O tetramorfos de Neira Brochs, na igrexa de Chantada (e 2) -  22/06/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

igrexa de chantada 3De novo, confirmamos que a igrexa parroquial de Chantada é un verdadeiro museo de arte sacra polas diversas expresións cerámicas e das vidreiras que o artista, José Luis Neira Brochs ergueu nos diversos espazos deste templo, que completou co fascinante Cenáculo, de recente estrea. Con el, completa un ciclo que Neira Brochs encetou xa fai varias décadas nesta igrexa. Como é o tetramorfos que serve de retablo no centro do presbiterio, así como o baptisterio e varias imaxes que matizan a diversidade que este autor destinou para este espazo. Acertou o até pouco párroco, D. Daniel de Castro Trebolle de contratar a un creador vital e vangardista como é Neira Brochs, para erguer esa simboloxía que emana da Biblia e emitir tanta pedagoxía mística. D. Daniel, alén de párroco, é un home de orde, nótaselle a súa casuística de xesuíta, na que estivo varios anos. E un home que coñece puntualmente a escolástica da arte relixiosa e, como non, diversos conceptos iconoclastas. Partindo destes dous elementos, entendemos como tivo esa douta sensibilidade de buscar ao artífice preciso e necesario para prover unha obra de arte da calidade estética que estimulase o espírito e nos recrease nos diversos símbolos que nos ofrenda este tetramorfos. É verdade que este mural o pagaron os fregueses de Chantada, mais D. Daniel ten o mérito de ser a persoa ideal que procurou o mestre artesán preciso para que hoxe falemos dunha igrexa museo da relevancia artística, tan contundente coa que conta esta igrexa.

Apaixónanme os pantocrátores e seus elementos figurativos que representan os catro evanxeos e, ademais, o formato de cada un dos elementos que protexen o símbolo e reservan unha nutrida ensinanza para entrar en varios portentos doutrinais e teologais. O tetramorfos procede da palabra composta grega: tetra (catro) e morfe (forma). Mais toma valor no Antigo Testamento, concretamente na profecía de Ezequiel 1, 10; que sinala: “A forma das súas ás era a de caras de home e de caras de leóns, á dereita dos catro; de caras de touro vistas desde a esquerda dos catro; e de caras de aguias os catro”. Este texto serviu ao autor do Apocalipse 4, 1-9, de acaparalo e determinar un formato mais asumíbel para o contexto doutrinario cristián. Ademais di que no centro do trono onde se atopan estes seres, está Deus e que denominamos pantocrátor. O citado texto do Apocalipse, di o seguinte: “O primeiro animal, igual que un león; o segundo, semellante a un xato; o terceiro, tiña cara como de home; e o cuarto, semellante a unha aguia voando”. Mais tarde, estas catro figuras, unha antropomorfa e tres zoomorfa, representan aos catro evanxeos. A aguia a S. Xoán, o anxo a S. Mateo, o león a S. Marcos e o boi a S. Lucas. Os catro están presentes no tetramorfos chantadés, dunha maneira xerárquica e co valor que corresponde a cada unha desas figuras.

igrexa de chantada 4Nesta composición, é evidente que Neira Brochs, non ignora a identidade de cada un dos persoeiros e dos valores de posición que a maioría dos tetramorfos románicos do século XII emiten esa gradual preponderancia que emite a colocación das catro individuais. Na parte superior, á dereita do pantocrátor (nosa esquerda), observamos a aguia que representa a S. Xuán, e no lado esquerdo (nosa dereita) o anxo, representando a S. Mateo. Neste caso, confírmase a colocación xerárquica, Xoán e Mateo, foron apóstolos e evanxelistas. No caso de S. Xoán, vemos a aguia elevándose, co apóstolo e evanxelista sobre ela. A elevación espiritual do crente, como se manifesta en Isaías 40, 31: “Mais aos que teñen esperanza no Señor renóvanselle-las forzas, soben con ás de aguia”. O home espiritual elevándose como esa aguia potente e robusta.

O home alado representando ao Evanxeo de Mateo, apóstolo e evanxelista, dirixindo a súa mensaxe aos xudeus, ten un carácter mesiánico, dado que pon énfase en Xesús como o rei dos xudeus. Un apelo á humanidade de Cristo, personificada nos dons semíticos que aparece reiteradamente nas profecías de Isaías.

Na parte inferior da dereita do pantocrátor (nosa esquerda) está representado o Evanxeo de S. Marcos, nun León. Vemos ao evanxelista coa ollada erguida cara ao seu Señor e aplacando ao feroz e bruante felino. Vemos neste cadro que o autor deulle unha connotación enfática sobre o poder sobrehumano de Xesús, que representa o poder do león da tribo de Xudá, como menciona o texto do Apocalipse. A mensaxe de Marcos está dirixida aos crentes de Roma, baixo as garras dos sátrapas imperiais. Neira Brochs soubo expresar a arrogante fortaleza e agresividade deste león, que sintetiza no poder do Evanxeo que representa o león de Marcos.

Na banda inferior, á esquerda do pantocrátor (á nosa dereita), está representado por un boi o Evanxeo de S. Lucas, o evanxelista discípulo de S. Paulo. Neste apartado, percibimos a humanidade divina de Xesús. O boi do sacrificio nas ofrendas do tabernáculo e do altar. Trátase dunha mensaxe mesiánica que Lucas dirixe aos gregos. A persistencia deste evanxelista na humanidade e sacrificio de Cristo ten aquí un impacto moi específico. Neira Brochs preséntanos A S. Lucas debruzado sobre o lombo dun boi dinámico, en movemento, como prototipo da humildade dese Cristo benevolente que ofrece repouso aos “cansados e fatigados”. Como se menciona no Evanxeo de Mateo 11, 28: “Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei.”

Tódalas figuras humanas e a dos animais están orientadas cara o centro, onde se ergue o Cristo resucitado e iluminado por unha serie de raios transparentes, que configuran a beleza deste tetramorfos e, tamén definen varios símbolos iniciáticos. José Luis Neira Brochs obta por unha modalidade mais libre do seu Cristo triunfante e de amor, como podemos ver nese pantocrátor que se desprende do tradicional, sedente e estático, o Señor da xustiza. Neste caso o vemos erguido e cos brazos extendidos, como chamada de achegamento, irmandade e esperanza. Xa fica moi lonxe daqueles pantocrátores medievais que tiñan un carácter excesivamente autoritario e co lema: “Ego sum, lux mundi”. Neste de Chantada, o autor optou por colocar no centro do retablo e a cada lado a primeira e última letra grega, Alfa e Omega (principio e fin). Outorgándolle o poder da totalidade da súa omnipotencia, como señor do universo. Mais neste pantocrátor, ou Cristo elevándose, percibimos toda esa atracción, alén da monumentalidade que cada un vexa nel. Esa candidez e chamada ao amor dese Xesús que nos presenta o Evanxeo de S. Xoán, cando insiste que “Deus é amor.

No presbiterio, a cada lado do retablo, hai dúas imaxes unha da Virxe María co neno e a outra unha mártir, exhibindo a palma do martirio, coido que se trata da padroeira de Chantada, Santa Mariña. As vidreiras ornamentadas e con diversos símbolos cristiáns, tamén son obra de Neira Brochs. Percibimos deste autor unha predilección polos símbolos trinitarios que os mostra en diversas ocasións, nesta igrexa, en formatos moi discretos nos que se percibe a autoridade creativa deste activo ceramista, coñecedor e intérprete de toda unha simboloxía que tempera unha pedagoxía visual. Con todo este volume de arte sacra, a igrexa de Chantada non deixa de ser un referente activo e innovador que, por inventiva de José Luis Neira Brochs e por vontade de D. Daniel de Castro Trebolle, temos un gran monumento artístico, que o tempo constatará o valor monumental de cada unha das particularidades que ofrece este conxunto.