Os presos políticos da Galiza - 20 Outubro 2016
logo nosjpg

O silencio é o mellor acicate de acazapar a verdade e encubrir situacións lesivas para quen as soporta, co fin de que predomine o esquecemento na maioría da sociedade civil. É sabido que no Estado español hai presos políticos, de diverso signo e de diversa pena. Os presos políticos galegos, a diferenza dos cataláns e dos vascos, soportan esa indiferenza dos políticos chamados de esquerda e nacionalistas, nun ambiente de insólito silencio, uns por noxo e outros por medo do que dirán deles. Ou simplemente por parecer que dan a nota de implicarse en algo que non vai con eles. Solidarizarse co preso non equivale a facelo co delito que en seu día xulgaron os tribunais de xustiza, ben ou mal. Un acto humanitario non pode someterse ao silencio e menos á consideración de facer un segundo xuízo. E se isto se tolera, posiblemente estaremos compartindo a mesma demonización que fai a dereita cando amaga a realidade dos presos políticos. Isto significa incorrer nos erros non permitidos nunha sociedade democrática que goce de boa saúde e na que aínda non estamos instalados, se antes non somos conscientes dos tabús que nos atan a vetustos prexuízos que nos devoran.

Solidarizarse co preso non equivale a facelo co delito que en seu día xulgaron os tribunais de xustiza, ben ou mal

Remato de citar a preocupación das institucións catalás e vascas por estar pendentes e activas en pro de seus presos, espallados en diversos puntos xeográficos do Estado. Ademais do castigo que supón estar no cárcere, acrecéntase cando os presos están fora de seus ámbitos naturais e culturais e, tamén, prexudícase á familia do penado, cando ten que percorrer centos de quilómetros para visitalo. Unha maneira de tortura intolerábel e de illamento consentido por ese silencio dos partidos ditos de esquerda ou nacionalistas. Xa non menciono os de dereitas, porque a intolerancia e a agresividade cara os mais débiles e desprotexidos é o deles. Mais no Parlamento Galego coido que non se oíron palabras por parte da oposición sobre a situación dos presos políticos e súas familias, de redimir a pena en cadeas galegas, sen ter que ir a terras mesetarias, Asturias, etc. E esta reivindicación humanitaria non se ten feito, desde varias institución e fundamentalmente desde o Parlamento. O foro mais representativo da sociedade galega. Teñen vergoña os señores deputados? Hai que emerxer dese silencio que atrapa conciencias. Cando se di que os galegos somos diferentes a cataláns e vascos, este tema verdadeiramente o constata.

Teñen vergoña os señores deputados? Hai que emerxer dese silencio que atrapa conciencias

Isto non deixa de ser un problema de sensibilidade na sociedade galega que recolle as  maledicencias e boatos que se lanzan desde os circuítos do poder para marcar e aniquilar a quen xa foi xulgado, tantas veces con desproporción. Nesta situación hai que corrixir ese modo de calar e esquecer aos nosos presos, aínda desde o lado mais crédulo dos que estimulan posicións de esquerda, critican a dereita e posiciónanse como abandeirados da verdade e estimulan belixerancia reivindicativa na loita en casos moi concretos e prioritarios. Até aquí todo certo, mais as contradicións maniféstanse, cando somos incapaces de reivindicar que os nosos presos cumpran a súa pena nos cárceres galegos. Realmente incomoda esa posición morna e transixente, fronte a un castigo solapado de levar lonxe aos presos e causar prexuízos ás súas familias. A incomunicación é outra exclusividade da tortura silenciada.

Dentro de poucas semanas ábrese un novo ciclo lexislativo no Parlamento Galego, con nova sabia de deputadas e deputados que pertencen a unha nova xeración; breados na loita e na dialéctica de crer e crear decencia e dignidade no noso país. Coido que a palabra parlamentaria dos nosos nacionalistas debe ter rango de discusión para destapar este grave problema que adormece na catacumba das insidias. Calar equivale a tolerar e, realmente, será un activo a favor da sinistra vergoña que continúa sen resposta desde diversos foros institucionais e desde entes cívicos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras