Filosofando á sombra dun castiñeiro - 01/07/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Así estaba o Antonio do Gaiteiro de Costoira, filosofando e descansando da tarefa de combater a peste das vides nos fondais da ribeira de San Fiz, entre Miño e Asma. En seu apousento de sombra, albiscaba aos votantes de Sanfiz, Pesqueiras e Merlán que ían exercer o seu sufraxio á vetusta e antiga casa da escola de Costoira. O Antonio ademais de filosofar, argalla e inventa. A longa distancia estableceu un dispositivo, espanta paxaros, tirando por un cordón facía soar unha campaíña escondida entre os ramallos da cerdeira. Así evita que a paxarada engúlalle as cereixas de onza reservadas para metelas en augardente. Unha idea moi kantiana da que el transluce en súa vocación de filosofar.

Cando me viu lanzou unha frase epicúrea, para deixar sentado que os votantes que ían presuntuosamente contentos esnaquizaban a bo orde de gobernar destes seis últimos meses. Sen goberno todo funciona mellor, até os funcionarios están mais relaxados e son mais pudorosos co que fan. Chegan os elixidos de leviatán e comezan a apaiolarnos con decretos, con ameazas, con fantochadas. Curioso, até os que levan uniforme andan mais desinteresados en meter multas e convídante a uns grolos de godello. Espero que sigamos outros seis meses sen os que desgobernan. Nin se oe falar de impostos, nin Cristobal Montoro aparece voceando e impartindo ameazas para recadar tributos. Iso si, os xornais seguen falando de Panamá e de illas que nin no mapa teñen cabida. Menos representantes para que suba o prezo do leite. Aquí hai que impor a pureza das cousas mais extremas como interpretou Maquiavelo, Henri de Saint-Simon, Proudhon e o propio Bakunin, que xa manda danzar a raspita o que dixeron dos desgobernos dos ricos deste mundo.

O Antonio coida que os aloxados nas Cortes de Madrid semellan a cortesáns, con cheiriño de marisco e de faisán, tramando de esquilmar aos viñateiros, poñéndolles prezo de ovos de pita brava ao viño. Alén de todo isto, puxo nota á solución dun único representante que tiñan que poñer na corte de Madrid: a Incitatus, o cabalo de Calígula, que o emperador o quixo nomear cónsul e o proclamou gobernador, construíulle unha cabaleiriza de mármore, un presebe de marfil, xardíns con auga caldosa, vinte serventes e levaba pedras de diamante no pescozo, e obrigaba aos romanos a facerlle a venia. O prezo que se gastara nas atencións do cabalo sería inferior ao que gastan os deputados e senadores. O Gaitero coida que é mellor inventar a un Incitatus e colocalo no Parlamento, non como un gurú, nin como un deus asirio, senón como representante de todos eses que ocupan espazos feitos a desmedida dos tempos. Falando do emperador Calíguga e do admirado cabalo Incitatus, o Antonio foi interrompido por unha bandada de estorniños, que en caída libre e guerrilleira, asaltaron as cereixas e el a tirar polo cordón da campaíña sonora que os fixo retroceder. Así acabou a pleitesía e o conto.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras