A ousadía de ser deputado - 23 Xuño 2016
logo nosjpg

Xosé Lois García

Boa parte da cidadanía pregúntase e mesmo desconfia, acertadamente, por ese fervor que manifestan os que intentan ser “representantes do pobo” nas institucións democráticas, nesa loita polo voto de continuar apousentado no escano, ou conseguilo de novo. E nestes intereses de preservar e conquistar os dons económicos e a vida privilexiada que concede ese sitial no parlamento,   proxéctase toda inventiva de desafíos, de argumentos mentireiros, o todo vale na descualificación do colectivo inimigo -para eles, nunca adversario-. Así florece en cada campaña o desafío verbal, que tantas veces roza coa impunidade. Neste sentido, a verborrea tan personificada nas entelequias do absurdo, tendo como fin o desprestixio dunha maneira inmoral e personificada no peor estilo de escoller a estratexia feridora ao prezo que sexa,  con tal de hospedarse no poder. É así como a cidadanía entende que alén da defensa ideolóxica que cada un deles teña, está o afán de non deixar ou de posuír a cadeira acomodaticia que para eles ten un valor económico importante que lles merece a pena o sometemento aos ditados dos aparellos piramidais do clan político, ben merece estar nas orxías do poder e consentirse entrar no fraude e nas aventuras da manipulación.

Este ousado empeño por manter privilexios no dogma mais acomodaticio con tal de obter vida cómoda, é o mellor enxeño que practican os mal chamados políticos, mesmo os que  transgriden a impermeabilidade da famosa frase de Aristóteles: “O home é un animal político”. A degradación persistente dos mal chamados políticos -non xeneralizo-, non deixa de ser un cancro que corroe os valores democráticos. Así son os políticos que entran nunha vía perversa de tal incontinencia que non son merecentes de chamarlles políticos. O bon senso da política é outra cousa ben diferente ás artimañas que eles practican. Ser parlamentario, en fin, é unha bicoca que encontran os deputados nun paraíso inmerecido. Nesa conquista por un escano converte ao gañador en animal insensíbel que mantén unha imaxe falsa do que realmente non fai. Mais xa logrou un oficio que cada catro anos ten que defender con tódalas elocuencias destrutivas a seu alcance para preservar a cobizada poltrona. Este é un dos alcances de perversión que a sociedade ten en conta, en mira e en destaque, aínda que o admita. 

A degradación persistente dos mal chamados políticos -non xeneralizo-, non deixa de ser un cancro que corroe os valores democráticos

Se entramos nun mínimo de datos sobre os privilexios, prebendas e inmunidades que ten un deputado,  con excesivos soldos que non teñen nada que ver co salario mingüe dun albanel pendurado nun andamio ou a dun mineiro no subsolo da terra, vemos as entrañas inmorais do poder “democrático”. Pois, canto ao sistema de avaricia personalizada nos axentes institucionais e de representación, notamos neles o afán tan desproporcionado por aqueles que levan anos, na eternidade da poltrona. Basta non esquecer a Alfonso Guerra que desde 1978 estivo no parlamento central até o pasado decembro; Cisneros, desde ese ano até que faleceu, por nomear a dous dos representantes dos maiores partidos do bipartidismo tradicional. Alí estiveron e están outros dunha maneira pasiva e congratulada, como santóns sen caducidade no altar das admiracións dos seus acompañantes de hemiciclo.

Estamos vendo aspirantes na lista electoral, iniciados cuquiños de raquítica intelectualidade, que botan peito e erguen voz para ser cridos no “bon facer e acontecer” ante unhas masas que están deixando de ser crédulas deste tipo de apalabrarías que tentan filtrar aos inxenuos. Mais esta é a medida das diatribas que tentan filtrar. Deste tipo de discursos, lembro un comicio en Vila do Conde (Portugal), após do 25 de abril, cando un candidato da dereita e de rancia prepotencia, prometía tesouros do Ciprianillo, alegando que el andou por aqueles lares e entre herbiñas como o pobo campesiño; entón unha oportuna voz perfumada de conciencia popular, berrou: “Então ti es grilo”. Fai poucos días que servidor escoitou un candidato lucindo seu esquerdismo e deostando  con moita demencia inquisidora a seus adversarios de mesa, con ollos duros e lampos, voz categórica non breada nas artes cicerónicas, tratando de inculcar a súa verdade, con careto de energúmeno emerxente. Dá pánico elixir a tais persoeiros. Deste aspirante a deputado saquei unha conclusión: ser un perfecto economicista para converterse nun asiduo poltroneiro e perigoso individualista. Por tanto estamos no máis rudimentario das estrataxemas para vivir dunha maneira estelar.  Así as democracias non funcionan. Ah, non son un ácrata, son un desenganado. Chega.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras