O silabario poético de Andrea Paes - 27/02/2016
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Un título poético para non esquecer: “O mar verde de mim e As terras brancas sem açúcar”, dunha autora que transcende por tres culturas, para quen todo é lícito na observación e acomodo, no que se definen modalidades de varios parámetros culturais que manifesta neste poemario. As referencias expostas, clarifican tres escenarios vitais: Portugal, o da súa nacenza; Mozambique, o da súa residencia durante moitos anos; Suecia, país no que vive desde 1978. Tres continxencias das que non podemos esquecer ante unha lectura que nos descubra e nos permita ver os resplandores de cada un dos países polos que fixo morada e itinerancia.

É fácil entrar no temario deste libro, mais é difícil saír desas composturas harmónicas que completan o dominio e a capacidade dunha creadora excepcional, que procura que o lector non minimice cada un dos temarios. Hai versos que nos revelan magníficos momentos de diálogo que nos recrean nesa contundencia lírica. Neste libro, mostrase a lucidez creativa tan peculiar da autora; a esencia da palabra proporciona ao lector nitidez para descifrar esas imaxes que nos transbordan a propostas cara unha poesía que nos transmite a verdade das cousas que na palabra verificamos fermosas descubertas. Toda unha innovación dinámica e expresiva na que Andrea Paes manifesta: “É dentro das palavras / que eu moro. // Dentro da fonologia / ondulada das sílabas / que se conjugam, / formando a tonicidade / do meu sosego // da minha paz // do meu silêncio”.

Andrea Paes, sabe e busca con empeño a palabra, como instrumento e vehículo, para  particularizar a coexistencia da diversidade, no sentido dionisíaco de vivir nun mundo sen complexos existenciais. Esta é a oferta e, aínda, a ofrenda que encontramos na autenticidade da súa poesía. Este libro constata varios rexistros como é o amoroso, cando se concentra nos acentos clásicos do amor amado, cos respiros amatorios da tradición da poesía portuguesa, desde Camões a Eugénio de Andrade, dous titáns que configuraron a grande escola da amatoria portuguesa. Polos inicios do libro transcorren apoteóticos poemas de amor, en súas mais elocuentes preponderancias, cando di: “É o amor que eu escrevo. // É o amor de mão magras / que nos embala no colo da verdade. // Aquele amor que se vai / herdando devagar / que começa no silêncio aguado / do corpo. // Que corre lento nas veias / e aquece o sangue de cada palavra / e de cada sentir / humedecido pelo núcleo / de um beijo”. Esa herdanza manifesta a transcendencia da cultura portuguesa nos relatos mais sublimes da literatura transcendental, onde o amor non é unha caricatura banal ou unha simplicidade. Discernindo este pormenor, comprenderemos que estamos ante unha enorme poeta que captamos nos seus rexistros de itinerancia.

E nesa transversalidade cultural, propón o formato mozambicano, lexitimando a ancestralidade da África toda, coas peculiaridades de Mozambique. Non podía ser doutra maneira, vivir tantos anos na cidade de Pemba, capital da provincia de Cabo Delgado, o norte profundo da etnia dos Makonde. A das tradicións mais suculentas que uniformaron unha cultura esgrevia e unha creación artística sen par. Terra de enormes e fértiles paisaxes que arrancan aos humanos a pasividade de ollar para outro lado que non sexan elas. Esta xeografías hai que ollalas e, sobre todo, mastigalas desde a expresividade poética. Andrea Paes comprendeu ese talismán e esa metafísica que erradía neste espazo mozambicano, do que ela recolle das tradicións mais conmovedoras. Como pode ser unha noite de danza colectiva, en roda dunha fogueira e ao son dunha batucada. Curiosamente, o poema “Batuque”, expresa eses cadenciosos ritmos: “Faço de mim / o chão da noite. // E cada estrêla fica perto. 77 Fica ardor. // Eu danço / nessas fogueiras acesas // ao amor”. Nesta andaina polas terras profundas de Mozambique, Andrea Paes tráenos o misterio das cousas e a sublimidade do humano, tecendo e manifestando a súa cultura. Os poemas, “Madrugada”, “Sedução do vento”, “As acácias”, etc, etc, flúen como crónica poética nun contexto de integración. 

Sobre o inverno ventoso escandinavo da Suecia, onde a poeta reside, confirma esoutra paisaxe xélida polar, onde a poeta deixase deslombar por ese espazo tan suxerinte que transvasa a súa paisaxe poética, e tamén pola súa cultura ben diferente á portuguesa e mozambicana. Para Andrea Paes, o mundo exterior existe na plenitude de transformalo na expresión que a súa liberdade poética admite. Unha maneira de codificar e conferir permanencia a todo o que nos asiste. Nesta dirección, a poeta define as súas contundencias no territorio da creación, desta maneira: “Os poetas vivem / do lado de fora do mundo. // Vivem em contemplação, // sentados en chãos / de lucidez emocional // onde o silêncio / é a música das palabras // e a caligrafia / os quadros pintados / pelo coração”.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras