Da Estrada Vermelha - 23/02/2015
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Da Estrada Vermelha é un poemario recen publicado que nos trae vivos e pletóricos acentos de Mozambique. Concretamente de Pemba, terra nativa da autora, Inez Andrade Paez. Pode que a poesía sexa o encanto maior do que gozan os mozambicanos, tan dados a versificar sobre a súa terra que é do que se nutre a literatura deste país. Lembremos a saudosos poetas como José Craveirinha, Noémia de Sousa, Glória de Sant’Anna, Marcelino dos Santos e unha nutrida xeración de poetas xurdidos após da independencia, na que figura a nosa autora.

Inez Andrade Paes a podemos encadrar neste contexto, aínda que de pais portugueses e vivir actualmente en Portugal, non deixa de extraer vivencias e saudades coas que configura unha das obras mais lúcidas da actual poesía mozambicana e portuguesa, lexitimada no amplo mosaico da lusofonía. Autora de varios libros de poemas, figurando en variadas antoloxías da poesía contemporánea de Mozambique.

Os alicerces creativos desta autora amplían o seu status artístico. Se a poesía é un punto de referencia, non deixa de selo a súa creación pictórica, na que resolve excelentes matices líricos neses espazos e trazos cromáticos da súa pintura. Ela sabe que a poesía, a pintura e a música foron catalogadas polos renacentista como arte maior. E nestes dous aspectos que Andrade Paez trata, poesía e pintura, non deixa de modelar materia sensíbel para convertela nun inventario metafísico, na forma e no contido, onde o lector fica dimensionado en tódalas proximidades duns versos que flúen dos sentimentos, da tenrura e, tamén, da ausencia.

Neste libro, configúranse varios rexistros líricos, a paisaxe mozambicana toma renazo e vida, na que fulguran silencios e albores; horizontes de plenitude en movemento e nítidas imaxes reconstruíndo o telurismo desde a paisaxe panteísta. Da Estrada Vermelha non se admite unha temática rudimentaria e bucólica. O seu potencial, como liña centralizadora, reside na Terra (“A Mãe África”), onde a flora e a fauna son elementos complementarios que fornecen a manifestación desa forza telúrica.  

A Pemba existencial no mergullo do que os nativos respiran, a poeta tamén, procurando recursos antropolóxicos para tecer unha poética humanista que se concreta no poema: “Os Fieis Meninos”:

    “o menino que arrasta o urso de pano
     que de vermelho e castanho fica
     como seus pés de pano seriam
     se fossem cañlçados de chita
     e da tristeza o ollar me fita
     porque está só e fechado na rua

     só
     este menino
     não fora o menino triste quele mesmo
     que me olha agora
     e triste está  de noite e de dia
     porque a mãe não trabalha
     porque a mãe nem existe

     seriam o mesmo
    o que arrasta o urso de pano
    e o que empurra o carrinho de latas”.

A África insólita dos “meninos da rua” e de todas as xeografías deshumanizadas, na voz solidaria dos poetas africanos, perpetuando solidariedade e voz en grito, como santo e sinal do que non se debe permitir. A voz madurecida de Inez Andrade Paez ecoa polos silencios consentidos, emerxendo de frustrantes realidades e producindo fendas nos muros da incomprensión. E así vai indo o seu concerto:

    “ando de braço dado com a solidão
     ligeira e acordada
     na penumbra do dia que quase se acaba”.

Estamos ante un libro no que está substanciada a África toda, e para isto non é preciso ser negra ou branca, só é posíbel cando se expoñen sentimentos ante crúas realidades que nos rodean. A memoria e a testemuña de Inez Andrade Paez fica neste enorme poemario, dunha maneira sólida, harmoniosa e contundente. Da Estrada Vermelha, constatamos que é un enorme libro que abre as portas a mais solidariedade, coidando que a poesía continúa sendo o grande milagre existencial.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras