Cartemil do Cabo do Mundo - 18/03/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Cartemil tomou sitial, hai cento de anos non contados, nos rentes do río Miño, no Cabo do Mundo de Nogueira, onde a xeografía chantadesa remata polo sur. Un lugar ribeirao con enormes referencias en tantos encontros coa terra desoída. Aquí constatamos a sabedoría de ser labrego, coñecer a cartemil do cabo do mundoterra, conmoverse nela e converter estes espazos escarpados e vertixinosos en morada sublime. Conformando a adaptación ao medio e facelo útil en variadas producións agrícolas. Erguer suculentos muros de socalco, nada rudimentarios, onde a produción primordial é o viño. Non podemos dicir que sexa unha terra de monocultivo, dado que outras variedades están presentes. Aínda que o cultivo das viñas teña a primacía. A mais, a veciñanza de Cartemil produce viandas hortícolas e froitas ben temperadas, que venden o seu excedente no mercado da vila de Chantada, o noso chamado rianxo. Unha produción que perpetúa os tempos pasados nos que xa non teñen recompensa.

Cartemil no axexo do sol que o acorda, o desvela e o queima nas abrasadoras canículas. Este lugar olla cara o nacente, albiscando as ribeiras da Cova, Arsuá e Ribeiras de Miño, na outra banda do noso río patriarcal. Cartemil agochadiño no misterio dos tempos que minguan acelerados cara outras incontinencias. Seus veciños resisten nese prodixio proverbial de non aceptar lonxincuas realidades. E nesa realidade eles foron creados e moldeados á medida desta terra nada dócil para o traballo cotián, mais eles non sucumben ante o asedio de suores e canseiras. Aquí non hai distinción de xénero na rendibilidade produtiva do que se precisa no lar e no mercado viñateiro. Aquí están os artesán, aprendices da tradición bieita e cisterciense, que labran a terra e raspan a pedra, con eses forzudos brazos e co seu carácter endurecido fronte a tantos contratempos.

cartemil do cabo do mundoMais estes extraordinarios ribeiraos son fillos da tradición austera e laboriosa de ter un coñecemento moi puntual dos labores que precisa este medio e do portento cariñoso que eles lle dan. Non é fácil para estes sedentarios moradores de Nogueira de Miño sustentarse nestes tempos luxuriosos onde o cultivador de viandas non ten o aprecio debido nin a indulxencia merecida. Cando un chega a Nogueira de Miño contempla esa maxestosa paisaxe, parcelada en espazos míticos e novidosos que nos levan a exclamacións de sorpresa. Poucos outorgan o triunfo desa beleza ao prodixio das maos e da coraxe de mulleres e homes que sustentan esta beleza inefábel.

O lugar de Cartemil, empoleirado neses arrebatos verticais desa sedimentación xeolóxica, proclama súas heteroxéneas composturas desas casas de diversos formatos que responden á utilidade e esixencia de seus moradores. Modelos enfáticos temperados por ribeiraos que coñecían a perfección cada un dos materiais empregados, tan seguros e tan elegantes que matizan misterio e plenitude para quen os observa. Un lugar sustentábel e harmónico, con esa arquitectura tan especial que perpetúa a grandeza dun pensamento predominante sobre o espazo e a materia dos nosos construtores ribeiraos. Estes destros artífices non pasaron por ningunha facultade de arquitectura nin de aparelladores, mais foron capaces de concibir e manter viva a naturalidade deste peculiar entorno, sen alteralo nin depredalo, como agora é costume. Estas construcións rurais ribeirás teñen grata presencia e personalidade por formatos austeros que conforman esa etnoloxía que ollamos nese modelo de capela, de fontes do común e outros ornamentos emotivos e carentes de desmedidas suntuosidades que estragasen o medio ambiental.

Dar un paseo por esa estrada estreita que nos leva a Cartemil, entre viñas, arboredos e o Miño groso e amansado polos fatídicos encoros, o viaxeiro entra neste lugar extraordinario coa natura exaltada de primavera, os limoeiros ofrendan seu froito amarelo como lúas cheas; os laranxeiros dobregan vermellas dádivas ataviadas de perfume ocasional; as vides resucitan seu agromar con impacientes xermolos verdes que anuncian innovada colleita. As cerdeiras, amendoeiras e ameixeiras con seus mantos de brancura perfilan e anuncian que Cartemil existe, está vivo e alardea de plenitude nos rebentos primaverais.

Aquí o sosego non ten carencias no tempo que foi esperanza para quen amou e ama estar afastado do “mundanal barullo”. En Cartemil a natureza fálanos cunha linguaxe simple e, tamén, nos interroga todo aquelo que manifesta vida na sorprendente vexetación natural que muda no devalar dos días. A natureza é o primordial silabario onde os moradores de Cartemil beben sabedoría acotío: iniciático resplandor de esperanza na tolerancia do tempo e da natura. Ao observar os primordios e a exaltación destes asentamentos pola mao dos que naturalizaron país, en momentos tan difíciles, lembro aquel relevante verso de Ovidio: “Tendit in ardua virtus” (Das dificultades xurde o enxeño).