'O albergue das letras' - 23/06/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Hai poucas semanas que estiven no Porto asistindo a presentación do libro: “O Albergue das Letras”, da autoría de Manuel de Lima Bastos. Un manual ensaístico moi interesante para percorrer as obras de Ernest Hemingway, Álvaro Cunqueiro, Brito Camacho e Aquilino Ribeiro. Para nós os galegos, non deixa de ser interesante a ofrenda que nos fai de Lima Bastos, sobre Álvaro Cunqueiro que o tratou persoalmente e se mergullou na súa obra. O apartado que ocupa a segunda parte do libro e que titula: “Don Álvaro Cunqueiro e a Invenção da Portugalicidade”, ocupa desde as páxinas 43 á 77, e cos seguintes apartados ou títulos: “Don Álvaro Cunqueiro, o Sumo Sacerdote Druída da Galiza”, “Sentado con Dom Álvaro Cunqueiro no Jardim da sua Poesia Trovadoresca”, “Dom Álvaro Cunqueiro, o Fin da Tarde en Vigo e um Conto da Tradição Popular Galega” e “Um Conto da Tradição Popular Galega Ouvido Talvez a Dom Álvaro Cunqueiro.

Variadas son as ofertas que o escritor portugués nos fai dun dos grandes autores da escrita galega. Manuel de Lima Bastos comeza a describir as súas descubertas na Galiza: “Por meados da década de sesenta e até finais do século passado, rara era a semana que não passasse um dia na cidade de Vigo, umas vezes por rações profissionais embora muitas outras não tanto como isso. Foi vezo que me ficou da juventude: para quase tudo, as minhas cidades bem amadas foram sempre o Porto e Vigo. Por elas discorri amiúde e nelas me sentia tão a gosto como se estivesse en casa”.

Manuel de Lima Bastos (1940), de profesión avogado e natural de Santa Maria da Feira, esa cidade belísima con castelo medieval, no distrito de Aveiro. Especialista da obra de Aquilino Ribeiro, da que leva escrito varios ensaios e, tamén, da obra de Álvaro Cunqueiro, ao que tratou, conviviu e interrogou. Por iso que a súa pescuda faise obrigada para unha descuberta maior sobre o escritor mindoniense. E neste seu percorrido esboza puntuais pinceladas biográficas de Cunqueiro, aínda que son sabidas para os galegos moitas delas, non tanto para os portugueses, de Lima Bastos trata de situalo, ao sinalar: “Foi dos primeiros militantes do Partido Galeguista fundado por Alexandre Bóveda no qual coexistiam o nacionalismo de esquerda de Suárez Picallo com o conservadurismo anti-marxista de Cunqueiro que trabalhou afincadamente na campanha em favor do Estatuto de Autonomia da Galiza de 1936. Apesar das ideias assumidamente conservadoras entreteve duradoura amizade com Luís Seoane, um importante e talentoso pintor e desenhador que apoiava a corrente de esquerda chefiada por Suárez Picallo”.

Así descorren varias secuencias da vida de Álvaro Cunqueiro descritas pola puntualidade dos ditos e dos feitos que recolle Manuel de Lima Bastos. Estamos ante un libro moi interesante que compre ler polo miúdo e concertar as diversas fases en que o ensaísta portugués nos leva a redutos moi persoais, froito da longa amizade que tivo co escritor galego. Hai temarios moi atractivos que, a partir da lectura deste libro, pode que nos reconduzan a un interese superior de indagación sobre Álvaro Cunqueiro, aínda con rexistros da súa vida e da súa obra sen descubrir.

“O Albergue das Letras” está publicado por Sopa de Letras e véndese na libraría UNICEPE do Porto.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras