A imprescindíbel loita feminista - 08 Marzo 2018
Opinión: nos diario

O importante é ante todo aprender a estar de acordo.
Moitos din que si, e sen embargo non están de acordo.
A moitos non se lles pregunta, e moitos
Están de acordo co erro. Por iso:
O importante é ante todo aprender a estar de acordo.

 Bertolt Brecht (O consentidor e o disentidor)

Os de xénero masculino estamos a tempo de esforzarnos e cambiar o rol, comportamento e maquillaxe, neste momento preciso, en que as mulleres manifestan a súa liberdade pola súa inaprazábel emancipación, a tempo de asumir un desacordo co erro e, como mínimo, aprender a estar de acordo coas loitas reivindicativas que realiza o feminismo en todo o mundo, sumarse a elas e dar visibilidade a eses medos que as cercan, a esas violencias que soportan, a eses estereotipos machistas que castran e conxelan os esforzos e os anhelos das mulleres, iso non deixa de ser un acto de vontade revolucionaria. Se aínda non basta cos tabús impostos e co androcentrismo como expresión violenta e aniquiladora, a cotián barbarie conmóvenos con insoportábeis asasinatos de 49 mulleres o pasado ano e neste ano continúa alarmando o feminicidio no Estado español. Esta realidade pasa de ser unha cuestión de alarma que nos traslada a un estado de pavor, sen que os organismos estatais aposten por investir en órganos decisorios e xestionados por mulleres sobre igualdade, liberdade e autoprotección. Un complexo escenario a revisar e concretar, sobre todo no ámbito xurídico que continúa enclaustrado na ineficacia administrativa de combater a violencia dominante machista e non cuestionar as actuais estruturas que, sen dubida, son nocivas para concretar aspectos de liberdade, igualdade e solidariedade de xénero.

Estamos obrigados a non desentendernos desa convocatoria de folga, no día de hoxe, unha iniciativa solvente e emocionante que ten consolidada voz global

“Con independencia do que teñamos entre as pernas”, como subliñou Noa Presas nun saboroso e contundente artigo que publicou hai poucos días en Sermos, estamos obrigados a non desentendernos desa convocatoria de folga, no día de hoxe, unha iniciativa solvente e  emocionante que ten consolidada voz global, para que as mulleres continúen loitando contra calquera opresión e facendo valer a súa rebelión, non só unha vez ao ano e si cada día do ano. As mulleres teñen que romper a súa dependencia con relación ao home, como suxeito dominador das estruturas de dependencia que o guían e amparan, que equivale a romper coas tramas  de explotación capitalista, onde a muller non deixa de ser un instrumento de produción, un nulo obxecto ante as decisións patriarcais. Friedrich Engels, no seu libro A orixe da familia, a propiedade privada e o Estado, fala da abolición dos dereitos de filiación feminino e o dereito hereditario materno, que foi transgredido e arrebatado polo dereito hereditario paterno. Engels sinala o seguinte: “O derrocamento do dereito materno foi a gran derrota histórica do sexo feminino en todo o mundo. O home empuñou tamén as rendas da casa; a muller viuse degradada, convertida en servidora, na escrava da luxuria do home, nun simple instrumento de reprodución. Esta baixa condición da muller, que se manifesta sobre todo entre os gregos dos tempos heroicos, e aínda mais nos tempos clásicos. (...) O primeiro efecto do poder exclusivo dos homes, desde o punto e hora en que se fundou, observámolo na forma intermedia da familia patriarcal”. Así connótase a castración e a alienación da muller neses séculos escuros do clasicismo grecorromano e da súa transcendencia oligárquica que monopolizou a Igrexa e o feudalismo en súas diversas épocas mais tenebrosas. Cando a muller foi execrada por esas institucións, é culpada de maledicencias perversas feitas á medida dese poder omnímodo perpetrado polo xénero masculino. Claro que tamén os homes foron vítimas dese sistema que os erixiu como beneficiados e que nunca renunciaron a eses privilexios e favores. E desa esmagadora situación aínda relocen símbolos da humillación das mulleres que nos conmoven. Poucos esquecemos consagración da Sagrada Familia de Barcelona polo papa Ratzinger, onde toda a xerarquía episcopal española relucía brancura en súas vestimentas e mitras de cerimonia, mentres unhas freiras, con hábitos negros, recollían o aceite espallado polo altar dunha maneira apresurada ante as miradas perdidas e insólitas deses xerarcas que nos lembraban o mais tétrico medievalismo papal de Inocencio III ou de Bonifacio VIII. Ninguén negue que eses símbolos residuais están aí para facer unha lectura pousada sobre a discriminación e a desigualdade das mulleres.

