterios das festas bacanais. O noso pintor pensa nas ribeiras miñotas de Chantada; na nosa cultura do viño e así o expresa nun Baco ático e portentoso.

Fai poucos días que estiven no Café los Ángeles coas fillas de D. Ánxel, Araceli e Coteca. Falamos de seu pai, eu lembro ao vello profesor pintar a excelente colección de acuarelas sobre taboíña, tituladas: “Chemineas de Lugo”. Fronte ao enorme espello lateral está a deusa Diana. Sobre esta escultura deume un dato importante Coteca. Parece que na colocación fendeu o espello e D. Ánxel determinou cubrir a fenda coa figura de Diana, con esa autodisposición que el tiña polo neoclasicismo, presenta á altiva e suntuosa deusa da caza, apresando un cervo e con dous cans que ocupan a banda inferior deste lance iconográfico.

Ánxel Gómez MonteroA sobriedade harmónica e o rigor estético con que D. Ánxel erixiu a esta deusa da mitoloxía romana, esclarece a súa cultura polo clasicismo e polo universo dos mitos. A Diana do Café los Ángeles lémbranos o ímpeto daqueloutra atribuída a Leocares que se exhibe no Museo do Louvre de París. Mais esa Diana severa e ática, con arco e frechas ás súas costas, D. Ánxel nola presenta como inocente, sen crueldade e sen vinganza, nun tempo nada apracíbel.

No antigo salón de té, no mesmo frontal hai catro murais que representan as catro estacións. Outra das pinturas relata a presenza equina nun monte calquera das xeografías galegas. Aquí se ve a personalización do trazo e do movemento con que o pintor chantadés expresa a súa recoñecida autoría.

D. Ánxel Gómez Montero estivo á fronte deste café durante mais de trinta anos, despois traspasouno ao señor Lamas e este a seus fillos, cuxo contrato finaliza o trinta e un do próximo decembro. Desde D. Ánxel até os actuais inquilinos esta estimada e suculenta obra artística foi coidada con esmero. Qué pasará a partir desa data cando este patrimonio cultural pase a outras persoas nada sensíbeis coa grandeza dunha obra que honra a Chantada? Todo un dilema que se nos presenta aos amantes da creatividade artística. E un pregúntase: qué medidas tomará o alcalde e o concelleiro de cultura ante un desenlace dramático de que poida ser depredado este conxunto artístico? Señor alcalde, coido que vostede non quererá ficar na historia dos alcaldes que consenten depredación, como o alcalde que demoleu a ponte gótica do século XIII, que unía a Alameda co Convento, aínda non fai un século.
Compartir