"-Salvádeme, ou, xueces! -Berrei...¡Tolería!" - 01 Xuño 2017
logo nosjpg

Xosé Lois García

O clamoroso poema de Rosalía A xusticia pola man colócanos na actualidade dun escenario xudicial sombrío, tan viciado e tan ausente nunha sociedade que continúa sen saber, con certeza, como se reparte a xustiza no Estado español. Non deixa de sorprendernos a postura da nosa poeta, no sentido mais racional, mais pragmático e mais clásico, sobre as desventuras dos que clamaban xustiza ante uns xuíces burocratizados e ao servizo dos poderosos. Neste poema de Rosalía, a crítica é devastadora contra os estamentos xudiciais imperantes na Galiza de hai mais de cento trinta anos. Mais ela promocionou a xustiza popular dos pobres en revolta.

Corenta e oito anos mais tarde da publicación do poema, Castelao insiste na mesma crítica dunha maneira contundente, contra a ausencia de xustiza dos que soportan pobreza e esquecemento, por parte das clases dominantes: provedoras en impartirlles inxustizas. Castelao sintetízao no álbum Nós (1931), en dúas ilustracións moi precisas e imperativas, sobre o desorde e a desatención da xustiza. Na primeira delas vemos unha vella labrega, cangada e cargando un ataúde, coa lenda “Lex” e exclamando: “-¡Canto pesa e cómo fede!”. Na segunda ilustración observamos un vello labrego debruzado e rezando diante dun cruceiro, denunciando: “-¡Non me fan xustiza, Señor!”. Rosalía e Castelao ilustraron moi ben de que parte estaba a administración de xustiza naquela Galiza caciquil, a dos foros e dos minifundios.

O endémico problema persiste a nivel do Estado con outras fórmulas e connotacións herdadas da xustiza totalitaria que o franquismo impuxo durante catro décadas, ese cancro continúa aí, roéndonos. Un poder como o da xustiza, que ten que ser independente, está administrado e intervido polo poder executivo, insólito! Isto é o que percibe a cidadanía en xeral, e non erra. Aí están as hemerotecas e as enquisas, informándonos desta realidade. Levamos outros corenta anos de democracia que nos ilustran das grandes contradicións desa administración e dos xiros que dá en función de quen goberna e negando transparencia democrática. O corporativismo e o establishment perduran no descrédito dos diversos órganos de xustiza, tal como a entende a sociedade e como a veñen denunciando asiduamente “Jueces por la Democracia”.

Un poder como o da xustiza, que ten que ser independente, está administrado e intervido polo poder executivo, insólito!

Os do establishment, pese a todos os acosos de denuncias públicas e informativas que os cercan, continúan no seu eppur si muove en sentido contrario ao que demanda a sociedade, sen esclarecer a verdade das interminábeis corrupcións que recaen sobre numerosos dirixentes e confrades do PP. Uns están sendo investigados, outros con procesos xudiciais abertos e outros en prisión incondicional. E nese fondo e escuro labirinto están os que lle poñen parches ao odre afuracado, mais este continúa rebentando. A curiosidade do esperpento é que hai tres persoeiros do poder xudicial confabulados -parece- en introducir ocultación sobre evidentes corruptos, obedientes a dirixismo gobernamental. O trío formado por Rafael Catalá, José Manuel Maza e Manuel Moix, ministro de xustiza, fiscal xeral do Estado, e fiscal anticorrupción, respectivamente, que están sendo reprobados desde diversos estamentos e institucións democráticos, que apelan ao esclarecemento da verdade que oculta o PP. Os tres están no gume da navalla. O primeiro por saír o seu nome en conversa confidencial entre mentores corruptos, algúns no cárcere, e o maior responsábel en compor o crebacabezas de salvar o partido do goberno, coa axuda indispensábel de Mazas e Moix, tal como se vén comprobando nas investigacións e nos relatos que aportan os medios de comunicación, que dan fe das significativas contradicións en que concorren. 

A orxía de descontrol continúa, nun goberno fantasma que promove unha desorde de gran fondura nas institucións estatais

Con esa intención acelerada de ocultar as indecencias corruptas, desde o propio goberno, o ministro Catalá e a cúpula fiscal foron reprobados polo parlamento español e, ademais, foi apupado por centos de persoas nas rúas de Ceuta. A orxía de descontrol continúa, nun goberno fantasma que promove unha desorde de gran fondura nas institucións estatais. Se isto acontecese nun país con solidez democrática e cun poder xudicial independente, sen intromisión do poder executivo, o ministro de xustiza e os mencionados fiscais estarían cesados, investigados e quizais algún deles procesados. Se este caso sucedese nun país europeo ben diferente ao Estado español, estes burócratas do poder estarían na gaiola. Como sucedeu en 2011 en Islandia, onde o poder xudicial independente encadeou o ex primeiro ministro Geeir H. Haarde e políticos e banqueiros, apañados in fraganti en neglixentes corrupcións, pola maneira de administrar a crise económica. Aquí estamos nas antípodas, en materia de xustiza e de outros intereses democráticos, interferidos drasticamente polo goberno de Rajoy dunha maneira infame. Neste aspecto, o fiscal en excedencia, José María Mena, un dos fundadores da Unión Progresista de Fiscales, acaba de declarar: “El Gobierno está dispuesto a hacer trizas la intangibilidad de una institución constitucionalmente imparcial, y, si le conviene, la de cualquier otra institución autónoma del Estado”. Dá que pensar, para non ficar cos brazos cruzados.