O legado literario de Pepe Neira Vilas - 28/11/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A morte sepáranos de Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015), mais non do seu importantísimo e indispensábel legado literario que nos deixa aos galegos. A morte física sempre sorprende, mais a súa obra inmortaliza os avatares da vida e as transhumancias dos galegos, que Pepe Neira testemuña nun dos actos mais humanos e sublimes como é a literatura. O dar fe do cotián labrego e emigrante como elemento esencial de apertada vida: mísera, pobre e humilde. Nestes tres grados de correspondencia existencial, Pepe Neira teceu a súa obra, onde a Galiza real non suplanta veracidades do esencial do noso rural. Aí está a plenitude do escritor de Vila de Cruces dando testemuña dos códigos e comportamentos que rexían ese universo tan complexo e marxinado da nosa labregancia, con síntomas de decadencia, pero albergando os atributos, tan concisos e puntuais, da nosa identidade. E nela está o que mais nos vencella ao que Neira Vilas prioritario na preservación e divulgación do noso idioma.

Debullando as circunstancias daquel neno labrego de Gres, o Balbino autobiográfico no que tódolos nenos labregos nos recoñecemos, desbórdase a plenitude dunha cultura e, tamén, o desgarro social que esnaquizou tantas cousas básicas dunha Galiza de seu. A sublimación daquela sociedade vivida por Pepe Neira, veu a ser portento dunha historia tan nosa e tan realista sobre as nosas sinais de identidade e comportamentos normalizados no amplo ambiente do rural. “Memorias dun neno labrego” é o relato mais nítido que nos congrega ante un libro indispensábel para recoñecernos no prodixio da nosa idiosincrasia. Un libro onde todos nos reencontramos na solidariedade e na autenticidade dun rol creativo no que fermentaron comportamentos e actitudes que se connotan na nosa cultura. Nas “Memorias dun neno labrego”, está a nosa historia infantil e de adolescencia, persuadíndonos nesa alegación de que nós pertencemos a un microcosmos con identidade, capaz de modelarnos nesas correspondencias sublimes que nos identifican como cultura diferenciada. Neste sentido, foi Pepe Neira quen nos revelou suficientes matices e tránsitos vivenciais para comprendernos, nun país de tantos minifundios. Pero con lustre de ser nós e proclamarnos en tantas autenticidades que patentan país.

A prolífica obra literaria de Pepe Neira Vilas ten diversas vertentes expresivas e sempre orientadas cara o celme da nosa universalidade, tan personalizada nos contrastes sociais que provocaron diferentes éxodos cara América. “Memoria da emigración”, da súa autoría, é unha publicación en tres volumes, que constitúe unha crónica moi interesante do que se ten escrito sobre as andainas da nosa emigración. El foi emigrante en Arxentina e despois en Cuba, países onde se realizou como escritor, Estivo virado cara as causas galegas, tal como manifesta nestas crónicas de verdadeira descuberta e sobre insólitos avatares dos galegos fora da súa terra, facendo posíbel esa memoria connotada en tantas historias persoais de emigrantes que el tratou de darlles vitalidade e permanencia. No acto de recepción como académico numerario da Real Academia Galega, o 17 de novembro de 2001, o seu discurso de ingreso, titúlase: “A Cultura Galega en Buenos Aires: 1950-1960”, un grato relatorio sobre a presenza da cultura galega en súas variadas dimensións que se deron nese período na capital Arxentina.

Pepe Neira foi un dinamizador cultural en Buenos Aires. En Cuba sumouse á revolución, xunto coa súa muller cubana, Anisia Miranda, e ocupou varios cargos no contexto da cultura e do xornalismo en tarefas próximas a Fidel e ao Che, sen deixar de estudar as andainas de centos de miles de galegos que fixeron patria galega en Cuba e itinerancia polo Golfo de México. En Cuba fixo cousas nada rudimentarias, como os estudos sobre a emigración e inventariou as publicacións galegas nesta illa caribeña. Escribiu en varias publicacións cubanas sobre Galiza. Pepe e Anisia foron a ponte necesaria para manter ese vencello entre a nosa terra e Cuba. Tamén, unha porta aberta á solidariedade dos galegos da Habana, na súa casa do Vedado, ao lado do Hotel Meliá, até onde peregrinamos tantos galegos.

A cubanidade revolucionaria foi algo que sentiu e difundiu. Lembro aquela visita a Barcelona, onde presentou a quinta edición de “Memorias dun neno labrego”, no Centro Galego, aquel sábado 11 de novembro de 1972. Servidor foi un dos convidados á cea en honor de Neira Vilas, era un encontro restrinxido, case clandestino, houbo discursos e Pepe, agasallounos cun cacho de lata dun avión norteamericano derribado polos comunistas de Vietnam. Aquel acto resultou moi emocionante naqueles momentos de loita contra a satrapía franquista. Desde aquel encontro permaneceu unha longa amizade e, sobre todo, unha solidariedade, dando noticias desde A Habana, enviando libros. Sempre mergullado na autenticidade dunha resistencia que abriu canles culturais e de compromiso social político. Un escritor forxado nos acordes humildes de Gres, na emigración, na loita dos oprimidos e sen voz. Foi coherente co que pensaba. Amou a Galiza, volveu a ela e mergullouse en latentes compromisos. Como sempre, nas súas entretelas mais sólidas e entrañábeis ía a Galiza irredenta. Un intelectual popular con vivencias torrenciais que as soubo expresar na súa escrita, con cálida e inmorredoira intensidade. Pepe Neira Vilas persistirá en multiplicar reencontros nas esencias do que xa levita.
 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras