Un delicado e humanista gasolineiro - 04/05/2017
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Son un asiduo cliente de gasolineiras e un nómade das estradas. Cando o auto empecínase de que ten sede, un non pode ofendelo de que faga mais gasolineiroquilómetros, porque de súpeto plántase e deixa a un ao serao. E ante os arrebatos da luz vermella e das sinais de alarme, un procura a gasolineira mais próxima, onde os gasolineiros coñecen a moi poucos clientes estábeis, como acontece nas grandes rutas e nas labirínticas metrópoles. Ademais disto poñen cara de enfadados e ruíns, aínda que non o sexan, manifestan brevidade nas palabras e impoñen autoridade. Algún deles coida que está ao servicio da patria, e sen o seu traballo, meteoricamente inxente, o país deixaría de producir e a quietude sería o principio apocalíptico do caos. Home, tanto e tan pardo non, moitos gasolineiros teñen razón para poñer cara de asco cando os seus empresarios néganlles salario ou prescinden deles, optando polo autoservicio. Hai razóns para o enfado mais non con os que van repostar.

Hai tempo que eu descubrín en Ferreira de Pantón ao único gasolineiro que ten esta capital de concello, xusto na antiga estrada de Ourense a Ponferrada. Das moitas ocasións que paso por Ferreira sempre reposto, aínda que os cabalos do auto non demanden combustión, só por ver e falar con ese espléndido e único traballador e empresario da gasolineira. Un home afable que rompe o silencio dos clientes dando prognóstico do tempo, no longo Val de Lemos. Olla para os nubeiros e logo predí o que vai acontecer e acontece. Fantástico, ter a un servidor tan delicado e destas características humanas nunha gasolineira non ten prezo. O noso especial gasolineiro chámase, Julio José Santomé González. Ademais de un puntual meteorólogo, só con ollar ou erguer a mao para localiza a orientación do vento e danos un veredicto que non falla, reitero. Esta técnica tan labrega faime pensar que en Ferreira houbo detectores dese poder iniciático que xa moi pouca xente utiliza. Saco en conclusión que os habitantes de Pantón son moi afortunados de ter a alguén como Santomé, que bebe da tradición astrolóxica. Seguro que Ferreira tivo seu centro de iluminados, exotéricos e alquimistas neste encantador espazo. Reparen os mais incrédulos nesas dúas figuras na columna norte da ábsida románica do mosteiro das bernardas de Ferreira, onde dous robustos astrólogos observan estrelas e galaxias. Non digan que en Ferreira non hai tradición e persoas posuídas desta apreciada ciencia de Zoroastro, aínda que nos pareza raro e superficial. E non rían, a cousa vai polo serio.

Julio José ten mais calidades humanas, como a de ofrecerse a verificar a presión das rodas e outros mesteres de atención, bastante atípicos nas nosas gasolineiras. A oferta do gasolineiro de Ferreira coincide cos gasolineiros do Brasil, que mentres un deles reposta gasolina, outro ergue o capó e verifica os niveis de refrixeración e líquido de freo. Desde logo, o noso activo gasolineiro é de carácter afábel, risoño e luce resplandor nas súas meixelas vermellas, en ática e robusta figura, elementos definidores da súa fisionomía labrega: enxebreza varuda do bo facer galego.

Para el a miña humilde homenaxe. Simplemente un sinxelo recoñecemento ao bo servido que presta e aos afectos que ten cos usuarios. Das excelentes persoas, cousas e motivos que nos ofrenda Pantón, eu seguirei visitándoas e repostando na gasolineira de Santomé, falar do tempo, do viño, do románico e doutras prendas que se exhiben neste territorio, onde o pasado non é preguizoso para manifestarnos un presente de esperanza.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras