O cenáculo de Neira Brochs, na Igrexa de Chantada (1) -19/06/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

igrexa de chantada 1Coido que non hai adxectivos suficientes que determinen a dimensión vangardista e simbólica do mural cerámico da autoría do relevante escultor viveirense, José Luis Neira Brochs, que representa a última cea de Xesús Cristo, na igrexa parroquial de Chantada, montado e exposto ao público desde o día 14 de xuño. Paseando pola avenida de Xoán XXIII, da miña vila, atopeime con D. Daniel de Castro Trebolle, o párroco dimisionario, despois de tantos anos de ministerio sacerdotal en Chantada, alertoume e acompañoume até o novo e representativo Cenáculo, alí estaba o novo párroco, D. Manuel Areán. Verdadeiramente impresionoume ese conxunto situado nun espazo circular, na banda esquerda do presbiterio, e os dous proporcionáronme a dádiva de ser o primeiro -iso creo- de dar noticia desta extraordinaria obra, que vén a completar todo ese conxunto cerámico que, con anterioridade a este, ergueu Neira Brochs. Estamos falando dunha obra tan dinámica, no rigor e na sobriedade, que converte á igrexa de Chantada nun museo de arte sacra e, a José Luis Neira Brochs en seu único mentor e creador. Deste autor, verificamos no templo de Chantada un conxunto artístico para contemplar, gardar e durar, que mais cedo que tarde aparecerá nos libros de texto escolar e nos grandes volumes de arte galega e non só.

Mais a verdadeira vontade e mao benéfica de erguer este Cenáculo foi a de D. José María Palacios, ilustre nonaxenario que exerceu de crego durante varias décadas en Madrid, e desde a súa xubilación vive na súa natal vila do Asma. Un home natural e afable que aínda exerce de oficiante da misa de once na igrexa neoclásica de Chantada, saúda. Unha persoa moi popular, que saúda e fala con todos; moi culta en variados temas representados na cultura e nas artes. Por algo entendemos que el promocionara e pagase este fermoso mural, de incalculábel valor monetario. Entre el e mais eu falamos moito da poesía de S. Juan de la Cruz. Palacios é un verdadeiro entendido e versado neste santo carmelita, gloria perpetua da poesía española do século XVI. Cada 14 de decembro, día de S. Juan de la Cruz, voulle a súa misa a oír a súa prédica dedicada ao santo poeta, despois facemos conversa longa de conmemoración. Este actor benéfico dignifica o seu don de crente que, ademais, promociona un caudal de soberana arte sacra para ser plenitude memorial, no que memoriza D. José María Palacios.

igrexa de chantada 2Este Cenáculo de Neira Brochs revela un escenario vital dunha obra integradora, no contexto creativo e visual, no que resplandece o expresionismo e o impresionismo, dous elementos estéticos que compre percibir en cada figura. Unha obra que se concreta mais na mística- teologal, que en aspectos relixiosos. Se reparamos nas doce figuras antropomórficas agrupadas en catro grupos, en cada unha tres apóstolos; o tres trinitario e o catro representando os catro puntos cardinais e os catro Evanxeos, abren a porta a moitos pensamentos e meditacións. Un concepto medievalista que actualmente perdeu ese valor simbólico, mais na cerámica deste mural recupérase dunha maneira moi puntual. Consta dunha visibilidade harmónica que encontramos a súa xénese nos catro Evanxeos. O cromatismo, os espazos figurativos e o movemento teñen seu lexítimo respiro que accionan a grandeza deste mural. O branco mantel da mesa, agrupado por tres formatos circulares, teñen como indicativo un concepto trinitario, do que tanto gusta Neira Brochs. Non sei se neste branco busca respiro, no que se concreta no punto de fuga, como acontece no caso das pinturas de célebres executantes. Neste caso, o branco non deixa de ser esa luz cromática e, tamén, luz divina. A branca luz do tabernáculo, do altar e da mesa da última cea, revestidos de branco teñen un indicativo no Salmo 43, 3: “Manda a túa luz e a túa verdade, que elas me guiarán; levaranme ó teu monte santo, á túa mesma morada”. O branco iniciático manifestando o resplandor de seu Señor e de seus apóstolos neste mantel.

Non é fácil manifestar nesta mural as diversas expresión que cada un dos trece rostros e nas composturas de seus corpos, que dunha maneira xenial consegue o seu creador e executante. En cada un deles hai un sentimento que nos achega a presentir esa carga humana á que están sometidos. Hai anguria, pesadume, misterio, meditación etc. Manifestar todos eses sentimentos non é fácil nunha obra de tanto portento creativo, articulada por un talento como é o de Neira Brochs. Neste contexto hai dúas figuras enigmáticas que me atraen enormemente, a de S. Xoán e a de Xudas.

Diría que a de S. Xoán, apóstolo e evanxelista, é unha maneira de enmascarar a figura tan distinguida e misteriosa como a de María Magdalena, que para a gnóstica medieval e para certos doutos da patrística, a imaxe de S. Xoán non era outra que a da Magdalena. Non sei se José Luis Neira móvese polos parámetros dos gnósticos que reivindicaron a figura da Magdalena como partícipe das andanzas de Xesús e do ágape do cenáculo e da crucifixión, citada nos Evanxeos apócrifos e de reiterada presenza nos pintores e escultores renacentistas e pos renacentistas. Nesta figura de Neira aparece reflexiva e coa cabeza un pouco debruzada cara Xesús. Coas maos no peito, e a dereita sobre a esquerda, acatando o valor simbólico do dualismo medieval. A destra (representación do ben) sobre a sinistra (representación do mal). Nesta escena hai unha serie de connotacións simbólicas que proclaman a un artista que non é alleo ao símbolo cristián, tan exposto e visíbel como o que trata neste caso.

Esta preeminencia de Magdalena ante os apóstolos, nunca foi declarada nos Evanxeos canónicos como a favorita da propagación da mensaxe evanxélica, mais isto constatouse nos Evanxeos apócrifos, e tivo un carácter gnóstico que testemuñan moitos dos membros da patrística, adxudicándolles unha constatación verdadeira. Sorprende nos documentos de Nag Hammadi a alta estima que os primeiros cristiáns tiñan por María Magdalena. En moitos deses documentos está descrita como a discípula favorita de Xesús que tiña un enorme carisma entre os primeiros cristiáns. Mais a liña da Igrexa oficial despois do ano 313 en que se concreta o Edicto de Milán, a eminente Santa Magdalena é marcada como prostituta arrepentida. Nun sermón do papa San Gregorio I, no ano 591, suplanta a María Magdalena por María de Betania, a pecadora arrepentida. E mais tarde, os mestres escultores da doutrina gnóstica suplantárona por S. Xoán, como o discípulo amado por Xesús, nesa figura feminina que vemos ao pé de Xesús non é mais que a restitución do vencello da Magdalena con el. Na historia da arte, isto xa é innegábel para moitos investigadores sobre o contributo gnóstico na arte cristián.

Outro enigma revelador é o da figura de Xudas, que aparece neste Cenáculo, ten unha expresión que especifica ao persoeiro tan deostado e petrificado na noite das maldicións. Xudas, como a Magdalena, son dous persoeiros bíblicos que me atraen e que afloran tenrura sapiencial. Realmente conmóveme esa ollada fuxidía e atormentada; a manifestación mais pura e cruel do “To be or not to be” (Ser ou non ser) do Hamlet shakesperiano. Resplandece nesta imaxe que, con precisa compostura foi capaz de crear Neira Brochs, para transmitir a particular disensión consigo mesmo que tivo Xudas Iscariote. Pobre Xudas -digo eu- predestinado por Deus para facer esa entrega, como confesou S. Pedro, cando di nos “Feitos dos Apóstolos” 1, 16: “Irmáns, conviña que se cumprise a Escritura, onde por boca de David falou o Espírito Santo acerca de Xudas, que se fixo guía dos que prenderon a Xesús el, que foi un de nós e recibira parte deste servicio”. Ese rostro aterrado de Xudas en fuga, coa súa bolsa que a predestinación divina configurou a ese errante persoeiro, tan depredado pola incomprensión. Unha imaxe para contemplar neste escenario cerámico, sobre a tétrica misión que na profecía tivo o seu destino.

En cada un dos laterais deste mural, están os símbolos eucarísticos utilizados na última cea, o pan e o viño. A nosa dereita unha seara montañosa con monllos de pan, ben pode ser o noso monte do Faro, dador de espigas, esa mantenza material e espiritual dos nosos agros chantadeses. Na banda esquerda as videiras con suculentos acios que sostén unha farturenta parra ou lobio, das nosas viñas ribeirás. A Chantada eucarística, co pan do Faro e o viño do Miño, tamén representada nestes formatos evocadores que José Luis Neira Brochs soubo tecer, con talento e para ser benquerenza dunha terra de fartura material e espiritual.
Compartir