Guía das Igrexas Románicas da Ribeira Sacra, de Xosé Antonio Quiroga - 09/07/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

romanico ribeira sacrajpgMúltiples e diversas son as publicacións sobre a Ribeira Sacra. Unhas ficaron a medio camiño de integrar elementos básicos para dar a comprender a totalidade deste espazo ribeirao. Outras, por apuradas e desordenadas, manifestan que os seus autores están liña do incomprensíbel. O problema é que determinados autores cren que todo vale na mercadoría do desbalde. Velaí o descoñecemento de certos autores que teñen destes espazos e itinerarios que aparecen en varias publicacións, dunha maneira inconclusa e alterada. Por outra banda, non todo se aproxima ao morbo do todo vale, para que o dixira un mal lector ou descoñecedor do medio polo que transita. No eido das guías, o guieiro precisa de ser guiado aos poucos para rexistrar o que contempla da certeza que o guía.

Mais non todo é indecencia do que se escribe sobre a nosa Ribeira Sacra. Hai textos que revelan información crítica para comprender esta ensarillada e errática terra, por onde o Miño e o Sil conforman paisaxe, onde se erguen monumentos medievais, coa primacía do románico que ten harmónico apousentos e esclarece moitos misterios e iniciáticos descubrimentos. Para chegar a eles, contemplalos e escudriñalos é precisa dunha guía que esclareza moitos pormenores históricos, arquitectónicos e simbólicos. A “Guía das igrexas románicas da Ribeira Sacra” (2017), da autoría de Xosé Antonio Quiroga Díaz, ben a normalizar un escenario que carecía de referencias exhaustivas, que limitaban o son de diversos ecos que o románico precisa sonorizar.

Cada igrexa ocupa dúas páxinas (normalmente), as pares levan un texto que incide sobre a historia e a arquitectura románica, cun reducido mapa de orientación. Ademais o visitante conta cunha referencia de Google Maps e de GPS, para chegar ao templo seleccionado. O texto é bilingüe: galego, español e inglés, que facilita moitas e indiscutidas benquerenzas. Nas páxinas impares están reservadas para as imaxes que se ofrecen de cada igrexa. Polo miúdo, ofértase unha colección de templos que sufriron diversas alteracións e que aínda manifestan elementos románicos do seu obradoiro orixinal. Así como un glosario. Por último un mapa de toda a Ribeira Sacra, luguesa e ourensá. Unha excelente guía que logrou Xosé Antonio Quiroga, Director do Ecomuseo de Arxeriz, en Fión do Saviñaou, onde se mostra unha panorámica figurativa e visual da grandilocuencia do románico ribeirao. Unha guía de referencia, que marca e promove a arte que sustenta este espazo monumental.