A diversidade de formatos electorais -13/05/2015
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

En tempo de eleccións todo vale, tamén as deslealdades con un mesmo, cando se salpica lixo sobre candidatos que aspiran a ser edís de gobernos municipais. As tensións entre o ser e o non ser acentúan a monstruosidade dunha diversidade de formatos que producen inconveniencias para un electorado moi fráxil, cando non detecta ou formaliza unha idea pragmática sobre quen se elixe. Neste tótum revolútum todo cave e todo é posíbel menos a coherencia democrática; menos a crítica perfecta e pragmática para defender ideas, dereitos colectivos, expresións que incidan nos problemas do común.

Existe un dogmatismo feroz que está arraigado nunha ortodoxia que tempera formatos de descualificación do adversario, que en ocasións non o é tanto, cando hai coincidencias. Mais estar na outra banda aínda que sexa co mesmo ideario é anatema. Así que nesa variedade de formatos as alusións feridoras contra o outro, o do lado, mesmo se converten na inevitábel espada de Damocles, co gume aguzado presto a facer sentenza inquisitorial. Hai razóns para substituír este tipo de formatos inaccesíbeis que van en dirección contraria aos problemas concretos que padece a cidadanía.

O electorado aínda está en panos menores fronte as insidias que se camuflan como verdades absolutas da gran mentira. Así que nestes eventos todo é lícito para as aventuras, co fin de amosar as vergoñas do contrario e nunca as súas. Todo isto é produto do discurso fácil que soporta promesas incumpridas. Moito coidadiño co discurso dos que procuran prebendas e facer falcatruadas desde a cadeira de mando. Moito coidado para os que non saben discernir metáforas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras