No centenario de Antón Patiño Regueira - 28/09/2019
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Antón Patiño Regueira (A Coruña, 1919 - Vigo, 2005), foi un activo testemuño de civilidade e liberdade naqueles anos escuros de posguerra, tamén vítima daquel sistema opresor. Mais el soubo manter a súa integridade de pensamento e ser fiel a escola de libre pensamento, na que se iniciou, anton patiño regueiraconfirmando a súa vida intelectual e contestaria. As particularidades humanistas que concorren neste inmenso cidadán de Monforte de Lemos, lévanos a observalo desde diversos parámetros, para concretarnos nunha vida enteira de compromisos exemplares co noso país. Na súa mocidade participa na Coruña nas sociedades librepensadoras como Xerminal. Exiliado en Buenos Aires, onde se integrou naquel amplo grupo de intelectuais galegos, republicanos e galeguistas, como Luís Seoane, Blanco Amor, Arturo Cuadrado, Díaz Pardo e tantos outros que se reunían no famoso Café Tortoni, ben preto da gobernamental Casa Rosada. Cando se fala deste grupo mencionase moi pouco a Patiño Regueira, o home que esclareceu ideas e creou vicisitudes de ampla incontinencia. A súa presencia en Buenos Aires confirmou ese compromiso de traballo en favor da normalización democrática e republicana, desde o marco do galeguismo de Castelao.

De regreso a Galiza, ancorouse en Vigo. Da súa presencia nesta cidade fai mención Méndez Ferrín: “É difícil de comprender o Vigo resistente, comunista, democrático, nacionalista, de 1966 a hoxe sen a figura ubícua, dinamizadora e positiva de Antón Patiño Regueira”. Nesta altura, Patiño creou no centro de Vigo a inmensa Libraría Librouro, un referente para todo Galiza que foi unha lumieira para aqueles lectores que aspiraban a ler libros “raros”, prohibidos ou descatalogados. Patiño tiña no seu escondedoiro un bo volume de edicións, sinaladas polo franquismo como perigosas, de Ruedo Ibérico e procedentes das editoriais galegas de Buenos Aires que entraban polo porto de Vigo clandestinamente. O “Sempre en Galiza” de Castelao, a “Poesía Completa” de Ramón Cabanillas (tío do ministro de Información e Turismo, Pío Cabanillas, no goberno de Arias Navarro, perpetuou a censura e o secuestro poético de seu tío). Todos estes libros estaban acochadiños en Librouro e destinados a persoas moi concretas e comprometidas co cambio político. Eu era un deses privilexiados que estaba na nómina segura de Antón Patiño. Este libreiro asumiu o risco que a súa aposta pola liberdade de información e por unha cultura libre de atrancos que o réxime impoñía. A súa posición foi valente e frontal contra o escurantismo daquela “Longa noite de pedra”: A arma da palabra disparando a todas direccións para que a cultura prevalecese eufórica. A Libraría Librouro foi realmente un santuario de emisión cultural e de información por medio do libro prohibido. Ademais era un centro de reunión de intelectuais vigueses e non só que tiñan apousento nese foro de transeúntes que visitaban ese centro libreiro. Alí estaba sempre ergueito e pletórico, como un patriarca unxido na cátedra de seu templo de liberdade, Antón Patiño Regueira. El foi un home de lealdade que propiciou o mellor que pode recibir o común do pobo, cultura.

Patiño, ademais de libreiro, foi escritor comprometido e poeta de fecunda versión lírica. Mais con ese ritmo e recendo popular, dando a un temario que responde a un espazo de pertenza. Así xurdiu o seu poemario: “A Viaxe do Tempo [Monforte dos Ensoños]”, publicado polo Concello de Monforte en 2005. Da cidade do Cabe era nativa a súa muller, Raimunda Pérez Sobreira. A Terra de Lemos impregnou de devezos a súa sensibilidade, adoptándoa como súa, dunha maneira profunda e incondicional, aferrándose ás súas xentes e a toda a dimensión que ofrece esta histórica terra dos antigos Lemagos. Por tanto, o autor deste libro de poesía ofrécenos varios rexistros poéticos que ponderan e vitalizan un contido harmónico coa presenza de persoas e amizades que fican codificadas nestas páxinas. Tamén a chaira da terra Lemesa e a súa Ribeira Sacra, particularizan ese inventario orixinal do “andar e ver” do poeta e asimilador desa forza telúrica, concentrada neses soberanos cantís dos ríos Cabe, Miño e Sil que codificou nos seus poemas. Tradición e ancestralidade e outro dos puntos asumidos polo poeta, definindo herdo e identidade dunha comarca, como a de Lemos, na que se enmarcan tradicións e formatos de cultura que el recolleu por todo lado. Claro que este libro non é un traballo de campo, de antropoloxía ou de etnografía, mais aí están matices da presenza dun ser humano moi especial adaptado ao seu medio natural, que marcou perfís interésenas que responden a este medio xeográfico. O poeta Patiño recolle varios formatos de comportamento vital das xentes de Lemos.

Este Monforte amado e visitado, en tódalas súas tolerancias, pola alma espida e misteriosa que Antón Patiño Regueira nos revelou o latexar presencial da cidade do Cabe, esa flor que non se murchar na súa poesía. Entrando nas entreteas deste poemario, encontramos poemas moi personalizados en amigos de pertenza. Os amigos falecidos ocupan ese obituario tan especial que expresa a súa testemuña en loas, cánticos fúnebres, lembranzas, prantos e ladaíñas. A vida social de Monforte e súa periferia, os parladoiros por rúas e prazas, por tabernas e mesóns lévanos coa súa proposta a detectar o Monforte lúdico e festivo. Tamén fai un repaso aos excelsos viños desde Vilaescura até Doade. Velaí o cántico certo que merecen os caldos da ribeira do Cabe e do Sil. Puxo voz aos asasinados da guerra civil: operarios de Renfe, labregos e obreiros; aos moitos reprimidos, como Cesáreo Saco no Penal de Burgos. Tamén aparecen funestos represores, como o que cita no primeiro poema do libro: “Cantiga a un lobo castelán que non lle doía Monforte de Lemos”. Un dos espazos fluviais da boa querenza para Patiño foi o río Cabe, que aparece en mais de vinte poemas. Un Cabe sublimado en fermosas baladas e loados símbolos. Sen dúbida o Cabe era o espazo das súas preferencias, nas súas andainas polos beirais do río. Algúns deses paseos fluviais merecen que leven o nome do seu admirador: Antón Patiño Regueira. Desde aquí, emprazo ao alcalde José Tome a que estude a rehabilitación dun espazo para este potencial poeta de Monforte Lemos no beiral do Cabe. As terras de Sober ocupan un lugar portentoso en boa parte do libro. Certas asociacións culturais ben podían tentar facer unha publicación. Digo asociacións, porque o Concello nunca o vai facer. Antón Patiño Regueira foi enterrado en Monforte, custodiado por dúas bandeiras: a galega e a republicana.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras