Corenta sonetos de Amor e Conforto' - 12/12/2017
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

 Son diversas as vías e os frontes poéticos con que encara a súa andaina o poeta chantadés, Anxo Boán Rodríguez. A entrega deste novo libro do aAmor e confortotrinque saído da editorial Círculo Rojo, vén a translucir un dos temarios mais sobrios e respectados -tamén complicados- como é o soneto. Tan apetecido en varias épocas da historia da literatura europea, partindo de Pretrarca, naturalmente. Na literatura galega o soneto estivo moi ausente da nosa poesía, digamos que a súa incursión na nosa poética é bastante recente. Mais ollando ao pasado orixinal, ao tronco común da lingua galaico-portuguesa, basta para ollar aos clásicos poetas portugueses para sentirnos compracidos de facelos nosos a eses apetecidos sonetos de Sá de Miranda, Luís de Camões, Manuel Maria Barbosa do Bocage e Antero de Quental. Oh sublimado e grande Antero! O da perfección suprema onde o soneto deixou de ser misterio pola puntualidade e a contundencia da excelsa proporción, do vital que nos resultan os catorce versos dos seus sonetos. Antero de Quental, o mestre admirado por Manuel María e Uxío Novoneyra, a pesar de que este último non fixera moitos sonetos.

Aínda que na nosa poesía non haxa unha tradición, si que hai unha predisposición de poetas que practican o soneto, podendo sinalar un longo inventario de creadores afincados nesta inventiva. Anxo Boán é un deles, que aporta e afianza todo un repertorio de vital importancia como é o amor compartido con quen se ama e cos propios lectores. Concorrendo ao cuarteto con que Lope de Vega nos ilustra do amor amado e tolerado:

“Un soneto me manda hacer Violante,
y en mi vida me he visto en tal aprieto:
Catorce versos dicen que es soneto:
Burla burlando van los tres delante”.



Non dubido que no bo facer da concreción de Boán Rodríguez, por adentrarse no misterio do soneto e, sobre todo, nas delicadezas do amor, tal como xurde neste libro de gran aporte e soporte que o poeta chantadés supera esas cadencias que para outros poetas fican na controversia de si mesmos e deixándose devorar por tódolos significados e vontades que impón a mestría sonetista. Nesta dirección, fago miñas as palabras iniciais do autor do epílogo deste libro, Xulio López Valcárcel, que di: “A mesura, o equilibrio e a harmonía gobernan esta nova achega de Anxo Boán: Corenta sonetos que, insistindo no equilibrio, conforman unha proposta dividida en dúas partes, de vinte poemas para cada unha”.

Estamos ante un poemario que é un soporte de fidelidade á nosa lingua, de dignidade ao noso país e de aprendizaxe nos bos desexos e vontades dun amor lúcido e transparente. A persoalísima riqueza de obedecer aos desexos do amor soñado, desexado ou conquistado, maniféstase neste libro dunha maneira moi contundente. Alén da harmonía e do equilibrio do que nos fala Valcárcel, pondérase esa simplicidade que son atributos moi personalizados na creación de Anxo Boán. Deste noso autor xurde a testemuña e a encomenda seria e sinxela:

“Ser poeta é ser a pedra e o cicel,
un escultor das musas inspiradas,
un trobador para almas apaixoadas,
e un azoute para o corazón cruel”...