'O Recreo', nos recantos lúdicos do río Sardiñeira - 26/03/2019
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Non podo negar de ser un súbdito deste marabilloso espazo por onde o antigo e fluído río Sardinarius vai indo e bañando a superficie de verdes prados, emitindo musicalidade da súa encantadora cítara trobadoresca, que acompaña o arrechouchío das aves sedentarias e naturalizadas neste entorno. A melodía natural, intemporal, impón seu rigor polos serpenteos e repentes que aceleran o son das augas que procuran as do patriarca río Miño. Nese telúrico e ancestral recanto aséntase O Recreo, nesa longa pradeda de lucida herba verde e radiantes margaridas que custodian os beirais do río xlg 201903261 gd 1Sardiñeira, con cómaros e outeiros marcando micro espazos diferentes, que non deixan de ser pacíficas atalaias erguidas neses promontorios saudosos, onde a alma nativa respira os acougos dunha terra dura e mansa que nos reclama para presentir os misterios do noso existencialismo en varias dimensións.

O verdadeiro e orixinal topónimo onde se asenta O Recreo, chámase: Vilaesteva Río Baixo, que corresponde ao nome da parroquia de Vilaesteva e ás características orográficas do Sardiñeira, en seu descenso fluvial. Neste fermoso recanto houbo un muíño de varias moxegas, tal como manifestan eses fortes rodicios de ferro e as pedras moas que revelan que o muíño non era nada simple. Tamén a chapacuña e a presa que daba fluído para movementar esas fortes moas, e que agora sustentan eses viveiros de troitas que un pode pescar, mercar e degustar no Restaurante O Recreo. Aquí é onde un se pode recrear fronte a estas estivadas e paisaxes sosegadas, ou femininas -como as denominaba D. Ramón Otero Pedrayo-. Encontrarse e dialogar coa natureza para que nos fale do seu poema de amor ou de pura metafísica, antes ou despois dun suculento xantar con troitas, anguías e churrasco, con encomenda a recuncar, servido con elegancia e simpatía por Mabel Pérez Fernández, filla dos propietarios de O Recreo, Bautista Pérez e Carme Fernández. Mabel é unha muller moza de xeneroso e bo talento que fixo maxisterio e agora está mergullada nos estímulos da cultura, participando na escena teatral, na música e sempre activa na promoción das referencias e sentimentos da nosa cultura popular. Velaquí a singular camareira de O Recreo, decorando o bo gusto que o entorno merece. Un deseño perfecto e particularizado na diversidade de xogos e piscinas infantís, terraza exterior á beira do Sardiñeira, recinto de pesca. En todo isto, están os suculentos pratos condimentados por Carme Fernández, esta afábel señora e dona artesán dos mellores sabores que saen da súa cociña e perfuman de devezos o inmenso comedor.

xlg 201903261 gd 2Despois do bo e saboroso xantar apetece andar polo céspede que aínda ule a recendos de orballo ao lado dos mainos cantares do río. E podendo ser con Bautista Pérez, que sempre ilustra con tanta información que acumula a súa sabenza de don afábel. Un home emancipado por esta terra do norte de O Saviñao. Natural de Vilaesteva, esa parroquia de recoñecida personalidade, con renomeada festa grande dedicada ao bispo de Cartago, S. Ciprián; con feira antiga e de portento, como a de Currelos, ese lugar de Vilaesteva na encrucillada de camiños, que algún deles chega até Roma e Santiago.

Con Vilaesteva linda a parroquia de Segan, de onde era a miña mai e oito xeracións que me antecederon. A miña proxenitora intimoume con estas terras sobrias que criaron xente de rigor popular e de excelentes querenzas labregas. Falábame do río Sardiñeira, onde os da súa casa tiñan un muíño no prado do Piago, non lonxe de O Recreo. Preto deste restaurante estaba o lugar de Recó (agora desaparecido), con identidade lendaria por causa de José Castro Veiga “O Piloto”, dado que a súa namorada, Mirella, era deste lugar. Servidor a coñeceu en 1981, cando coidaba a seu pai nonaxenario, o señor Santiago, un ilustre masón emigrante en Cuba e retornado. Foi un encontro fascinante polas vivencias truncas e as emocións contadas.

Volverei a Vilaesteva Río Baixo a desfrutar das paisaxes encantadas e acuáticas de O Recreo. Irei pola estrada de sempre, de Escairón a Currelos, e en menos de un quilómetro pasarei as tres pontes sobre o río Sardiñeira, entregándome á solemnidade do silencio e aos murmurios do Sardiñeira, e coidarei da encomenda de Fray Luis de León, nestes seus versos: “¡Qué descansada vida/ la del que huye el mundanal ruído/ y sigue la escondida/ senda por donde han ido/ los pocos sabios que en el mundo han sido!”.