O lobo de San Froilán - 05/10/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

san froilánCando vou a Lugo, non deixo de contemplar o santo e mais o lobo, que están compracidos e cunha ollada inxenua na fachada da catedral. Coido, despois de observalos con indiscreción, que S. Froilán ten algo de lobo e este algo de santo. Parece que os dous comparten pelame beática e olfacto gnóstico. Canto mais me pasmo ante S. Froilán, cargado con pesadas vestes de prelado, coido que o condenado é el e non o lobo. Esas sombrías túnicas episcopais pesan mais que a alforxa do lobo. Todas esas imaxes que representan a S. Froilán transmiten certos hábitos do lobo. Ese movemento tan simple pero tan certo, no intre de cazar almas e devoralas en silencio mediático. O lobo exhibe señorío en súa estática ollada cara o ceo como se olfacteara o pantocrátor entre nubeiros. Fantástica parella que os lugueses celebramos con ímpeto e personalidade, onde conviven supostos santos con lobos. Capa pluvial e albarda retratan as dúas clases sociais: as fartas e as famélicas.