Verbo na arria - 04/06/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Verbo na Arria é un libro de homenaxe, unha testemuña colectiva de varios autores, que se lle dedica a Xohán Xesús González (1895-1936), natural de verbo na arria 1Cequeril (Cuntis). O home da terra que non fuxiu dela e a traballou de labrego, de canteiro até chegar ás aulas da Universidade de Compostela. Na capa do libro recoñecemos un dos seus textos que proclama o seu pensamento por unha Galiza culta e capaz de que os galegos perciban a súa dignificación. Así é a súa mais radiante expresión: “Pra valorarse é mester un pouco de amor propio, unha pouca de dignidade de ben nacido. Amor ao noso é o que precisamos pra sermos máis do que estamos sendo”.

Unha suxerenza ambiciosa que estimula a dar capacidade ao noso presente de outra maneira a como o albiscamos. Pasaron anos desde este ditado, e parece que estamos no destino dun tempo parado. Xohán Xesús González, sempre abrindo o suco das ideas, nada elemental en tantos activos que nos mostra nunha literatura emancipadora e pioneiro dun rexistro ideolóxico que ninguén mais que el tentou poñer en práctica, o nacionalismo no contexto marxista. Alianza dun gran movemento que na Galiza considerouse disparatado por parte dos dogmáticos do unitarismo partidario, mesmo esquematizado no desorde de non concibir a ideoloxía marxista no ámbito nacionalista. Estas procuras levaron a Xohán Xesús a harmonizar un dos elementos conxunturais mais concluíntes dos que precisaba Galiza. O amor ao noso, como el dicía, pasaba por fecundar alicerces combativos da clase proletaria e campesiña no ideario marxista, totalizado no herdo da nosa cultura, da lingua e dos diversos rangos que personalizan a nosa identidade.

Xohán Xesús González foi asasinado o 12 de setembro de 1936, non só con balas, tamén con silencios e acoitelando a súa memoria. Cuntis estaba en débeda co seu preclaro fillo, Galiza aínda mais por ser o precursor dun nacionalismo de contundencia marxista, no ámbito de recoñecerse mutuamente. É verdade que a comunidade de Cuntis o mantivo na memoria e ofrendoulle honores a seu conterráneo, en diversas e moi sentidas ocasións. Mais este libro publicado por Edicións Fervenza, da Asociación Cultural O Fervedoiro, ten un sentido de lexitimidade moi amplo e, mesmo, destinguido nesas mais de 160 páxinas nas que se describe a personalidade dun Xohán Xesús González, desde diversas perspectivas, tanto popular como intelectual, que nos vén da mao de Heitor Picallo e Martiño Picallo. Os mozos de O Fervedoiro sempre en sentinela, apresando os valores dos homes que proclamaron resoluta contundencia en facernos respectar ante constantes depredacións e humillacións que soporta a nosa nación.

verbo na arria 2Verbo na Arria é unha edición que retoma as benquerenzas dun home que non falsificou a esa Galiza precaria que precisaba de dignificación e dunha personificación de ideas. Neste libro de homenaxe recóllese variadas testemuñas da vida e da obra de Xohán Xesús, que vén a marcar ese itinerario polo pensamento dun dos mais grandes do patriotismo galego, da primeira metade do século XX. Un libro necesario que vén a restituír a memoria dunha das grandes personalidades do pensamento nacionalista e marxista. Unha simple incursión polos diversos textos e polos gráficos e imaxes, que nesta edición se representan, estaremos certos da descuberta que aquí se nos ofrece sobre o valor do noso ideólogo. Tamén está recollido na interpretación de cincuenta poetas que confirman nesta homenaxe a destinguida personalidade do noso sempre inmorredoiro, Xohán Xesús González.