Visíbeis son as múltiples precariedades e marxinacións que posicionan as mulleres nun estado degradante e de inferioridade con respecto aos homes. Pensemos na igualdade de produción laboral de homes e mulleres, estas soportan a desigualdade de salario. Isto implica que hai unha indecencia dominante por parte de quen contrata con pérfida irregularidade, que ten protección por parte de quen “goberna”. A poucas e a poucos deixou indiferente a resposta que lle deu o presidente do goberno a Carlos Alsina, cando lle preguntou pola igualdade de salarios, a resposta foi conmovedora: “No nos metamos en eso”. Ou, “Las empresas van en buena dirección”. Aos que lideran o neoliberalismo máis insolidario e recalcitrante pouco lles importa a dignidade das persoas. As súas políticas recenden a servidume medieval que asoma por todas partes, e as mulleres están na primeira fila do seu vitimario. Non se pode ignorar o insulto e non se debe tolerar a provocación que dunha maneira silenciosa e sutil tratan de obstruír as canles en que as mulleres aspiran a establecer e normalizar a igualdade de dereitos equivalentes aos que teñen os homes. Por tanto, cando a desigualdade produce este clamor tan visíbel, rigoroso e plural, contra comportamentos machistas, parece que as mulleres queren liberar este mundo da opresións que elas soportan, e neste percorrido tampouco podemos ser indiferentes con elas e co que soportan pola ausencia de dereitos fundamentais que non asisten ás mulleres; contra a prostitución organizada e o proxenetismo, contra atrata de mulleres e a explotación sexual; contra a mutilación do clítoris; contra o amaño matrimonial que xestionan os proxenitores,  vulnerando a decisión negativa das súas fillas e converténdoas en escravas; contra o acoso sexual e laboral; contra a discriminación e pérdida do posto de traballo por embarazo e maternidade. Este é o pan acedo que teñen que mastigar as mulleres e que indirectamente tantas veces admitimos silenciar tantos contras.

As súas políticas recenden a servidume medieval que asoma por todas partes, e as mulleres están na primeira fila do seu vitimario

A traxedia, tanto individual como colectiva das mulleres, está a diario nos medios de comunicación, que dan conta de maltratos, asasinatos, violacións e de traxedias de guerras e de aglomeracións de refuxiados onde os nenos e as mulleres son as vítimas mais directas e potenciais desas traxedias bélicas, sociais e económicas. Cando vemos o colectivo de mulleres que carece de calquera dereito de igualdade, usurpado por ese primitivismo patriarcal e baseado en conceptos relixiosos ou de outra índole, onde as mulleres están anuladas polo gardián que non lles permite conducir un coche, ir a un centro de ensino, e se o fan poden ser decapitadas con publicidade e orgullo patriarcal  engadido. A traxedia é tan insidiosa e brutal que non podemos virar a ollada e esquecer esta realidade transversal que soporta o universo feminino. Cando dicimos que hai que integrar a muller, mellor sería pensar como podemos integrarnos nós, os homes, nas aspiracións e na axenda reivindicativa feminista, para espirnos de conceptos mediocres anticuados que non son mais que ataduras de desigualdade e de negar dereitos a quen aspira a telos. 

Coido que o verdadeiro machista ten o orgullo de exhibir as súas potestades e ademais executalas con todo rigor violento que acumula na súa desgraza. Tamén está o machista reciclado que por veces manifesta reminiscencia da superioridade que está no seu imaxinario, coidando que se ten despoxado desa carga. Por último, aos que estamos convencidos de que temos dominado os xenes da discordia e da superioridade paternalista, que levan a carga de tantos relatos perversos, non nos queda outra que continuar corrixíndonos para que a igualdade de xénero sexa un factor de invariábel estabilidade. Con independencia dos nosos xenitais, que privilexian as entrepernas de mulleres e de homes, estamos obrigados a concorrer en conxunto a esa folga feminista e a manifestarnos polos dereitos das mulleres traballadoras, pola súa dignidade e pola descarga dese peso desigual que elas carrexan, con salarios desiguais e en postos de xestión, mais non de decisión. Non se respecta a interdependencia e menos se asume que unha muller estea á fronte dunha empresa ou dunha dirección técnica ou científica en pé de igualdade co home.

Cando dicimos que hai que integrar a muller, mellor sería pensar como podemos integrarnos nós, os homes, nas aspiracións e na axenda reivindicativa feminista

A situación infrahumana que devora a esas mulleres que coidan a seus seres dependentes e reciben unha pensión irrisoria que limita a dignidade das dúas partes. Estamos fronte a algo moi serio e moi simple que recae sobre as mulleres, por iso é que a inoperancia das institucións dun Estado estático, precisa de contundentes respostas e hai razóns para solidarizarnos coa voz desas mulleres que soportan o peso da infamia. Como dixo Bertolt Brecht, poñendo voz a unha desas mulleres coraxes, nesa obra teatral anteriormente sinalada, e resaltando problemas existenciais, na seguinte conversa maternal:

Desde o día en que
O teu pai nos abandonou
Non tiven a meu lado
A ninguén mais que a ti.
Nunca estiveches
Lonxe  da miña mente e da miña vista
Mais tempo do necesario
Para prepararche a comida
Arranxar a roupa e
Conseguir diñeiro.
 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras