Nós Diario, unha cabeceira para durar - 12/01/20
Opinión: nos diario

Sen dubida, o 2 de xaneiro de 2020 ficará na historia do xornalismo galego, escrito en formato papel e no noso idioma. Non deixará de ser un contundente desafío para non seguir co habitual silencio e terxiversación informativa que emiten certos medios na Galiza. Parece que nos habituamos a dixerir ese modelo de información que fomentan os señores que dominan intereses perversos e concéntricos, resistíndose a recoñecer a evidencia do que se pasa nunha sociedade discriminada que ignoran neses medios. Dado o caso, estaremos falando de incomunicación rastreira. Mentres a deformación da realidade pase por esa permanente criba política de intereses mediáticos que acaparan a atención dun público que acepta e non percibe a opresión deses tentáculos e ventosas do polbo económico, que ben a ser símbolo e perfil dun xornalismo feito á medida de intereses empresariais, que teñen unha enorme capacidade de alienación: a que vemos executar neses medios de difusión no panorama galego.

A estas alturas xa fican poucas dúbidas da degradación informativa tan particular que emiten certos medios na Galiza. Roza coa indecencia a deformación de individualísimas voces que falsifican contundentes realidades do acontecer cotián do panorama galego actual. Cando certos xornais non censuran agresivos comportamentos que os poderes políticos  e mediáticos están infrinxindo e negando o que a sociedade demanda (poñamos por caso o que pasa actualmente co peche do Hospital de Verín), están agredindo á liberdade de expresión e a pluralidade democrática. Nesta dirección, estamos ante unha cuestión moi perversa, cando limítanse a informar dunha maneira evasiva, negándose a por énfase na causa e na verdade do que acontece. Claro que non, sería estar en contra dos poderes que aportan á esas empresas xornalísticas millóns de euros, por manter unha liña adepta a eses poderes. Non hai dúbida: cando eses políticos e seu dominio pasan por deslices ou caen empicados en certas encostas electorais ou de desprestixio, alá está puntualmente a editorial defensiva, non do director do xornal senón do propio empresario do xornal. Este comportamento foi activado reiteradamente en favor dos gobernos de Fraga e Feijóo.

Ante tanto silencio xornalístico do que acontece nesta Galiza depredada en tantas direccións e con múltiples problemas engadidos aos que ten, que xurda Nós Diario para orientar a contundencia dunha información que non pase pola criba dos poderes ou para contentar e consagrar aos mesmos, é unha iniciativa que temos que apoiar e consolidar nun intre de confusión e agravios políticos nos que permanecemos. Mais nestas grandes desmedidas, a conciencia galega daqueles grandes e lembrados homes públicos foron capaces de crear medios de comunicación en galego e en defensa dos nosos intereses. Aí están as grandes cabeceiras de contundentes semanarios e de variadas publicacións que souberon particularizar o interese da nosa nación, puntualizando a realidade e aos que nos desgobernan, negan e ocultan. Benvida a emerxente mesura de Nós Diario, que  estará día a día na rúa, coa información constatada e coa crítica proporcional que mereza cara asunto. Non podemos permitirnos os galegos deixar por mais tempo que a información estea nas maos dos grandes monopolios estatalizados ou absorbida polos mesmos.

Nós Diario vén a ocupar, posiblemente, aquel espazo perdido da información e investigación xornalista que tivo a Galiza a finais do século XIX e XX, até a guerra civil. Con aqueles grandes nomes do xornalismo galego que foron identificados como os promotores dunha información moi interesante e dinámica que deu o xornalismo na península Ibérica. Hoxe só produce saudade botar a vista atrás e observar a desfeita que producen os silencios e os imperativos económicos actuais. Coido que Nós Diario vén para durar, e na súa crucial andada debemos axudalo a voar. Parabéns!