Guxeva, na burata da vida longa - 28/04/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Non hai moito que unha web facilitou votar o nome mais orixinal dunha aldea do concello de Chantada. Das 266 aldeas espalladas polas 36 parroquias guxevaque compoñen este municipio, o topónimo da aldea agraciada foi Guxeva, acochadiña, recollidiña no colo celmoso da nosa ribeira miñota, na parroquia de Santiago Darriba -como a denominamos os chantadeses- mais a podiamos normalizar como Santiago de Riba, tal como aparece nun documento de 1094, Sanctus Iacobus de Ripa. E noutro de 1309 como Santiago de Riba.

Verdadeiramente Guxeva é un nome delicado e sonoro que apetece ir ás orixes do mesmo, e ninguén mais que o noso excelente rigorista en toponimia como é D. Nicandro Ares Vázquez que revela o seguinte: “Guxeva procede do xinecónimo godo Gudigeva”. Gudixeva foi nome feminino moi común entre a nobreza galega dos séculos X e XI. Unha sobriña de S. Rosendo tiña ese nome.

Guxeva é o único e xenuíno topónimo que hai en Galiza. Un nome ben antigo para un recuncho de terra acazapado ás orelas do Miño, que non se fai visíbel desde a cimeira da estrada de Nogueira de Miño nin desde as rentes do río. Caxato en mao e cámara fotográfica ás costas, trepei corredoira de ribeira desde a ponte de Belesar por unhas paraxes de viñas, soutos e carballos druídicos. A verba poética no cantar dos regueiriños de ribeira; vimbios a danzar ao son do ar e servindo de coral, nunha espesa vexetación que nos libera. Por esta inmensa soidade implora un sentimento panteísta, nunha tarde de sol que aloumiña o río con danzarinas cores que cativan o ollar.

Florecen as cerdeiras e os pexegueiros; as cepas xermolan froito, ben atadas ao vello uso con vimbio groso á estaca que conforma unha escultura cambiante até a chegada da vendima. Os espazos de Guxeva están ben partillados e en comedidas cortiñas para producir viño e hortalizas. Os primeiros froitos que acugulan a praza da vila diariamente e nos días de feira, veñen da ribeira e seus produtores que denominan rianxo. Á nosa ribeira non entra o arado, só o sacho, eixada e legón que temperan as maos áxiles e ásperas de mulleres e homes de suor a cachón que se converte en sorriso fraternal.

Na entrada de Guxeva, pola banda norte, un can vén cara a min e sube todo contento e expansivo, mentres unha voz feminina advirte: “Non lle fai nada, é un cadelo novo e gústalle brincar”. Serviume de compañeiro polo rueiro de Guxeva. Todo silencio, parece que só viven cinco persoas, mais a decadencia do noso rural, aquí non é declive. Aínda que se manifesta o deterioro do cal, reluce o branco, en casas de fartura que exhiben soleira e balconadas. Casas a feitura do que se consume e do que é excedente, con adegas enormes que recenden ao que a videira ordena. Pallares de barrotes para secar herba e palla: a medida xusta do que se precisa conservar para a mantenza de gando groso e de miudanza.

En Guxeva percíbese o prodixio dunha terra fértil, envolta e tapizada por unha paisaxe incomparábel, que tempera a súa personalidade individualizada, tan súa e tan soia como ofrenda das divindades. A imaxe que nos dá esta aldea é comparábel a aquela terra de promisión que encontramos no libro de Deuteronomio 8, 7-9: “Olla que o Señor, o teu Deus, vaite levar a un país bo, terra de regueiros de auga, de fontes e piagos que saen das veigas e das montañas; terra de trigo e de cebada, de viñas, de figueiras e de romaceiras, terra de aceite e de mel; terra onde has de comer o pan á mesquindade, onde nada che faltará”.

O cadelo e mais eu percorremos Guxeva sen ver a ninguén mais que a señora da advertencia. A demografía aquí tamén está de rebaixa, aínda que unha casa de estrea, con vistas ao Miño e ás terras de Diomondi e Mourelos, no Saviñao, testemuña a presenza identitaria do que non debemos perder: o herdo de tódalas emocións posíbeis ilústranos neste recuncho paradisíaco coa presenza activa dunha cultura e, aínda, dun espazo cultual que nos xustifica ser galegos e amar esta terra pródiga, aínda en súas decadencias. Guxeva ben merece unha camiñada, unha reflexión e, como París, unha misa.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras