A relevancia festeira no noso rural - 07 Xullo 2016
logo nosjpg

Estamos ante unha tradición, a das festas, que vemos minguar en certos espazos do noso rural, polo descenso demográfico e pola introdución de temas foráneos que alteran as consabidas irmandades de festa  que respiraban enxebreza. As novas xeracións xa están posicionadas na mudanza dos tempos e nun ritmo devorador da tradición mais xenuína dun pobo. Os detectores destas mudanzas na Galiza foron os nosos poetas. Manuel María relata no seu poemario, “Versos para cantar en feiras e romaxes”: Á sombra das vellas carbelleiras / xa non se escoitan muiñeiras / como no tempo dos avós”. Se nos remontamos ao século XVI portugués encontramos as queixas do que se perde, no quiñentista Gil Vicente, que alertaba da alteración da tradición, ao dicir: “Em Portugal vi eu já / en cada casa pandeiro, / e gaita en cada palheiro; / e de vinte anos acá / não há gaita nem gaiteiro. // Só em Barquerena havia / tambor em cada moinho, / e no mais triste ratinho / s’enxergava hüa alegria que agora não tem caminho.” Nesta visión tan nítida do que se perde, o poeta brañego, Noriega Varela, escribía estes versos en 1904: “O que a Galicia mal queira / pode vivir sosegado: / fun o vinteoito á feira / e non vin unha monteira, / nin un dengue colorado”.

Nesta nosa Galiza actual o pasado histórico non se renova e actualiza, aniquílase por decreto. Aos colonizadores actuais moléstalles a perpetuación do pasado. E no prodixio do pasado, a tradición aínda respira nestas manifestacións festeiras. Ante tais carencias e decadencias debemos practicar un código de conducta que axude a manifestar e proclamar as nosas festas e romaxes nesa dimensión tan singular de vivencias e convivencias.

As nosas festas tradicionais son un dos atributos que revelan autoridade comunal da nosa singular personalidade, que marca no ser e no estar a emoción mais contundente de ser galegos. De vivir e convivir dentro dos nosos lindes xeográficos marcados polo noso idioma, pola nosa psicoloxía propia e pola sostenibilidade dunha antropoloxía e etnoloxía que nos diversifica dos demais. Esa cultura inmaterial, tan ben expresada nas festas do noso rural expresa a sobria recolleita dun pasado que lexitima todo un ventallo identitario no que permanecemos. Sobre a transcendencia da tradición festeira do ciclo castrexo, dixo Estrabón: “Os galegos eran frugais pero non desprezaban a fartura e a ledicia dos banquetes festeiros. No intre de beber o viño executaban danzas ao son de frautas e trompetas, consistindo en pórse en rolda, choutar no ar, e axeonllarse”. Nesta mesma dirección, referiuse o cronista Silio, cando describe aos mozos galegos que ían no exército de Anibal: “Cantaban versos descoñecidos, divertíanse facendo resoar seus escudos e emitindo un ululare (aturuxo)”. Velaquí os vestixios e as frecuencias da tradición que aínda permanece connotando presenza e convivencia.

As nosas festas tradicionais son un dos atributos que revelan autoridade comunal da nosa singular personalidade, que marca no ser e no estar a emoción mais contundente de ser galegos

Como podemos explicar esa transcendencia do pasado que permanece no presente, sen valorar ese sentimento nacional aínda que non teñamos conciencia de nación? O proceso histórico destas manifestacións festeiras anticípannos a ir á orixe común destas prácticas. Aínda que os nosos colonizadores pretendan dicirnos que hai unha ruptura entre o pasado e o presente, no caso galego e que todo é inútil recoller o que xa foi. Mais, coidadiño coas pretensións de homologación e das tendencias que afloran no desprestixio das nosas manifestacións culturais erixidas polos colectivos populares. Unha das tradicións mais potentes e comunitarias son as festas, non as que nos introducen do exterior, senón as que se sustentan co noso espírito comunal e identitario. Neste sentido, non cabe entrar en metafísicas para comprender o comportamento dos galegos, só o estímulo destas manifestacións aclaran moito sobre a nosa personalidade conceptual, ante pautas dos que intentan perturbarnos con outras expresións foráneas.

Cando o pobo recoñece e potencia a súa autenticidade, reafirmándose na tradición como protagonista de alentar irmandade comunal en festas e romaxes feitas á medida das súas necesidades emotivas, está cultivando o herdo cultural que emitiron os nosos devanceiros. No que sempre estaremos na obriga de potenciar o fundamento desa orixinalidade creadora para dar continuidade ás esencias identitarias. É por isto polo que temos a obriga de defendelas e sostelas criticamente fronte ao despoxo, voracidade e deformacións interesadas, rescatando e potenciando esa luz festiva que a mediocridade tenta escurecer. A tradición cultural dun país como o noso, non soamente é o que se le, o que se di e as imaxes que se emiten del dunha maneira extorsionada e interesada, hai outros valores instrumentais que debemos activar para dimensionar e continuar potenciando convivencia popular, para asegurar a súa continuidade en conceptos sociais, cívicos e culturais.

Por que os galegos conformamos unha nación? Porque temos un sentimento que nos leva a expresala en moi diversos e puntuais eventos como nos milleiros de festas e romaxes da xeografía galega. Se damos unha retrospectiva aos eventos festeiros e festivos, desde o que sinalou Estrabón, pasando por Prisciliano, polas regulacións dos tres concilios de Braga, da indispensábel aportación do mundo trabadoresco galaico-portugués, cuxa expresión máis contundente de afirmación tradicional e popular son os nosos Cancioneiros, dadores e transmisores do noso existencialismo nacional. Entre tanto, estamos no verao festeiro onde os estalos dos foguetes, o badalear das campás e os sons musicais fan estrelecer a vida comunal cara á relevancia festeira do noso rural.