Incendios: quen os provoca; quen os consinte? - 19 Outubro 2017
logo nosjpg

O vello dilema dos incendios na Galiza volta a traernos traxedia e morte, do que xa todos coñecemos polos medios de información. Centos de incendios destrúen o noso país dunha maneira sistemática, tal como podemos ver nas imaxes que nos ofrecen os medios informativos. A transcendencia dos mesmos fai reflexionar aos mais pasivos ou os que menos alzan a voz nesta devastación. A pregunta, tantas veces sen resposta, sempre vai a procura dos que provocan eses incendios, que se acubillan no anonimato. Un amplo perfil sinistro de pirómanos que actúan en solitario e, tamén, colectivamente e ben organizados como demostra a amplitude espacial en que foron executados. Escollendo lugares moi sensíbeis de aglomeración de habitantes para crear os maiores desastres de pérdidas e crear o pánico, como aconteceu en Vigo e a súa periferia. Dada esta situación, estamos falando dun terrorismo ecolóxico, con un nivel destrutivo e de alta dimensión catastrófica, que vai alén do que se contén como pena no Código Civil e Penal, para estes casos, e que hai que revisar e, mesmo, estes casos identificalos e tratalos con maior rigor para que teña un carácter de Terrorismo Ecolóxico, como podemos detectar noutros países europeos que loitan contra a impunidade das mafias, sendo clasificados como actos terroristas. 

Estamos falando dun terrorismo ecolóxico, con un nivel destrutivo e de alta dimensión catastrófica, que van alén do que se contén como pena no Código Civil e Penal

No contexto galego, os incendios son un tema moi antigo que desde a década de 1970 foron en aumento e de difícil solución, por parte dos gobernos da dereita, sempre enrocados coas mesmas teimas en amparar intereses depredadores do medioambiental; dese rural decapitado e cercado polo abandono dunha produción agraria sen saída. Os cambios sociais que a Galiza rural precisaba nunca se deron a ningún nivel, por parte dos consabidos gobernos do PP. Como se entende que unha das nosas materias primas estea na riqueza forestal e non haxa unha política determinante sobre este sector. Onde están as infraestruturas de prevención de incendios? Todas elas desmanteladas por intereses económicos en favor dos monopolios que degradan puntuais e sensíbeis espazos do noso territorio. O gran problema dos incendios é político, por parte dunha Xunta de Galicia completamente allea a unha planificación que sexa capaz de determinar unha loxística espacial de reservas forestais na montaña, como o Courel e os Ancares; reservas forestais en espazos fluviais, como a Ribeira Sacra; reservas marítimas, como a Costa da Morte, xuntamente con outras zonas que carecen de políticas activas capaces de protexer as diversas particularidades que configuran unha paisaxe autóctona. Neste sentido, a irreverencia da Xunta de Galicia afonda nese masacre consentindo e apoiando plantacións de eucaliptos, tan nocivos no deterioro do noso solo e subsolo.

Onde están as infraestruturas de prevención de incendios? Todas elas desmanteladas por intereses económicos en favor dos monopolios que degradan puntuais e sensíbeis espazos do noso territorio

Na Galiza, nada se aprendeu das grandes catástrofes, como son os incendios e as contaminacións marítimas na ruta dos grandes petroleiros que navegan polo frontal atlántico galego, como aconteceu no caso do naufraxio do Prestige. Non se proxectou un refuxio para aparcar petroleiros accidentados e evitar outras “mareas negras” que non están exentas de que suceda outro dos desastres ecolóxicos que supere ao de 2002. Cos incendios sucede o mesmo, a Xunta de Galicia do Sr. Feijóo non tomou nota daquel terrorífico incendio do verao de 2006 que asolou a Galiza, cercando a pobos como o de Rianxo e de tantos outros. Inclusive desmantelou todas as bases que o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, estruturou: plataformas e estratexias de conservación medioambiental e protección de parques e espazos naturais, creando un parque de contención de incendios e prevención dos mesmos, que a Xunta do señor Feijóo ignorou. 

Feijóo inclusive desmantelou todas as bases que o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, estruturou

Nestes días de desolación, desamparo e destrución, dixo no parlamento a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, que eles xestionan os incendios en función do que humanamente saben. Unha resposta prodixiosa que nos orienta sobre as ausencias técnicas e intelectuais do que estes xestores carecen. E os reparos, e a sensibilidade sobre a dimensión desta desfeita, dun medio ambiente desordenado e desprotexido por falta de infraestruturas. Coa carencia de persoal e medios especializados para combater estes desastres. Improvisación é o destaque que todos observamos. Estamos nun estado parasitario e de desbandada daqueles temas mais prioritarios como son os incendios. Pouco importa para estes señores que o lume se apague con caldeiras de auga ou suplicando ao ceo que chova. Esta é a infame realidade pola que pasa o noso pobo.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras