As cousas do Fuco - 28/07/2017
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Naturalizar as andanzas dun neno do rural sempre ten un risco pola orixinalidade que transmite o escritor, sobre un mundo hermético para o lector as cousas do fucourbano que en tantas ocasións tomou como tópico esa literatura infantil e, sobre todo, o mundo do rural galego, como tópico e como esaxeración do que se dosifica entre a realidade e a ficción, por unha cuestión moi clara: o descoñecemento do tecido social, económico, cultural e lingüístico tan descoñecido para o lector urbanizado, excepto casos. Mais o padrón e a nomenclatura ben sendo desigual cando un se adentra en temáticas que enarboran situacións e procesos ben distintos no panorama xeográfico galego. Mais a cuestión é dixeríbel cando localizamos múltiples espazos que manifestan unha suculenta e variedade identitaria que abrangue específicas expresións sociais e existenciais. Velaquí a emanación dunha literatura testemuñal e influínte do noso medio vivencial. Nestas coordenadas, localizamos un libro da autoría do escritor chantadés, Anxo Boán Rodríguez, “As cousas do Fuco”. Boán é un ilustrado de aldea, naturalizado no lugar de Sandiás, parroquia de Vilauxe (Chantada) onde naceu en 1961. Actualmente exerce a avogacía na capital do seu concello. Por tanto, Sandiás é o epicentro dunha cultura nutrida entre a ribeira e as valgadas altas de Vilauxe. Un espazo transversal e poliédrico que transmite as esencias mais puras para que unha sensibilidade tan adherida a seu medio manifeste neste libro oito capítulos ou secuencias sobre as andanzas de Fuco, que non deixa de ser unha autobiografía -supoño- como acontece neste tipo de literatura infantil que, na maioría dos casos non deixa de ser allea aos adultos.

Coido que Pablo Rubén Eyré, prologuista deste libro, aproxímanos nitidamente a certos conceptos de autores, épocas e espazos no que a literatura infantil ten unha traxectoria e unha excelente proxección no que respecta a cuestión de comportamentos dinámicos froito da cultura rural que nos manifesta Anxo Boán. Dito sexa de paso: sen esta autenticidade, Galiza non tería a identidade que ten, nin tería os atributos de nación verdadeira. É dicir, a presenza destes valores que aparecen en certos poemas infantís de Rosalía, nos debuxos de nenos de Castelao que inspírannos volver á orixe das cousas do noso rural, onde a naturalidade dos nenos galegos faise sensíbel no que nos presentan os escritores virados cara a literatura infantil e naturalizados no rural. E sen intención de estimular un canon reducionista, sempre veñen os apelos a literatura clásica infantil, como é o caso de “Memorias dun neno labrego”. Ten razón Pablo Rubén Eyré ao lembrarnos: “Por iso nos alimentamos aínda de Balbino de Neira Vilas e as súas memorias”. Claro que Pepe Neira soubo reconstruír a súa biografía con todas esas minucias da aldea de Gres, con múltiples adherencias de escritores e de contextos. Lembro que Pepe Neira, hai uns dez anos, nos pediu a mais de vinte autores galegos escribir algo sobre o seu libro, para conmemorar algo relacionado con “Memorias dun neno labrego”, moitos de nós relacionamos a nosa vida infantil con coincidencias da vida de Balbino e co seu medio natural. Porque nesa obra de Neira Vilas está toda a contundencia dunha criatura que se desenrola na identidade dunha cultura homoxénea e seus respiros non só manifestan esa orixinalidade do rural galego, senón tamén o compendio de valores coincidentes.

No prólogo de Eyré hai algo moi explícito e substancial, cando di: “Coa naturalidade da voz dun rapaz, Anxo Boán conta da incomprensión dos adultos e do descubrimento das trapelas do seu mundo”. Lamentabelmente os adultos non somos capaces de configurar o universo dos nenos, de asumilo e menos de tutelalo. Moldear esa arquitectura literaria, dirixida aos infantes, resulta moitas veces ser unha literatura orfa de contidos e de elementos pedagóxicos e, sobre todo, saber volver ao mundo da infancia que un viviu e resolver certos matices, que superen a inseguridade e a inxenuidade que os nenos de hoxe, metidos no mundo da informática e nos contos animados, onde a imaxe esperta motivacións que os autores deste tipo de literatura non tivemos. En certa ocasión e falando sobre este tema co escritor angolano, Pepetela, autor de “As aventuras de Ngunga”, un dos libros infantís mais fermosos da literatura africana, manifestoume a dificultade dos escritores adultos escribir para os nenos, sen colocarse na mentalidade deles e adaptarse á súa psicoloxía. Entendendo que o neno é o mellor crítico para manifestar se gusta do que le ou non. Se o que le non lle gusta xa non pasa da segunda páxina. Así de contundente. Moitos escritores ignoran esta actitude tan severa dos nenos.

Os atinos marcados por Anxo Boán en “As cousas de Fuco”, determinan varias repercusións no que respecta á lealdade de procurar un apousento que dignifique as pretensións, as vivencias e os descubrimentos que o neno vai descubrindo a través de lecturas pedagóxicas que lle transmite un autor, mesmo neses tránsitos por onde o infante asimila certos conceptos que vai codificando no seu imaxinario. Nesta dirección apunta Anxo Boán útiles vivencias dun neno de aldea como Fuco, que memoriza certas historias, certas ou imaxinarias que reteñen e concordan co que se pasou hai anos nunha aldea como Sandiás, no profundo rural de Vilauxe. Todo un exercicio de traballos, de vontades, de benquerenzas e de aprendizaxes que nos manifesta este autor sobre a utilidade de ser un neno nutrido de labregancia e dos mellores resortes da nosa tradición cultural. Anxo Boán escribiu un memorando que ilustra o pasado e retoma o futuro, tal como mostran as diversas frecuencias deste libro.