Último concurso electoral - 20 maio 2019
Opinión: nos diario 45x25

Xosé Lois García

Pode que actividade electoral deste ano en curso, con catro eleccións de diferente signo e competencia, aclare algo en positivo, alén da confusión partidista que a dereita é capaz de potenciar e disfrazar en favor de seus intereses. Coido que a cidadanía electoral impulsou certo orde en aclarar posicionamentos fronte a insultos e mentiras desa dereita tan especial e partillada en tres viscerais grupos que son capaces de convivir con discursos diferentes, poñendo en alerta á cidadanía. Mais persiste a agresividade orixinal da dereita; a unión das dereitas fomentando confusión en Santa Compaña. É verdade que o exceso de lixo atascou os sumidoiros e a fedenta situación anoxou a un amplo electorado que non consentiu tanta putrefacción. As eleccións xerais do 28 de abril aportounos moitas lecturas cara as eleccións do 26 de maio, satisfacendo claves emerxentes e indicativos de orientación electoral: comunidades autónomas (exceptuando varias delas), europeas e municipais. Talvez estas últimas teñan un valor substancial de mudanza positiva ao contextualizar valores e proximidades sobre os intereses que está descubrindo a cidadanía fronte a negada e enclaustrada transparencia, pola parálise que practica a dereita en varios contextos de gobernabilidade municipal.

Os galegos sabemos moi ben do poder e da manipulación da dereita na maioría de concellos con predominio no medio rural, con irreversíbeis signos de despoboación e envellecemento; con graves retrocesos existenciais e falta de programas e recursos consistentes en proxectos sociais e de atención a persoas que carecen de medios. Nestas emerxencias os concellos deben ter unha atención prioritaria e que en moitos deles non a hai. Crear medios con capacidade de asistencia en todo aquelo que teñen competencia e, tamén, denunciar e facer visíbel as carencias que soportan os cidadáns, todas aquelas que dependen doutras administracións: estatais, da Xunta e deputacións. Mais o problema é cando unha corporación local depende exclusivamente do dirixismo dun partido de dereitas. Neste caso a obediencia debida dun alcalde é un deber co seu partido, que é o que o mantén no privilexio e na desmedida das corrupcións. Velaquí a verificábel perfidia que se comete constantemente coa cidadanía. Hai casos extraordinarios de consentimento cando se agradece ao alcalde favores por servizos en espazos privados, exercendo un poder desmedido de atracción a sustentar o seu poder e a súa inmobilidade por medio do voto cativo. Aínda hai moitas persoas que coidan que o alcalde lle fixo un favor atendendo unha petición personificada, o favorecido o ten que pagar co voto. En todo caso as corporacións municipais están para arranxar problemas do común, con diñeiro que o común paga a Facenda. Que maneira mais simple de hipotecar a vontade democrática cando se xulga que un alcalde é excelente gobernante cando beneficia intereses individuais. Neste terreo a democracia está en mínimos.

Ao contrario desa personificación e concentración do poder corporativo que exerce a dereita, temos outros exemplos ben distintos por parte de corporacións dinamicamente democráticas, viradas cara a sustentabilidade e normalización de que a cidadanía participe do público, axude a xestionar e a crear iniciativas que teñen un carácter pluralista. Sendo así un elemento progresista capaz de activar políticas visíbeis que ofrecen mudanza social. É bo lembrar que na Galiza hai dúas referencias ben notorias que representan a tantos outros concellos que exercen a mesma conxuntura, que responden aos mellores avales na calidade de servizos e de integración, como son os servizos de saúde, ensino, cultura, medio ambiente e recuperación da autenticidade histórica de cada espazo que respira idiosincrasia e herdo galego. Neste caso, refírome a Pontevedra capital, gobernada desde 1999 por Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG e con maiorías absolutas. O outro referente o encontramos en Allariz, municipio do rural ourensá, na que goberna o BNG, ininterrompidamente desde 1989. Estes precedentes están en activo noutros municipios galegos. Isto avala o traballo de equilibrio, de cohesión social e de igualdade cívica, a creación e recuperación de espazos verdes e lugares de convivencia e apoio ás persoas mais desfavorecidas. Este é o eixo das políticas de xestión e de servizos públicos que contemplamos polos que traballan por crear un perfil innovador e ben distinto a que estamos acostumados a ver a persistente exclusión. Por tanto, estes proxectos continúan exercendo un valor social e de progreso. Sen isto non podemos entender unha Galiza democrática e cohesiónada desde os concellos, capaces de abrir canles de participación e achegamento coa cidadanía. Integrando a esta nas xestións e dándolles voz para manter viva a cooperación e o recoñecemento dunha Galiza mais pragmática e en defensa do que é de seu.
Xosé Lois García

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras