A devastación do planeta en clave galega - 01 AGOSTO 2019
Opinión: nos diario 45x25

O cambio climático faise visíbel en numerosas devastacións que os mais incrédulos e os non adheridos aos prognósticos que os científicos relatan puntualmente, sobre a alteración e depredación do mesmo, aínda que tarde, comezan a manifestar preocupación polo que observan e, sobre todo, polos efectos que produce o cambio climático, en súas diversas fases, e no que determina unha serie de temas que anuncian a deriva dun medio ambiente que acentúa esa anormalidade que, con frecuencia, frivolizamos as advertencias científicas e dos protectores do medio ambiente, que nos falan dun cúmulo de alteracións como o ozono, o desxeo, a alteración climática, a destrución de especies vexetais e animais que declinan ante a presenza de outras que ferozmente as devoran, tan presentes na xeografía galega; insectos descoñecidos que se fan visíbeis e que teñen un carácter depredador como é a avespa asiática, a velutina, que devora as abellas autóctonas, depredando a súa poboación dunha maneira radical. Estes datos tan primarios e ben nefastos e visíbeis manifestan a preocupación nun núcleo amplo da sociedade rural que día a día constatan o cambio climático, alterando a súa función normalizadora e operativa. Así é que a preocupación toma un estado de alarma que acentúa a visíbel atención de novos fenómenos que acaparan enormes desastres que, pragmaticamente, o colectivo científico comprometido en diferentes áreas ecoloxistas e medioambientais, apunta cara a tan deostada e desprezada clase política, dominadora que ampara intereses monopolistas e financeiros, subordinando a política de numerosos países que vociferan ser demócratas e protectores sociais dunha sociedade devastada por enormes problemas existenciais, que os mal ditos “demócratas” promoven.

ESTAMOS NUN NOVO ESCENARIO PROVOCADO POLA GLOBALIZACIÓN E O CAMBIO CLIMÁTICO, QUE OBRIGAN Á SOCIEDADE GALEGA E Á CLASE POLÍTICA A REACCIONAR, ABANDEIRAR E LEXITIMAR A DEFENSA DOS INTERESES AUTÓCTONOS DO NOSO POBO

Remato de ler a poesía completa do naturalista e defensor da normalización climática, Henry David Thoreau (1817-1862), autor de “Desobediencia civil” e do libro: “Walden”, no que atopamos sobresaíntes consideracións e non poucas advertencias sobre a alteración do medio ambiente por intereses imperialistas, e de súas cobizas depredadoras. Na poética de Thoreau, encontramos inamovíbeis sentencias, como esta: “Cando os nosos principios debrúzanse / ante o medo egoísta ou ante a cobiza / e os inconstantes mortais / derrúbanse ao meu redor, / non esquezo a Fair Haven”. E continúa: “Espírito da lagoa, dos mares e dos ríos, / que recendes o teu perfume e o teu aroma / nas herbas que curan / só nos campos dos homes xustos”. Posibelmente os homes xustos fiquen atrapados e desfigurados, mais non vencidos e coa posibilidade de comezar a crer que ao polbo capitalista hai que comezar a tallarlle os seus tentáculos opresores.

Se houbese que escribir ou debater sobre a sustentabilidade medioambiental en clave galega, estaríamos emitindo esa preocupación nunha segunda versión de “Galiza como tarefa”, como a que publicou Valentín Paz Andrade en 1959, sobre temas importantes daquela Galiza asoballada en diversos eidos e perfís do seu constante drama, como a demografía, emigración, industrialización, enerxía hidroeléctrica, temas lingüísticos e culturais. Problemas que continúan predominando no aspecto estritamente galego coas súas peculiaridades ben definidas e distintas ás que teñen outros espazos diferentes aos nosos problemas. Por tanto, estamos nun novo escenario provocado pola globalización e o cambio climático, que obrigan á sociedade galega e á clase política a reaccionar, abandeirar e lexitimar a defensa dos intereses autóctonos do noso pobo. Neste proceso, a nova Galiza como tarefa, a que debemos asumir o enorme problema medioambiental dunha maneira contundente, sendo capaces de abarcar diversos temas que están dentro dese proceso de desintegración dos que venden o noso pais aos monopolios financeiros e a ben sinaladas multinacionais.

A global devastación do planeta ten consecuencias directas no espolio das nosas materias primas e na alteración do medio ambiente. Consideremos só dous referentes: a mina de Touro en que a Xunta de Galicia permite a unha multinacional a explotación dos recursos mineiros. Aquí vemos o goberno autonómico xunto co goberno central formalizando complicidades da entrega do botín dos xacementos da mina de Touro. Reflexionemos sobre o indulto que Mariano Rajoy concedeu á biofábrica Ence de celulosa que emporca a ría de Pontevedra e elimina os recursos piscícolas e os postos de traballo de marisqueo. Neste caso, Rajoy inventou a reforma de Lei de Costas para amparar o monopolio deste empresa, cuxos recursos depende das plantacións de eucaliptos que destrúen o subsolo dun amplo espazo dos montes de Galiza. A loita contra a empresa Ence, destrutora da mencionara ría, protagonizouna o BNG, quen mantivo unha acción en diversos frontes, coa asistencia dun amplo e nutrido núcleo cidadán e coa intervención encomiábel do Concello de Pontevedra, presidido polo seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores que declarou a Mariano Rajoy persoa non grata de Pontevedra. As loitas contra a extracción da mina de Touro e a loita pola recuperación da ría de Pontevedra son dous referentes -entre outros- que dignifican a coherencia da loita social e política das forzas vivas de Galiza, con miras a preservar o noso ecosistema medioambiental. Velaquí a clave galega e a súa capacidade en defensa dos nosos recursos, no contesto de preservar o noso planeta. Estas referencias contestatarias teñen un valor e unha coherencia importantísima para descubrir unha serie de anomalías e saber atacar ditos espolios das nosas materia primas.
Xosé Lois García

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras