Un coche da Empresa Ledo de Chantada fixo cambiar o recorrido de Franco a seu paso por Sarria en 1960 - 11/12/2017
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

O seguinte suceso que aconteceu naquela tarde do 14 de setembro de 1960, cando Franco ía inaugurar o mosteiro de Samos, pola mañá, pasando por Sarria e pola tarde volvía a pasar procedente de Monforte de Lemos que remataba de inaugurar uns canais de regadío. Cando o ditador regresaba ao pazo de Meirás, un coche da Empresa Ledo de Chantada, que levou a Samos e Sarria a simpatizantes franquistas de Chantada, tivo unha avaría nesta última poboación, mesmo por onde pasaba a comitiva. A garda oficial de Franco detectou esta anomalía e abalanzouse precipitadamente sobre o chofer que exercía de mecánico. Este episodio, o conta un relator de excepción, Xosé Penela Castedo, antigo funcionario do Concello de Sarria. Sorprendente crónica que publicou no “Boletín do Seminario de Estudos Sarrianos Francisco Vázquez Saco” Nº 20, páxina 323, correspondente a abril de 2013, e baixo o título: “Nota curiosa. O atentado que non houbo en Sárria contra Franco o 14 de setembro de 1960”.

franco a seu paso por sarria 1960Penela Castedo presenciou esta barulleira desde a súa propia casa que ademais fotografou o coche avariado (fotos que ofrecemos nesta columna da súa autoría). Este feito fixo pensar á escolta de Franco que podía tratarse dun atentado, tomáronse medidas moi serias ao redor do coche do Ledo. O relato de Xosé Penela ten puntos moi contundentes do que el presenciou: “Aquela tarde diante da Casa da Costa, no Arrabaldo, sufre unha difícil avaría un coche de transporte de discrecional pasaxeiros de Chantada, desprazado a Samos e Sárria para a ocasión, auto que quedou paralizado na rúa sen posibilidade de retirada, e este feito plasmouno en varias fotografías o funcionario municipal Xosé Penela Castedo, dende a galería da súa casa na Rúa Benigno Quiroga”.

Prosigue a crónica de Xosé Penela Castedo: “Á volta de Monforte, as escoltas de Franco ao observaren a aparición dese atranco na rúa, saltaron con toda presa e encañonaron ao mecánico que, alleo a eses movementos, andaba a arranxar o coche, co natural xusto deste, e en evitación de calquera imprevisto, xa que coidaron que podería tratarse en algunha maneira dun intento de atentado, sobre a marcha decidiron variar o recorrido, e rexeitando ir pola rúa Matías López en dirección a Lugo”.

O impacto da noticia en Sarria e nos sarrianos que presenciaron a apresurada mobilidade das escoltas, rodeando o coche da Empresa Ledo e apuntando desaforadamente ao mecánico que, talvez, non era outro que o propio condutor do vehículo, o coñecido e veterano Fontefiz. Desta desmesurada operación dinos este puntual informante: “Moitos sarrianos contemplaron con asombro os movementos das escoltas, e foi o tema de conversa nas tertulias, a axilidade “do americano”, un home corpulento, encargado da seguridade do cortexo da S.ª E.ª, que coordinou os movementos precautorios de que foi obxecto e vítima imprevista o chofer chantadino que alleo ás consecuencias da avaría andaba a chafullar no coche avariado”.

Posto en contacto con algúns membros da familia da antiga Empresa Ledo, ninguén garda na memoria tal desaguisado, nin teñen oído do suceso. Isto quere dicir que posiblemente a amoestación debeu ser dura e ameazante co fin que non se espallase a noticia alén do que tiñan visto os sarrianos e do que era noticia minimizada e secreta entre eles. Que esta noticia non teña transcendido en Chantada e difundida polo propio protagonista do suceso e polos viaxeiros que foron aplaudir e facer exaltación e entusiasmo ao caudillo golpista, e que a familia Ledo nada ou pouco saiban deste non miúdo acontecemento, moito quere dicir do silencio imperante da época e do medo imposto por ameazas a posíbeis e duras represalias.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras