B. B. King - 19/05/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A morte do maior cantor e compositor de blues, B. B. King, reclama procuralo en algunha dimensión deste planeta onde a súa voz inmorredoira continúa ofrendando ecos que nos liberan. En algún dos albores do noso espírito hai un refuxio onde os acordes, sensíbeis e apaixonados, sentencian o mais grande que a música ten reservado para conmovernos: engrandecernos.

Aínda non sei ben manifestar o que sentín naquel verao de 2006, no Festival de Ritmes del Pople Espanyol de Barcelona onde B. B. King foi o rei da escena daquela noite que transmitiu ese poderío de voz, de xestos, de articulacións de dedos sobre os fíos de “Lucille” a súa guitarra.

Un prodixio contaxioso e comunicante que chegaba as mais de cinco mil persoas que estábamos no recinto do Pople Espanyol. Un obsesionado misterio acordaba a espidas almas, como a miña, para encherse desa espiritualidade transcendente que ofrece o blues. Naquela noite desentrañei parte do misterio desa música vocal e instrumental, evocadora de melancolías e tristuras existenciais que as comunidades escravas dos Estados Unidos teceron en harmonías espirituais que cantaban nas igrexas e nos campos de escravitude, con ese puro acento africano de liberdade. O blues é a máxima expresión da musica espiritual negra; desas voces doídas e maltratadas que fecundaron a música popular estadounidense.

E desde esta universalidade espiritual e popular, que representa o blues, entendemos o prodixio dunha voz órfica como a de B. B. King, o home que naceu nunha cabana de escravos de Berclair (Misisipi) en 1925, e criouse nun campo agrícola de produción de algodón, do que el foi recolledor do mesmo. Aquí ouviu eses cánticos espirituais de tradición escrava; eses lamentos de tristura e morte dos vencidos da guerra secesionista do sur.

B. B. King representa esa expresión rexeneradora da cultura afroamericana, de enorme incontinencia que conquistou o mundo da creación musical, en tódalas dimensións que significa o blues alén de conceptos etnolóxicos e antropolóxicos. King, continuará reinando nas esferas mais sensíbeis da música que emana do espírito.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras