Crónicas de entre Douro e Miño (I) - 12/02/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Resultou unha viaxe melindrosa e emotiva a Porto. Partín de Merlán cediño e no meu auto cheguei a Valença do Minho, ás oito horas, comín uns petiscos e apañei o tren para Porto. Agardábame a amiga de sempre, Cristina, que arranxamos varias visitas, a mais importante foi ao Hospital de douro e miño 1Santo António, a visitar ao paciente e vello amigo, o excelente artista, Veiga Luís (fillo do poeta Veiga Leitão), despois á súa mai, Maria Sofia. Unha tarde de cumprimentos e de visitas a amigos e librarías. As miñas retinas sempre reclaman e procuran O Porto. As rúas da Alta a revelar as composturas do pasado portuense; a Ribeira con súas efémeras rúas e co temido e arrogante Douro, que leva a presa os meus sentimentos que van con esa auga escorrentada e proclamada polos cantores deste río: Antonio Machado, cando transcende “en la luenga Castilla”, e por António Nobre, o poeta mais triste que deu Portugal. A altiva Torre dos Clérigos, ese barroco espléndido de Nassoni que espreita as movidas do Porto e orienta aos viaxeiros por calquera segredo das rúas estreitas desta cidade. Unha tarde de visitas e unha noite de conversas literarias, entre a Cristina e mais eu, repasando o Brasil, Angola e outras estremeiras da lusofonía. Hai tanta cousa ciscada polos arrabaldes da improvisación que ninguén é capaz de endereitar tanta discordia.

O día 18 luns, agardábame no metro de Gaia o profesor Manuel Pereira Cardoso, apañamos un tren na estación de São Bento até Penafiel, onde nos agardaba o guía e experto en turismo e un excelente coñecedor do románico de entre Douro e Miño, como é Miguel Augusto Sousa. Desde o punto de chegada desprazámonos a Lousada, á sede da asociación da chamada Rota do Românico, unha potente organización que estuda o románico deste entorno e dunha maneira científica e histórica. Fomos recibidos pola directora deste centro, Rosário Correia Machado que nos explicou as andainas da Rota do Românico, deunos información detallada e puxo nas miñas maos un nutrido número de publicacións. Coido que a Rota do Românico é unha das entidades que traballa pola normalización e divulgación deste estilo artístico medieval, mais poderosa de Portugal e unha das mais importantes de Europa. Hai moitos anos que coñezo as súas actividades, mais esa visita fixo pegada de como se harmoniza unha asociación de traballo que acolle tódalas expresións que manifesta este estilo medieval.

Desde Lousada partimos para o concello de Felgueiras onde se encontran as igrexas románicas do Salvador do Unhão, de São Vicente de Sousa e de Santa Maria de Pombeiro. Tres exemplares para non esquecer. Con esa iconografía fitomórfica e de excelentes punteados xeométricos froito dos tecidos estelares e proxectados por mestres de canteiros, verdadeiros alquimistas do románico que souberon enaltecer “A Divina Proporción”, na definición de Luca Pacioli. O sagrado e o profano en tódalas dimensións da idea dualista da Idade Media. Nas igrexas desta xeografía portuguesa observamos o encanto, a perfección e as proporcións teñen unha vocación de levarnos a transcendencia e á reflexión, como se estivésemos ante esas minucias de orde taoísta. Formatos espléndidos e peculiares que confirman que nese Vale de Sousa, nas terras de Felgueiras, hai impactos e sorpresas para conmover e recoñecer que o creador da arte medieval estaba nunha exaltación tan singular que foi capaz de elevar a natureza a un estadio espiritual e transmitir a emoción, para exaltarnos e conmovernos. Grandilocuentes arcadas tecidas como introdución a saber e sentir, “o pouco que é un home”. Manifestando á vez: panteísmo e espiritualismo comedido como se foran proxectadas por mestres gnósticos, dadores de tantos segredos que estas igrexas esconden na súa iconografía e nas liñas dos seus transeptos, un convite a descubrilas. O mosteiro de Santa Maria de Pombeiro foi o último dos itinerarios destas tres igrexas, tan ven discernidas e explicadas nesa ovación que tempera o caro amigo Miguel Augusto Sousa. Foi unha das rutas mais interesantes nas que tiven ocasión de ver exemplares e dialogar cos doutos Sousa e Pereira Cardoso.

douro e miño 2Neste andar e ver, de intenso parladoiro tivo recompensa na casa de Miguel Augusto, na aldea de Ribavizela, na freguesía de Pombeiro, onde nos esperaba unha mesa repleta de viandas para xantar (almoçar), con respiros da grandeza gastronómica portuguesa. A mentora desa excelente condimentación foi Isabel, a esposa de Miguel Augusto, unha verdadeira artesán nas artes de cociñar esa materia prima que aínda se cría no rural portugués. A culinaria portuguesa aínda impón seus códigos na dieta e na nutrición. Desa andaina tradicional aínda se orienta a Isabel, felizmente. E neses comes e bebes, resultou unha conversa de utilidade de bos comunicadores como son o anfitrión do convite, o profesor Manuel Pereira Cardoso e o famoso e destacado actor, Fernando Soares que nos prometeu unha viaxe, para maio, a São Martinho de Antas, as terras de Miguel Torga onde está enterrado.

Mais nesta ocasión o itinerario foi cara o río Douro á procura das terras de Eça de Queirós. Unha viaxe que transmite herdo: Felguiras, Lousada, Penafiel, Amarante, Marco de Canaveses e Baião. Este último concello, de montaña e ribeira, cunha xeografía moi diversa, aséntase a Quinta de Vilanova na freguesía de Santa Cruz do Douro, onde viviu e está sepultado o grande Eça. Nesta visita ía un viaxeiro e guía polas súas terras de Baião, nas que foi concelleiro de cultura, o mencionado profesor, Manuel Pereira Cardoso. Un home dos que mais sabe de Eça de Queirós. Emociona o seu coñecemento queirosiano. Na Quinta de Vilanova está a casa da súa esposa onde Queirós viviu, agora convertida en museo. Camiñar por esta mansión impón a presenza de Eça de Queirós, a súa biblioteca e as prendas e utensilios domésticos que el tocou e aínda ten, para o visitante, esa vibración e tantos respiros literarios que legou aos portugueses e a humanidade.

A Quinta de Vilanova asentada nun montículo de densas estivadas e miradoiro do Douro, de beleza tan individualizada e sorprendente, con transporte fluvial e ferroviario; cos socalcos dos viñedos que producen o viño do Douro -mal chamado viño do Porto-. Por estes eidos modulados por muras en viravoltas e amplos camiños que o Marqués de Pombal mandou erguer e adobar a centos de canteiros e pedreiros galegos no século XVIII.

Por estas entornos de nutridas xeografías literarias, andando ou desandando o camiño de Jacinto, o criado de Eça de Queirós e protagonista da novela: “A Cidade e as Serras”. Neste camiño, hoxe estrada, está a casa de Lodeiro, onde aconteceu o famoso drama entre o escritor Camilo Castelo Branco e o fidalgo José Augusto Pinto de Magalhães, nunha disputa de amor por ter relacións con Fanny Owen, filla dun oficial inglés, conselleiro de D. Pedro IV, rei de Portugal. Os celos de Pinto Magalhães por unha prevista relación de Fanny con Camilo, provocou que Magalhães asasinara a bela Fanny e el se suicidara. Isto aconteceu nesa grande e espléndida casa da quinta de Lodeiro en 1854. Un espazo histórico do romanticismo tráxico dos amoríos de Camilo Castelo Branco, autor da novela: “Amor de Perdição”. Esta casa está bastante depredada polas silvas que trepan por súas paredes. Mais ante tanta desolación o viaxeiro non esquece o criminoso acto que aí sucedeu. Neste lugar aínda continúa viva aquela traxedia da que se serviu o teatro e o cinema portugués. Tense constatado que nesta casa gardouse o corazón de Fanny, nun frasco de alcohol, até fai pouco. Tanto a quinta de Lodeiro e a de Vilanova fornecen esta xeografía douriense, con presencia dos dous maiores escritores do romanticismo e republicanismo do século XIX portugués.

Entre o río e o Museo de Eça de Queiros está o cemiterio, onde el esta sepultado nunha modesta tumba e cunha pétrea inscrición, que sinala: “Aquí descansa entre os seus José Maria Eça de Queiroz”. Un modesto cemiterio e no fondo del un dos grandes da escrita universal, que deu valor a tódolos atributos que Portugal proclama. Do cemiterio baixamos aos arentes do río Douro, mesmo na estación de Caldas de Aregos, que el denominou Tormes, na súa novela: “A Cidade e as Serras”. Tivo tal repercusión que hoxe se coñece mais co nome querosiano que o de orixe. Nesta novela, fixo a seguinte apreciación do que era e do que gustaba desta estación ferroviaria: “Era uma estação muito asossegada, muito varrida, com rosiñas brancas trepando pelas paredes e outras rosas em moitas, num jardim, onde um tanquezinho abafado de limos dormia sob duas mimosas en flor que rescendiam”.

Así era o arquetipo desta fermosa estación de Tormes nos tempos de Eça de Queirós, e continúa sendo agora na alegoría do imaxinario onde tantos resplandores anuncia esta grandiosa novela, repleta de sentimentos do que xa non debe mudar. En Tormes, o río mais caudaloso da península Ibérica ía manso e groso, apetecido para seguir ollándoo de lonxincuo, mentres o auto subía costas e moito ben guiado polo habido condutor, Miguel Augusto Sousa, que nos transbordou até a estación de Paredes, desde onde o profesor Pereira Cardoso e mais eu regresamos ao Porto. Un día grande e de vitoria para o coñecemento que nos transmite o andar e ver.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras