A Cataluña ferida, mais non vencida - 02 Novembro 2017
logo nosjpg


Ninguén pense que esta Cataluña de tantas actualidades e de tantas informacións políticas a nivel mundial está vencida e menos escurecida, pese aos medios informativos unionistas e tan fieis á estratexia do nacionalismo españolista erixida polo Conde Duque de Olivares e seus acólitos que continúan mobilizados en perpetuar o centralismo mesetario dunha maneira moi fácil e decadente, recorrer á forza e estrangular calquera manifestación de cariz identitaria ou nacionalista que reivindique seus dereitos saqueados en diversos períodos en que o Estado actuou dunha maneira absolutista por parte daquela Castela impositora dos Austrias e Borbóns e dos militares de quenda que tomaron o poder en nome dun Estado, moi parecido á doutrina da trindade, mais no caso centralizador invocando e impoñendo o lema Dios, Patria y Rey. Nestes tres elementos abstractos continuamos parados dunha maneira tan cruel que non damos discernido un presente político que aclare o que realmente é Estado e o que é Nación. 

Mais Cataluña, nesta confrontación en favor dos seus dereitos a poder decidir, deu un salto cualitativo no escenario mundial, facilitando comprender que a España unitaria ten un problema de fondo que é a falta de diálogo e a facilidade en prevalecer no ditado omnímodo da tradición absolutista borbónica, que desde un Felipe V a un Felipe VI non variaron os conceptos de presentarse como condutores dun legado unitarista, sen recoñecer outras sensibilidades culturais, lingüísticas e diferenciais co que eles pretenderon dominar e prevalecer como Estado único. Desde 1714 os dereitos de Cataluña foron dominados e castrados por unha forza bruta, en nome dun rei ou dun xeneral. Mais os cataláns, en dirección a súa liberdade, foron conquistando espazos de liberdade e cohesión. En todo o que ten sucedido nestes últimos meses de conflito, entre dous nacionalismos, o catalán tipificado nunha expresión de liberdade, fronte ao español que continúa parapetado en seus conceptos inmobilistas, dunha maneira depredadora e apelando a unha verborrea tan usada como é o Estado de Dereito, por ese españolismo conxurado contra calquera concepto de liberdade individual e colectiva dun territorio específico. Que Estado e que Dereito son os que se expoñen ante a lexitimidade dialéctica que ten Cataluña ante o Estado español? O depredador Fernando VII apelaba ao Estado de Dereito e, en varias e puntuais ocasións, pisou dereitos colectivos e constitucionais. O xeneral Franco non deixaba de vocalizar o Estado de Dereito, sobre todo cando exterminaba aos verdadeiros protagonista da liberdade. Rajoy e seus acólitos repiten até a saciedade o Estado de Dereito, formulando rutineira insensibilidade co problema de Cataluña.

A España unitaria ten un problema de fondo que é a falta de diálogo e a facilidade en prevalecer no ditado omnímodo da tradición absolutista borbónica

Cataluña enviou unha mensaxe ao mundo de que o pobo catalán existe e resiste fronte ás varias agresións coas que o Estado centralista pretende neutralizar as reivindicacións tan personalizadas que expón o pobo catalán, no que se refire ao diálogo e a poder decidir. Neste grave contencioso Cataluña deu un paso adiante dunha maneira gráfica, nese desorde en que o 1-O a cidadanía foi golpeada polas forzas policiais, nesa exposición tiránica dun Estado español onde as maos da tiranía tradicional do Estado unitario de novo estaban presentes ante a expectación de todo o mundo dunha maneira sanguenta. Cataluña, nesta ocasión, presentou seu vitimario realista fronte os que cren na forza e no diálogo. E pese a ter o goberno de Rajoy ao seu lado uns medios de comunicación que minten e manipulan, o caso catalán tomou unha dimensión irreversíbel, que o Estado e a súa monarquía quedan moi tocados. Neste aspecto, o problema ten que ser solucionado non a golpe de forzas policiais nin a xustiza pode continuar apelando ao Estado de Dereito, senón se proxectan outras rutas baseadas no diálogo e sen xerar presos políticos. Con varios contenciosos: o ostracismo do presidente da Generalitat e os seus consellers en pleno ante os tribunais españois e varios procesos en curso, co artigo 155 da Constitución como escudo da lexitimidade unitarista, que abrirán máis problemas ao goberno de Madrid. Pese á euforia dos ilusos e dos inxenuos que verborrean: “A por ellos”, a batalla que observamos nesta Cataluña ferida, mais non vencida, abriu un novo prefacio. Podemos adiviñar quen vai escribir o epílogo?

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras