A soidade da Casa Grande da Cancela- 12/12/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Fai poucas semanas que fun avivar lembranzas a ribeira de Altamira e Viñas Vellas, na parroquia chantadesa de Sabadelle. Intentei baixar por aquel camiño ancho e longo que truncaron as augas encoradas do Miño e mesmo a estrada, chamada de Porto, que pasa diante da miña casa de Podente. A casa cancela 1lembranza levoume a ese lugar fértil e maxestoso que se acomodaba na banda dereita do río, asolagado desde fai cincuenta e tres anos. O que eu procuraba, nese horizonte de ribeira, era a ruta do camiño real que ía á barca de Porto desde Chantada. E baixaba por esas costas tan accidentadas desde Pena do Couto, igrexa románica de Pesqueiras, Lagares, Viñas Vellas, A Rega e Altamira, en tódolos seus rebordos, até o embarcadoiro que tiña Porto. O tempo mudou os perfís destas ribeiras e un só pode permitirse non teimar polo que xa non existe e reconducir a volta, bordeando esa longura de río, por Fondodevila (Sabadelle). Atravesar Pesqueiras polos lugares de S. Miguel, Eiroá, A Chabola e Soilán, até chegar a Pena do Couto (S. Fiz de Asma), onde un retoma o antigo itinerario do camiño real, hoxe estrada asfaltada, que nos conduce por unha esvelta e delicada paisaxe de prados, bañados polo regato de Lamaprado, nome que lle dan os de Pesqueiras e S. Fiz. Os de Merlán chamámoslle regato do Soutiño que, curiosamente, nace na antiga fonte de Podente. E nesa soidade, un vai aos poucos escoitando o cantar garuleiro desas augas agasalleiras que fan romaxe iniciática para contemplar ardentía paisaxe. No regato, fai séculos, asentábanse os muíños do pazo do Piñeiro, onde os señores de Arce cobraban maquía e soldada, contada e ben rimada ao son do rodicio.

Na costiña do regato está ben asentada e aireada a casa da Cancela, que en documentos antigos aparece rexistrada como Cancela do Val, de S.Fiz de Asma. Unha casa só, como primordio dese longo val que vai desde Merlán a Costoira. Esta casa antiga aínda resiste sen os seus moradores a silencios e tempestades. Aséntase mesmo no camiño real que segue até Pousada de Chantada e pasa por Meixide Pequeno e Lamamarín, ambos lugares de Merlán. As fanegas de agro aberto cara os horizontes do que foi labradío, son hoxe prados sen gando, mais o promontorio pétreo da casa da Cancela anuncia memoria e grandeza de ser pousada de viandantes e de cabalarías que viñan de alén Miño. Cantas historias e convivios garda o granito desta casa; cantos contos e argalladas se teñen dito nesa pedra longa que convida a sentarse nela a persoas cansadas e devastadas por farturas de traballos. Podíamos chamarlle a pedra do bo repouso e, tamén, da plenitude da merecida folganza cando os anos se debruzan sobre resistente caxato. Na portada unha cruz de ferro, preservando pechadura e as dádivas da lareira.

Aquí houbo forxa e ferreiro. Sonoros ecos saídos do bater do martelo sobre a zafra. Música especial de rotundo eco, era o que producían e estilaban estes ferreiros de aldea. Mesmo, da estirpe de Vulcano. Tiña sona o ferreiro da Cancela! A súa forxa era unha especie de santuario onde se daban cita os de S. Fiz, Pesqueiras, Merlán e Líncora. Aquela forxa era un medio de comunicación indispensábel para manter a vixencia das noticias: auténtico foro onde se permitía a liberdade de expresión, ben expresiva e expresada en palabras finas e blasfemias ben sonadas. Sobre as rutinas do cotián mais peculiar e dos acontecementos de ocasión había que procuralas nas forxas. Se os xuntoiros dos muíños tiñan fama, o das fraguas non restaban. O ferreiro da Cancela, alén de calzar un apeiro de labranza e de cravuñar o gume de útiles domésticos, compoñía navallas e coitelos en variados modelos. Era un artesán no forxar do ferro e convertilo en arte ben sonada; en compor chaves, pechaduras e ferraduras. Ademais exercía de ferrador de cabalerías. E como non, tamén de tiradentes. Como se ve, o ferreiro da Cancela foi un verdadeiro enxeñeiro sen título, carente de aritméticas e estéticas. Seus cálculos estaban no golpe de vista e no tacto. E neste seu ir pola súa profesión, acadou a gloria que lle concedeu a súa clientela e polos seus discípulos, que non chegaron a superalo. Unha gloria ben ganada e merecida que sempre a ocultou nos redutos mais incógnitos da súa forxa.

casa cancela 2Eran tempos de plenitude cando esta casa a habitaban o señor Bieito e a señora Elisa, (“pequena de corpo e grande de esforzo”) e os seus fillos: Xosefa, Pepe (O Fento) e o Manolo, que aleiraron o val para sementeira, nos ires polo abeiro dos sucos, coa rutina ás costas cara un destino fatal que deparan estes tempos de fuxida. A casa da Cancela, aínda enteira, mergúllase na paz dos silencios que permite destrución deste monumento solitario que resiste proclamando permanencia, pese a estar mais de trinta anos pechada. As fisuras das paredes, as fiestras estragadas, ese monumental e seco castiñeiro que deu mantenza segura en tempos de fame; o pozo sen alpendre, a pedra do faladoiro agardando unha dádiva do parolar aldeán. Os que pasan apresuradamente pola Cancela obvian esta realidade de abandono, dun dos espazos mais sobrios deste val ameazado polas gadoupas da incomprensión. Aquí, o silencio conséntese na precariedade admitida. O noso rural permanece en desfeita, baixo un síntoma de covardía que enmudece o debate posíbel, que debía ser prioritario para aqueles que teñen que abandonar o seu espazo, por falta de futuro. Talvez por falta dunha proxección agrícola que as institucións son incapaces de fomentar para crear un plan de sustentabilidade que remate con esta sangría. A casa da Cancela do Val mostra aos neglixentes oprobio e desolación. Todo un símbolo para enumerar tanta depredación que marca desfeita consentida.