A democracia inacabada - 12 Abril 2018
Opinión: nos diario

A fraxilidade dunha democracia maniféstase cando algunha das institucións ou aparellos estatais non foron elixidos por voto e clamor popular. Nesta situación está a xefatura do Estado español, unha das institucións que foi herdada e transferida por plena graza do franquismo. Entón estamos ante unha imposición anómala e maniquea dos aparellos ditatoriais, que se impuxeron na constitución de 1978. O rei e a monarquía veñen de mao dada pola imposición dun ditador que interrompeu a vontade popular na elección da xefatura do Estado. Mais que unha anomalía foi unha mutilación democrática, que privou á comunidade electoral de definir por plebiscito a organización do Estado en monarquía ou república. Unha imposición que leva corenta anos sen corrixir. A todas luces estamos baixo unha democracia inacabada e tutelada pola institución e símbolo da monarquía que representa o pasado e o poder omnímodo de castas hereditarias que dominan e transfiren o poder, entre si. Todas as monarquías simbolizan a historia macabra de feitos tan surrealistas, como os que se deron no reinado de Fernando VII, destronando a seu pai, e outros disparates políticos que se deron no reinado de Isabel II. A marca Borbón non deixou indiferentes aos historiadores españois e foráneos de malditas desordes que provocaron retrocesos e impunidades que a memoria retén.

Claro que estamos nunha democracia que limita poderes ao monarca e que xa non pode dicir como o Borbón, Luís XIV: “L’État, c’est moi”. Mais pode debruzarse en toda esa carga de excesos míticos e estéticos que sempre se interpreta e identifica cos poderes absolutos que tiñan as casas reais. Con todos eses acomodos de prebendas e privilexios das que seguen gozando, como nos vellos tempos, toda a parentela real saca lucro do erario público. A cuestión hereditaria da xefatura Estado, a título e rei, non acontecería cunha república. Non estamos falsificando ou adulterando a percepción de que unha monarquía teña cabida ou non nunha democracia parlamentaria. É de orde e lealdade democrática que a xefatura do Estado fose elixida democraticamente, en formato republicano ou monárquico. Mais isto non se deu por vontade popular. Foron os poderes fatuos que introduciron a dilixencia franquista da sucesión que o ditador decretou, sendo introducida na constitución de 1978, artellada e forzosamente metida con calzador. Neste sentido hai que recuperar a normalidade democrática e ter noción de que a xefatura do Estado, sexa monárquica ou republicana, é unha cuestión que ten que elixir o pobo, e vén a ser unha conta pendente que ten que solucionar o pobo se verdadeiramente é soberano. Estamos falando de sensibilidade democrática, nun amplo horizonte de legalidades que isto comporta, e non dunha maneira emocional.

Esta democracia inacabada retoma vixencia despois de certa desorde doméstica da borbonía familiar, que non deixa ninguén fora deses desencontros, xestos e insinuacións que se veñen manifestando nos medios de comunicación sobre a actual realeza. O problema é cando estas desordes créanlle emoción á liorta e producen forte pegada no que se resinte da inexpugnábel realeza, de corte clásico e na desproporción do mito monárquico. Con todo, estas rivalidades da tal familia, que se exhiben en público, non son máis que pequenas cousas das grandes que se albergan en privado. Entón os medios de comunicación avístannos de certos sucesos, como o de cazar elefantes, de amores e desamores e doutras aventuras que teñen sacudido á monarquía española, como o espectáculo de corrupción de Urdangarín, ou a opinión de Felipe Froilán (fillo da infanta Elena) que nunha algarada en Andalucía di: “me dan asco los comunistas”. Con estes odios de monifate, por parte dun membro da casa real, agrándase a caótica situación dun Estado monárquico que non facilita harmonizar unha verdadeira democracia. Un presidente corrupto da república duraría no cargo catro anos como máximo, non como unha monarquía de predominio intemporal.

Estas rivalidades da tal familia, que se exhiben en público, non son máis que pequenas cousas das grandes que se albergan en privado

Estamos a dous días da ascensión da II República española, o 14 de abril de 1931, unha data para festexar, con certos temores. Porque foi unha república acomodada por republicanos, moitos deles prófugos intelectuais das filas monárquicas para rebentar a república, como aseverou Castelao. Unha II República centralista e cos mesmos excesos de torpezas e belixerancias que cometeu a monarquía de Alfonso XIII. Comparemos os crimes de Oseira, Nebra e Sofán, en tempos deste monarca, cos crimes de Casas Viejas no período da II República, ou a represión de 1934 en Asturias. Aquí queda o conto para reflexionar. Mais o compoñente da forma dun verdadeiro Estado democrático maniféstase nas liberdades e institucións republicanas máis que nas monárquicas. As perversións e vilezas políticas teñen mais éxito nunha monarquía que nunha república. 

A II República foi dun desmedido estatalismo centralizador que nos lembra os rigores perversos do borbonismo totalizador e españolista, a pesar dos seus condutos autonomistas, nunca federalistas como sucedeu coa I República. As nacionalidades Ibéricas endexamais foron asumidas e respectadas en súa reivindicación integral como tais. Neste sentido cómpre ir ás teses de Castelao no seu "Sempre en Galiza”, e verificar o que nos di da II República con referencia a Galiza e sobre as políticas dos gobernos republicanos que ignoraron a nosa identidade e os graves problemas económicos e sociais en que estaba sumida. Se ignoramos o que di Castelao, na ampla percepción do comportamento republicano na Galiza, estaremos admitindo a marxinación deste período. Mais se valoramos o Estatuto de Autonomía de Galiza, do período republicano de 1936, o seu texto foi máis progresista que o do período monárquico de 1981. Pese a todo hai notorias diferenzas entre as dúas formas de Estado. Os republicanos temos o deber de xerar unha III República e, sobre todo unha I República Galega, ben lonxe do que foron as anteriores, no que respecta á descentralización do Estado, por outro plurinacional. Hai que cambiar as institucións obsoletas, a monarquía é unha delas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras