Aquelas inglesas que impresionaron a Chantada - 03/10/2019
Opinión - logo gd 2


Xosé Lois García

Fai poucos días que visitei en Barcelona a exposición do pintor alemán, Max Beckmann (1884-1950). Retraeume necesariamente o cadro: “Quappi de Rosa”, pertencente ao Museo Nacional Thissen-Bornemisza de Madrid, pola súa harmonía cromática e pola atraínte intelección que inspira ese retrato xlg 201910 cuadrode Quappi, a muller do pintor. Con esa indumentaria de cores, con eses matices desenfadados na blusa, de advertidos colares decorando o seu pectoral, con ollada contemplativa e metafísica absorbendo a fraxilidade do pouco que ficaba das modas e composturas anticuadas. Na mao destra sostén un cigarro, como símbolo de emancipación e modernidade feminista.

Un retrato de rigor edificante, que levou o meu imaxinario á miña primeira adolescencia dos anos de 1959-60, último período da construción do encoro de Belesar (mal chamado así, dado que este enclave corresponde ás parroquias de San Fiz de Asma e de Rebordaos, dos concellos de Chantada e O Saviñao, respectivamente. Belesar está a uns 4 quilómetros Miño abaixo). Neses dous anos sinalados, a instalación dos transformadores, turbinas e outros accesorios hidroeléctricos estiveron a cargo de técnicos ingleses, que viviron en Chantada coas súas familias. No horario laboral dos técnicos as súas donas saían en grupo por aquela Chantada recuada no pasado e anticuada en aceptar aos diferentes. Aquelas mulleres, de rigorosa mocidade, sentábanse en dúas mesas no interior do Café Capitol, na Prazola de Santa Ana, onde había catro cafés: O Capitol, Os Ángeles, O Ritz e O Pizarro. Velaquí o espazo neurálxico da vila chantadesa, por onde as inglesas exhibían os seus dons de mulleres libres de tópicos e de escurantismos. Os seus vestidos e súas composturas traían tempos novos e sen renuncia, que ninguén se atreveu en Chantada a imitar. Eran os tempos da minifalda e dos Beatles e de toda unha Europa cambiante, saída da Segunda Guerra Mundial. Notábase a forza e o entusiasmo de modernizarse e democratizarse, mentres que a España durmía e bocexaba, a que nos descubre Antonio Machado:

“La España de charanga y pandereta,
cerrado y sacristía,
devota de Frascuelo y de María,
de espíritu burlón y de alma quieta,
ha de tener su marmol y su día,
su infalible mañana y su poeta”.

Tempos tétricos e absorbidos polo parasitismo dunha sociedade maltratada e ancorada á forza; muda e obstinada ás vellas normas establecidas, que ollaba con desafío a esas mulleres de roupas floridas e lixeiras, con sorrisos animosos e con fúlxidos resplandores de liberdade e alleas ás touradas de Frascuelo e á devoción mariana. Mulleres que eran observadas con estupor por aquelas outras mulleres que ían vestidas de lutuosa, respirando unha atmosfera medievalista e pregadas na infelicidade dun misterio que elas mesmas vivían sen percibirse de tanta elocuencia que desprendía aquel dualismo, entre a liberdade e a alienación. Destino caótico das mulleres galegas vítimas de incalculábel traxedia. Daquelas pasaban cara o trasfego laboral por diante do Café Capitol ollando para aquelas inglesas que conversaban con distendido ánimo e tomaban o seu vermú e viño do Porto de aperitivo, lían a prensa inglesa e fumaban tabaco rubio en embocadura. A media tarde tomaban o te, servido por un camareiro uniformado e de regrada compostura. O Capitol era un café onde ía a clase dominante da vila, os funcionarios, caciques e aqueles que crían ser de utilidade na vida e non eran mais que aparencia. Por tanto, era un local asumíbel para estar confortábeis os ingleses. Aqueles hábitos anglosaxóns tan practicados por aquelas donas, atraían as miradas dos que descubrían esa novidade tan intrigante e a adobaban con confusas preguntas e respostas deles mesmos. Había unha acritude desmesurada cara aqueles comportamentos descoñecidos, que ampliaban a ignorancia ao negar culturas e diversidades. Lembro que o vello crego da miña parroquia lanzou unha pauliña tridentina, en aviso de condenación, para que os proxenitores de pubertas mozas evitasen a imitación ás minifaldeiras inglesas. Tan libidinosas como obscenas e de precaria moral. Ademais de fumadoras bebían whiski, pintaban os beizos e as uñas das maos e dos pés. As inglesas eran a latrina de Belcebú. Estas eran as diatribas daquel párroco conservador, mais era intelixente: víalle a punta do rabo ao lagarto do cambio, da liberdade e da igualdade da muller e había que tocar a arrebato e por fronteiras para que os tempos de opresión non mudasen.

Coido que a presenza dos ingleses en Chantada debeu ser como algo exótico e desmedido para os que contemplaron o seu formato anglosaxón, algo inconcibíbel para a maioría das persoas. Unha xente illada, pola incomunicación da lingua, mais houbo unha persoa que alternaba con eles e os acompañaba mostrándolles o non sei que e falando o que ninguén percibía. Ese era o Sr. Arias, natural de Comezo da parroquia de Seoane, un emigrante retornado dos Estados Unidos, que vivía no barrio da Lama das Quendas. O Sr. Arias era o cobrador da luz, daquela planta eléctrica que había no descenso do río Asma, fronte o lugar de Tarrio, que daba fluído eléctrico á vila de Chantada e as parroquias periféricas. O señor Arias era un atento e fluído comunicador, tanto falaba dos capitalistas americanos de chistera, como da saga dos cauwois californianos. Aquel home “pequeno de corpo e grande de esforzo” falaba inglés e acompañaba aos ingleses. Moitos que o miraban por enriba do ombreiro comezaron a terlle mais respecto por falar inglés e ser admitido naquela confraría de distinguidos ingleses. O seu peto ía repleto dos xornais londinenses: The Daily Telegrapf e Daily Mirror, que lle daban aqueles técnicos, instaladores de transformadores e turbinas.

Coa construción do encoro de Belesar, Chantada tivo grandes oportunidades de cambiar de rumbo, mais non soubo aproveitar aquelas infraestruturas para crear outro perfil coa presenza de centos de traballadores e empregados, nese enorme complexo que durou mais de cinco anos. Cunha explosión demográfica que aportou riqueza aos negocios que había e aos que se ampliaron. Un contexto novo que implicou moitas mudanzas e que representou un inicial florecemento que non se soubo planificar para consolidar futuro. No concello dominaban aqueles adheridos ao réxime, incapaces de potenciar avances en beneficio do común, a non ser o do seu propio bandullo. O monstruoso encoro rematou, a xente marchou e só ficou a anécdota solvente de distinguidas historias, dun período que esclarece constantes aconteceres que en Chantada sucederon, como a presenza do grupo de ingleses que, grazas ao cadro de Beckmann, retoman actualidade.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras