A Compostela mística de Antón Rodicio - 09/05/2016
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Lamentabelmente non puiden ver a exposición fotográfica de Antón Rodicio, por encontrarme en Barcelona, que tivo exposta no reitorado da Universidade e Santiago, baixo o título: “Luces y silencios de la Compostela mística”, que rematou o derradeiro 30 de abril. Non a observar in situ, non dificultou que a seguira a través da rede para apreciar esa exploración luminosa que Rodicio expuxo varios referentes da portentosa Compostela, onde converxen tódolos camiños posíbeis da universalidade e os seus respiros místicos. O corpus urbanístico e o tecido das rúas compendian a beleza que nos convoca a ese entusiasmo evocador da Compostela pétrea, erixida en variados modelos arquitectónicos que convocan ao viandante a integrarse nun espazo de descuberta inexorábel. As fotografías de Antón Rodicio desvelan a emoción viva e vivida por un gran artista da imaxe, que nos permite recrearnos nunha linguaxe inaudita das súas creacións fotográficas e dunha poderosa harmonía con que el conxuga os espazos desta Compostela restituída no latexar estético da súa inventiva.

Se visualizamos a Compostela fotografada por Casado, no século XX, un clásico da fotografía local, engadindo a múltiples fotógrafos ou retratistas, con miles de fotografías espalladas por diversas publicacións e outros destinos, determinan certo evolucionismo técnico na arte da imaxe. Se a todo ese volume engadimos as fotografías de Antón Rodicio estaremos falando dun excelso creador que nos transborda a outro plano de vangarda que nos estimula a non ser indiferentes ante esa Compostela envolvente, con matices que ninguén mais que Rodicio teña captado ou configurado a vitalidade expresiva, desde diversos ángulos, luz, posición e outros elementos que deixaron de ser barreira e misterio para este autor. Así é Compostela, mística ou profana, mais sublimada nas combinacións ópticas do mestre Rodicio que nos ofrenda innovadas imaxes da Compostela inmorredoira e universal.

Outra das sorpresas fotográficas deste autor son as que acuña nos dous volumes de Hércules Ediciones, titulados: “Ribeira Sacra”. Un dedicado ás ribeiras do Sil e o outro ás do Miño. Nelas podemos ollar formatos de paisaxe e de arquitectura rural engadindo os monumentos románicos que apuntalan a singular personalidade destes sacros eidos. En todos estes rexistros vemos prodixiosas tomas aéreas e non só, que acadan novidosa exposición do que podemos reconstruír desde outras perspectivas captadas pola cámara, ben diferentes ás que estamos acostumados a ver. Luces e sombras, cambios estacionais están codificados na imaxe, mostrando unha formación delicada e individualizada no que deparan os diversos microcosmos ribeiraos. Estamos ante un fotógrafo arredado e concentrado nos dominios precisos da esixencia de captar o momento certo e conquistar un espazo determinado, dándolle vida e ritmo. É así como vemos o movemento perpetuo e outras dimensións dinámicas que se manifestan no rexistros fotográficos de Antón Rodicio.

Recobrar o paraíso perdido das paisaxes e o ente arquitectónico e iconográfico da Ribeira Sacra nas fotografías de Rodicio é como volver  ao inicio das cousas naturalizadas nese panteísmo tan suxestivo que engrandécese nas súas imaxes. Cando percorro diversos espazos miñotos da Ribeira Sacra, de Portomarín aos Peares, polo inventario que rexistran os ditos volumes, noto as frecuencias e os matices mais sorprendentes dunha innovada maneira de facer fotografía. E non o digo no sentido de repetir o dito: “Unha imaxe vale por mil palabras”, coido que non é certo. A palabra é ela, en súas mais amplas manifestacións, e a imaxe fotográfica constata matices e precisións ben diversas ao que se pode dicir, mais ao que non se pode ocultar. Sen dúbida, a lente da cámara de Antón Rodicio continúa rescatando prodixios naturais en súas diversas expresións. Por tanto, a creación fotográfica deste autor non deixa de ser un código excepcional ao que temos que enxergarnos para ver o que é o noso país en diversos formatos estéticos.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras