Lembrando a César Yagüe - 29/01/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

O pasado 22 de xaneiro faleceu en Pedrafita (Chantada), o pintor César Yagüe Suárez.

pintor cesar yague suarezCésar naceu en Madrid fai 67 anos, de pai castelán (de Sigüenza) e de mai galega (de Pedrafita). A súa aprendizaxe nas artes pictóricas a comezou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Foi un home que viviu aqueles anos tolos dun renacemento das artes plásticas que emerxeron como crítica e arma concienciadora dos anos sesenta e setenta do século pasado.

César estaba naquel explosivo Madrid, no que se ofertaban cambios políticos e un novo escenario estético e expresións de combate contra a intransixencia do poder ditatorial. Era a época na que estivo de moda o alcohol e o porro; a indumentaria ácrata: barba e guedellas longas, como estereotipo de protesta.

César foi fiel á súa época. Un gran artista contestatario que soubo emanciparse e asumir unha vangarda creativa que marcou a súa vida. Nunca desprezou nin desbotou as composturas dunha bohemia ilustrada que practicou, de unha e mil maneiras. Foi un artista que concorreu ás mais asiduas novidades que el practicou.

Para César Yagüe, Pedrafita de Chantada era a terra da súa mai e, tamén, o centro do mundo emocional, que el quixo habitalo singularmente. Fai anos que mercou unha casa en Pedrafita e instalou o seu atelier de pintura, dunha maneira libertaria. “Tan livre como salvagem”, como nos diría o escritor portugués, Aquilino Riveiro. A inercia vital de César ten un factor importante na súa predisposición, mantendo un certo silencio e moderación, como elemento esencial da súa pescuda interna, na que se fundamentou a súa inercia creativa. Un artista que non aceptou pexas nin amarras, vivindo como lle petou e dunha maneira feliz e, ao mesmo tempo cruel, mais el escolleu ese destino. Un home que se mesturaba co pobo tabernario e que tantas veces evocou o líquido de Baco, unha das súas deidades míticas preferidas, á que tantas veces foi seu servidor peculiar.

César Yagüe deixa un legado pictórico importantísimo, en diversos cadros de matiz surrealista. Como correspondeu a moitos surrealistas de elaborar unha arte conceptual crítica, Cesar aproveitou esa coherencia e introduciu a súa crítica personalizada en varios esquemas, nutríndose dos ámbitos de Pedrafita: terra de labregancia e de viñateiros, pola que sentiu un nobre fascíneo, erixindo este microcosmos a dimensións inauditas e realizando unha proxección magnífica de seus diversos espazos. Os labregos foron portentosamente retratados en seus ambientes de labra, taberna e vida social. Mais o ambiente mais propicio de César Yagüe era a ribeira de Pedrafita, co seu Castro Candaz, como símbolo, entre ríos e en formato de illa. A crítica ao clero, a mantivo nesa desfeita da igrexa de Pedrafita esfarelándose pedra a pedra. A crítica aos poderes civís e de orde público tivo un carácter de repulsa e negación. César era un ácrata, sen el sabelo.

Foi un excelente artista, que tiña preferencia polos espazos de taberna para expor os seus cadros. Os vendía a prezo de codia reseca. Mais de un marchante aproveitouse deste excelente creador, que se negou a expor en ambientes que el non aceptaba. Fundamentouse no surrealismo social e metafísico, expresando as súas contundencias. Foi un incomprendido nos ambientes chantadeses -tan escasos en percibir o que se fundamenta como forza creativa-. Digamos que sobre el houbo unha percepción de marxinal. Mais Cesar Yagüe automarxinouse destes ambientes e de persoas capaces de non entender a súa liberdade persoal, como a súa indiscreta predisposición de estar exento de formalismos.

Chantada perdeu a un verdadeiro pintor. Se o esqueceu en vida, esta a tempo de recuperar a súa memoria e o enorme legado creativo que testemuña os ambientes mais extensivos da Ribeira Sacra. César Yagüe Suárez esta na dimensión do silencio e na perpetuidade do que sempre supera orfandade.