Proclamación do outono na Ribeira Sacra de San Fiz de Asma - 17/11/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A metamorfose intensifica seus cambios cíclicos no que se ordena na estación de outono, en seu incontestábel manto de beleza que impón, no troco de follas, ese esplendor marabilloso que enche de alegorías imperturbábeis os nosos ollos. Ese fulgor que nos conmove non pode verse con olladas xlgarciapaisaxes2perdidas. Os tons envolventes das follas vermellas, en súa transcendencia de ir acompasadas por estéticas formas, na beleza que nos ofrece a decadencia deste outono que vigoriza outra atracción de vernos, intimamente ligados, nos reflexos da vida que se murcha anunciando próxima invernía. Tempo xélido dunha morte serena na que a natureza outonal cala para sublevarse con seus acentos xerminais de primavera.

Por estas cadenciosas ribeiras, os viñedos de San Fiz emiten seus sons harmónicos de venerada naturalidade, onde as follas vibran nese vento lixeiro que nutre aos nosos tímpanos de severísima calma musical. O cántico da natureza ten o seu solio nestas vides retortas e ancestrais que nos falan -quizais- de preservar a orde das cousas emitidas e conservadas nese legado dos que poboaron a cimeira dos castros e outeiros desta ribeira no século VIII, sendo un dos seus mentores o bispo Odoario. E despois veu a ampla repoboación do século XII, coa forza dos monacatos que deixaron pegada neste espazo ribeirao: a marca da orde e da regra dos bieitos e dos bernardos, os que deixaron ciencia e sabedoría permanente, para os que nunca se dobregaron ante outros saberes.

Nos viñedos de San Fiz mergúllanse varios perfís do pasado, tanto do herdo como da memoria transcendida e subliñada até fai pouco. Si. Fai pouco que estas valgadas e costoiras están soportando cambios baixo unha neglixencia consentida nese desorde admitido desde o concello e, tamén, polo patrimonio que, para nada, é consciente desa degradación e agresión que soporta este espazo ribeirao en desfeita, con ese modelo de casas feitas á medida de vanas pretensións de aparencia e goce terreal que alteran beleza e anulan o bo senso dos que planificaron o aproveitamento desta conca miñota, por medio de pétreas terrazas e de longos socalcos, con adegas acochadiñas na funcionalidade que depara aos viñateiros. Todo un microcosmos delicado e produtivo modelado por aquela incontinencia e loita permanente por adobiar o destino das cousas, convertendo aquelas antigas terras ermas e produtivas, cultivando a vide e connotando nela unha variedade de labores que os viñateiros de San Fiz son perfectos artesáns e ascetas materiais que consagraron os valores da tradición nun espazo formativo que se ve depredado en varios dous seus espazos e atributos.

xlgarciapaisaxes1Nestas ribeiras persiste o pasado con súas sinais de identidade e con seus arroutos de fermosura que se mostran nesa inmensa plantación de cepas que rematan de ofrendar a colleita de viño novo. E un dá un paseo polos viñedos da Peneirada e observa as cachoeiras do río Asma, nun cantar ledo e rebuldeiro, entregando seu decoro fluvial ao patriarca Miño, no pozo Piago. O asombro do visitante non cesa, polas ladeiras que o río atravesa a incontinencia da paisaxe, en seus labirintos, onde se acocha a flora e a fauna, tan especial que pide ser reserva natural a tímpanos xordos das diversas e pasivas administracións que, en tantas circunstancias convértense en depredadoras.

E un vai indo coa mágoa ás costas ollando o antigo solar dos lares de Roimil, onde nin casa, nin barullo de palabra, nin chamada de barqueiro, nin bater de remos dirixindo barca existen. Nas vereas antigas e nas estradas novas que serpentean esta ribeira, desde os viñedos das Glorias até o confín do Inferno, nos rentes onde o Miño coa boca do demo berra desordenado. Do mesmo Inferno sae o viño que afama a San Fiz, loado por Avelino Gómez Ledo, AnxelFole, Álvaro Cunqueiro e Manuel María. O viño do Inferno nunca foi blasfemado o seu sabor, grado e tinte. Viño de ofrenda en eucarístico padal que non desdí a grata elaboración desa vella estirpe dos viñateiros chantadeses.

E un vai indo entre follaxe, inercia do destino, de ser desta terra cativadora e fermosa que nos concentra e convoca nestes repregues que deseñan a nosa ánima panteísta, apaixonadamente galega. Por eses cotarelos persiste o clamor ante a antiga casa da Granxa, dadora de excelente viño en reitoral de abade e acugulando canados nas antigas adegas episcopais de Lugo. E na banda do Saviñao, as frondosas forestas de Santo Estevo de Ribas de Miño, con seu mosteiro exhibindo misterio dos onte gloriosos do que xa pouco entendemos das súas emancipacións.

Proclámase outono no que se desdí desta ribeira de silencios. Do que se muda e do que se leva das transcendencias personalizadas da metamorfose dos soños. Mais xa ninguén pode soñar con tempos mellores, polo que se desfai nestes desconcertos de angustia e de incesante intromisión con este sistema espacial onde as afrontas non cesan en súas insidias.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras