O Carballo de Cabreiros - 23/11/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Para Anxo Moure e Marta.

Cabreiros é un deses insólitos lugares da parroquia chantadesa de Camporramiro, elevado en monte amplo e sorrideiro onde o sol esmalta seus praceres de elocuentes vistas cara o norte. En horizonte aberto Cabreiros asexa longas terras de veigas e cómaros até os altos de Merlán, que marcan o lonxe das mais íntimas proximidades dunha certeza que convive coa terra aberta e desexada. Transitar por estas paraxes abertas e con lustre bucólico que outean ao nordés profundo. Resúltanos vital cando nos deixamos engulir polo clamor desas vistas lúdicas que proclaman reencontros e perpetúan residencia.
carballo1Cabreiros é un deses lugares aldeáns que nos proporciona achegos de admiración as súas robustas casas de granítico albo que foron envellecendo, mais resisten as ventaladas do norte e teñen ese respiro de nobreza nas amplas portadas e do brasón de armas, na chamada casa do capitán, onde houbo liñaxe folgada con suculentos celeiros e adegas de viño para os praceres que non disimularon envexa en casa de pobres.

Cabreiros é ese lugar labrego de bo asento para ollar o microcosmos que o rodea e emancipa. Como indica a súa toponimia, é terra de cabras montesías e de pastoreo groso, como indican eses fértiles prados con rebentos de auga animada que bule e produce apastadeiros, outonizos e campas verdes que manteñen boas vacas de fartura e plenitude de relucente pelaxe. Prados en súa verdura, con regos e regadas onde a auga apresurada, canta e danza en seu descenso cara o regato de Santa Lucía, que alboroza estes eidos co son das súas cachoeiras, coa présa de entregar as súas augas ao río Miño.

Cabreiros é unha terra fértil, o mais parecido ao edén confortábel e fecundante que produciu mantenzas que marcaron a nosa dieta chantadesa, neses soutos de castañas; nas devesas de carballos de repoludas landras que deron mantenza a carnosas cebas de porco, polas calendas de S. Martiño. Patacas en seus trollos e terras pesadas; centeo e millo en seus agros, no alto cume que rodea a este lugar ben plantado e agromado. Mais Cabreiros soporta esa decadencia estrutural e demográfica que fai tremer o vital da ruralidade galega, soportando os malos tempos de aconteceres dramáticos para os nosos campesiños. Pese a todo, seus reducidos veciños seguen albiscando cara ese enorme plano aberto de resplandores e claro escuros do norte, no que comeza a reducirse as vocacións de repetir os labores e a cultura dos nosos ancestros e, sobre todo, estar en tódalas resistencias posíbeis.

carballo2Mais o emblema de Cabreiros é ese carballo de centos de abriles que recendeu primaveras e que atopamos nos rentes do antigo camiño real, hoxe estreita estrada que nos conduce a esta aldea, e nos obriga a parar e desexar botar unha parrafada con el; porque aínda que non fala, el escoita e dos seus silencios sacamos idílicas conclusións. O dito carballo resiste ante quen o ignora e aínda permite agresións dos que o depredan, a non coidalo e mimalo como súas guedellas de vello demandan. Un formato prodixioso con torada enorme que sostén a mais de vinte grosas e altivas pólas, gallos e ramallos elevándose ante quen o aloumiña, con seus resplandores: o sol.

Esta árbore talentosa e acomodada no beiral desta calzada ascendente, realmente ignorada polos que desprezan o patrimonio forestal; polos que tratan de ignorar un ven tan esencial como é o coidado ecolóxico que merecen este tipo de harmónicos exemplares. É verdade que os políticos de onte e de hoxe ao fronte do Concello de Chantada ignoraron os baremos medioambientais que debe rexer nun municipio ben organizado na protección de espazos naturais e individuais como ao que nos referimos. A depredación que soporta o carballo de Cabreiros, non só son as silvas e outras plantas que trepan a súa corpulencia, é a frialdade de sentimentos, a ignorancia e o mirar cara outras perlas desexadas en política. Os concellos teñen a obriga de coñecer puntualmente o noso patrimonio forestal. Ademais, teñen prerrogativas legais para protexer estas individualidades, tan marxinadas pola falta de iniciativas institucionais.
Compartir

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras