Maria Sofia Mendonça Veiga Leitão, Im Memoriam - 09/07/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A morte sempre sorprende e escurece os dias claros en que un intenta ser feliz. A noticia do falecemento de Maria Sofia Mendonça Veiga Leitão na cidade do Porto, non deixa de conmoverme e retrotraerme en os inicios da nosa amizade, desde hai preto de corenta anos. Unha grande muller que albergou inmensa e notoria dignidade en favor das liberdades do seu país. Ela sufriu as represións do salazarismo que recaeran sobre o seu marido, o excelso e comprometido poeta, Luís Veiga Leitão (1912-1987), tantos anos preso nas cadeas da ditadura, e autor do célebre libro: “Noite de Pedra”, escrito na prisión. Toda unha vida completa, a de Maria Sofia, que finda aos seus noventa e catro anos. Maria Sofia era a irmá mais vella dunha familia de varios irmáns que ela sempre uniu dunha maneira singular e que protexeu con amor e constancia. A familia Mendonça perde a súa presencia física mais non a súa exemplaridade. Tamén os amigos perdemos unha enorme referencia, mais a súa xenerosidade e hospitalidade continua viva e inesquecíbel.

Maria Sofia Mendonça Veiga Leitão foi esa enorme muller con plenitude e consciencia de liberdade, incapaz de dobrarse e silenciarse ante o fascismo de Salazar: firmeza inaudita fronte aquela devastación criminosa. Cando o seu fillo, Luís António, tiña todas as posibilidades de que o réxime ditatorial o enviase à guerra colonial en África, os seus pais sairán de Portugal e instalaram-se no Brasil, após do 25 de abril. O seu fillo estudou arquitectura en Rio de Janeiro e é un dos grandes pintores e escultores da actualidade en Portugal. Unha muller con consciencia política social e cívica, como toda a familia Mendonça. Persoa teimosa que estaba informada do que pasaba no seu país. Puntualmente foi moi crítica coas políticas dos gobernos que non favorecían á sociedade mais empobrecida. Toda unha vida que esclarece as súas actividades humanas, cívicas e populares.

Maria Sofia gustaba da Galiza, ela viña á miña casa de Merlán, con o seu marido, o seu fillo e a súa neta Sabina. Era unha persoa que lle encantaba andar e ver. Tamén de falar à sombra do meu castiñeiro, de historias de mocidade nas súas terras de Lamego e do Portugal escurantista e medorento. Tantos encontros con ela e familia no Porto, Barcelona, Coimbra, Chaves e por varias xeografías galegas. Gustaba do pan de Cea e da vitela da Chantada, dicía que eran as mellores cousas do mundo. Tantas experiencias que eu e a miña familia lembraremos e gardamos dunha persoa tan íntegra e xenerosa, como Maria Sofia Mendonça Veiga Leitão. A miña mais sentida homenaxe.