A intolerancia dos monopolios eléctricos na Galiza - 12/09/2019
Opinión: nos diario 45x25

Non cesan as loitas contra a tolerancia permisiva que a Xunta de Galicia e o propio Estado confiren avultados privilexios abusivos en favor dos grandes monopolios que exploran as riquezas do noso país, en diversos lugares do noso territorio. Asistimos a unha imposición constante de varios monopolios industriais que saquean as riquezas de Galiza, sexan mineiros, hidroeléctricos, canteiras, etc. É visíbel a persistencia das institucións estatais e autonómicas en silenciar as agresións medioambientais, a alteración de espazos forestais como é o caso do Courel, o monte Iribio, as Minas de Touro e outros espazos que, obrigatoriamente, tiñan que estar protexidos de calquera alteración ou atentado que se faga contra eles. Así que as consellerías de Ordenación do Territorio, Medio Rural, Medio Ambiente, que parecen institucións parasito, que non se inmutan ante problemas de tal fondo e gravidade, como os que se están expoñendo nas diversas xeografías galegas. Estas institucións, parécense mais a oficinas de atención, protección e asesoramento a intereses monopolistas, que a verdadeiros organismos autonómicos oficinas públicas. En vez de defender os intereses populares, inciden en conceder mais privilexios ás manifestas ambicións e imposicións de intereses privados.

Fálase moi pouco, case nada, da instalación de aeroxeneradores eólicos no monte Rañadoiro do concello de Paradela, nos confíns da Ribeira Sacra miñota, que colle un amplo espazo das parroquias de Aldosende, Andreade e Castro de Rei de Lemos. Esta última é unha das parroquias mais extensas, xeograficamente, da provincia de Lugo, con corenta e un lugares. O longo cume do Rañadoiro xa exhibe eses enormes artefactos de forza eólica, que logo, a contra reloxo, producirán fluído eléctrico, á costa de reducir este espazo nunha lea de tránsitos que só os vehículos de mantemento e vixilancia, lexitimarán que ese espazo xa non lles pertence aos verdadeiros propietarios da entorna, por moitas legalidades que reclamen e litixios que emprendan, sempre serán vítimas do poder deses monopolios hidroeléctricos. No alto monte do Rañadoiro, da sinalada parroquia de Castro de Rei de Lemos, que linda polo sur co Saviñao, ofrece unha paisaxe diversa, na que se mantén unha variedade de especies vexetais e dunha  fauna particular que, en seu conxunto, póñense en perigo todas esas particularidades que até agora se mantiveron equilibradas.

Falar do monte Rañadoiro obríganos a destacar ese antigo misterio dos milenarios habitantes que proclamaron vida comunal castrexa. Estas cimeiras testemuñan a presencia activa e a sacralización nesas mais de trinta mámoas inventariadas da parroquia de Castro de Rei de Lemos. Aquí están as nacentes gurgullantes do río Loio, que transcende polas longuras do municipio de Paradela, onde nos seus beirais fixeron vida eremita, aqueles anacoretas que ergueron oratorios e maltrataron seus corpos por salvar as súas almas. No cumial deste monte, onde o Loio xa ten cantar harmónico que convida ás aves a encetar seu arrechouchío de albada, mesmo nos rentes do Mosteirovello, onde se sitúa a igrexa románica de Castro de Rei, que deu hospitalidade á orde cisterciense por longos séculos. Un lugar emotivo, de pertenza e idiosincrasia, que esta parroquia de estirpe labrega e de rango popular, soubo ordenar e manter este espazo dunha maneira reiteradamente produtiva e organizada. No que respecta á nosa historia mais recente, a da guerra civil, Castro de Rei foi unha parroquia de resistencia, refuxio  de guerrilleiros e dos chamados “escapados”, que estiveron parapetados nos cumes e valgadas do Rañadoiro, pregados na resistencia contra o fascismo. Neste baluarte combativo coincidiron guerrilleiros de diversos lugares, como os operarios de Renfe de Monforte, entre outros,  morreron en combate e fican enterrados no cemiterio de Mosteirovello, sen unha lápida que os identifique e memorice.

Este parque eólico ameaza a un espazo natural e medioambiental, ademais do arqueolóxico e histórico de enorme interese no norte mais profundo da nosa Ribeira Sacra. As consecuencias desta desfeita implica tomar decisións, aínda que tardías, para conservar un territorio natural que se ve agredido polos monopolios hidroeléctricos. O tendido desta Liña de Alta Tensión que transcorre desde o Rañadoiro até a Subestación do Alto de Vilela da parroquia de Merlán (Chantada), da que eu son natural, na que se montan altas torres metálicas cun tendido de seis cables. Esta instalación imponse dunha maneira abusiva e prepotente, o típico proceder dos poderes que ostentan as compañías eléctricas. Como se pode sustentar, actualmente, o imperativo dun  decreto sobre expropiación forzosa, formalizado o 26 de abril de 1957, como “Reglamento de la Ley de Expropiación Forzosa”, firmado por Franco e o ministro de Justicia, Antonio Iturmendi, e publicado no BOE, número 160, do 20 de xuño de 1957. É inconcibíbel que un decreto destas características siga vixente nun Estado chamado democrático, que non se teña derrogado e poñerse ao día para sustentar unha serie de elementos dos que temos que coidar e facer prevalecer por enriba de intereses das industrias multinacionais.

No caso desta Liña de Alta Tensión que vai do Rañadoiro á Subestación Unión-Fenosa de Vilela, que atravesa a parte norte do concello do Saviñao e dúas parroquias no de Chantada: Pesqueiras e Merlán. Na primeira delas pasan dous tendidos eléctricos de alta tensión e un de media tensión. Mesmo, por un lugar moi sensíbel no que respecta a unha zona medioambiental e ao patrimonio histórico artístico, como é o mosteiro románico de Santa María de Pesqueiras, monumento nacional desde 1950. Un espazo paisaxístico de soutos e viñedos ancestrais, no beiral dereito da ribeira do río Miño. Pouco mais hai que sinalar sobre esta proxección de ordeno e mando sustentándose nun Reglamento de escuros privilexios, decretado por unha ditadura para amparar monopolios industriais e desprotexer todo o que faga falta e emane do pobo desprotexido.

No caso da miña parroquia de Merlán, as instalacións de tendidos hidroeléctricos non ten lindes en todo o que soportan os que viven preto deste fluído, desde a primeira instalación que se fixo en 1952, a liña do encoro dos Peares á Coruña.  Un territorio sinalado como prexudicial para a saúde para os que viven nesta entorna. No que se mantén unha subestación eléctrica na que converxen cinco tendidos de alta tensión e catro de media tensión. Curiosamente, o tendido desta liña pasa por enriba dunha enorme lagoa artificial de regadío, duns doce metros de diámetro, no lugar de Podente, onde ían os helicópteros abastecerse de auga para a eliminación de incendios, os propietarios alegaron este feito para que se desviaran certos metros e evitar a eliminación desta poza servíbel, alegación desatendida. O problema de todo isto é que nunca  houbo unha protesta formal pola veciñanza de Merlán, ou pola súa Asociación de Veciños, e menos polos alcaldes de Chantada que, visto o perigo, non mantiveron un relato para sinalar os excesos dos que impoñen estes tendidos. Varios países do norte de Europa iniciaron o soterramento de redes de transmisión eléctrica, con fins saudábeis, para diminución do ozono e saneamento medioambiental. Neste territorio de pel de touro, as inversións que beneficien á cidadanía en xeral están anuladas ou por decreto ou por escurantismo. O capitalismo mais brutal exerce o seu poder real de mil maneiras en noites sen luz. Hai que atallalo.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras