Exposición de Esculturas de Eduardo Rodríguez Osorio na Casa da Cultura de Chantada - 16/07/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Os volumes escultóricos que Eduardo Rodríguez Osorio (Esmeriz, Chantada, 1920-Madrid, 1995) universalizan un inmenso mosaico creativo, capaz de Escultura eduardo rodrigo osorio triunfar fora desta Galiza despreocupada por manter vivo o espírito daquelas persoas que producen unha intensa e admirada obra, como é o caso que nos ocupa. As esculturas expostas na Casa da Cultura de Chantada, non deixan de fascinarnos no mais elemental da súa creación, que nos leva a contemplar e a reflexionar sobre certas pegadas que o escultor chantadés soubo perfilar, metodicamente, un esquema moi persoal que o identificamos en súas variadas versións.

Rodríguez Osorio bebeu da tradición do clasicismo oriental e do greco-romano para desembocar nunha creación moi particular, a del mesmo. Unha creación matizada neses relevos volumétricos, nos que se insinúa a alma do figurativo inconcluso que nos deixa e nos atrae para compor e pensar na realidade dese formato do que expresa, alen do que o propio executante nos deixou. Mesmo o perfil das maternidades de Rodríguez Osorio teñen unha serie de presenzas e de activos que só no contexto da sensibilidade maternal podemos chegar a esa atracción profunda que nos leva a unha retrospectiva da arte escultórica universal. Neste sentido, a identidade que recoñecemos nestas esculturas maternais, incorpóranos a renderlle ovación a eses trazos que os galegos recoñecémonos neses seres tan íntimos que nos mamantaron e acariñaron, como foron as nosas mais. Só un nativo da Galiza, como Eduardo Rodríguez Osorio pode devolvernos o esencial desa estrutura harmónica na cal nos identificamos.

A elocuencia de eses seres naturalizados no noso rural toma vida e presenza no mais elemental dos xestos e da fisionomía que nos presenta na intimidade do que somos e do que expresamos da firme identidade de recoñecernos. Unha obra de arte da magnitude da que está representada na Casa da Cultura lévanos aos chantadeses a erixir un alto apousento para unha das figuras locais que acadou universalidade e atracción para non poucos críticos de arte. Memorizar e restituír a unha das grandes figuras da creación escultórica deste país, non deixa de ser unha prioridade. O grave é que Eduardo Rodríguez Osorio non deixa de ser un descoñecido para a gran maioría de chantadeses, a despreocupación das institucións locais -se é que as houbo- ignoraron a súa obra. A estas alturas que Rodríguez Osorio non teña un espazo que lembre os seus temperos de artista maior, non deixa de ser unha insidiosa vergoña.

Mais fora deste escenario de rezagado localismo, o escultor de Esmeriz foi recoñecido e laudado polo poeta Manuel María -a quen se lle dedica este ano a homenaxe das Letras Galegas- que nun artigo seu, publicado o 10 de Marzo de 1995, daba conta do óbito do seu amigo dos anos mozos. O poeta fálanos do seguinte proxecto que non chegou a executar: “Lembramos un fermosísimo proxecto de Osorio para un moimento ó troveiro Xohán de Requeixo na vila de Chantada. Como tódalas cousas útiles e fermosas quedou só neso: en proxecto. E non queremos dicir mais nada. Que a terra lle sexa leve á extraordinaria persoa e gran escultor que foi Eduardo Rodríguez Osorio”. Mágoa de proxecto, talvez frustrado polo desinterese mostrado por quen gobernaba o municipio de Chantada.

Escultura eduardo rodrigo osorio 2Eduardo Rodríguez Osorio volve a mostrarse nunha exposición póstuma que ten o privilexio e a coherencia de facernos vibrar cara un reencontro entusiasta e cargado de emotividade. A inercia, a atracción e o diálogo que nos ofrece nesta exposición, danos unha serie de frecuencias e valores restituídos sobre esta Galiza que el captou e naturalizou na súa infancia e adolescencia. Todo un grato reencontro coas esencias mais heteroxéneas que lexitiman a nosa arte identitaria.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras