Andityas Soares de Moura - 15/03/2020
Opinión: nos diario

Andityas Soares de Moura Costa Matos, Barbacena, 1979 (Minas Gerais), ademais de ser poeta é profesor de Filosofía do Dereito e outras disciplinas na Universidade Federal de Minas Gerais. Doutor en Direito e Justiça pela mesma Universidade. Doutor en Filosofía pola Universidade de Coimbra e Pós-Doutor pola Universidade de Barcelona. Conferenciante, articulista e escritor. De longo e extenso currículum vítae, que o sitúan noutros eidos da literatura. Moi vencellado aos cancioneiros medievais galego-portugueses, dos cales ten singulares traballos de investigación. Publicou unha antoloxía sobre a poesía de Rosalía de Castro, editada no Brasil, co título: “A Rosa dos Claustros”, da Editora Crisálida de Belo Horizonte (2004). Traballou a poesía de Manuel Antonio, e publicou outras aportacións literarias sobre escritores galegos. Con estas referencias temos o deber de consideralo como parte activa dos nosos investigadores e divulgadores da poesía galega en varias alertas do que significa a nosa literatura. Autor de varios poemarios que non pasaron desapercibidos para os críticos mais solventes e percibidos do Brasil e doutros países.

O novo libro que remata de publicar, titúlase: “Deus esta dirigindo bêbado” (e nos estamos presos no porta-malas), publicado na Editora Urutau. São Paulo (2019). Un poemario rotundamente frontista, que encara os problemas actuais, mais visíbeis e, aínda, dos que están a repintar e emerxer. Soares de Moura é un excelente captador dos excesos regresivos no que se embrollan os tempos actuais e nos que a poesía ten un papel importante e liberador. Sobre a situación actual ten moito que dicir e o di contundentemente, dunha maneira irónica, con esa dose de coñecemento que depara e asiste á súa poesía. Neste libro, non se contemplan finximentos nin receos para pregoar a verdade asistida pola poesía, como antídoto de non tolerar as degradantes ocorrencias de pérfidos e sanguinarios fantasmas que exploran e partillan o universo.

Andityas está na antítese do visíbel drama que percorre o mundo, moito ben parapetado na vangarda do bo ir e saber, na horizontalidade expresiva dunha poesía erixida no cántico de revolta e no laudatorio da liberdade. Como dicía Camões: “Cantem, louvem, e escrevam sempre extremos”. Pois, na dimensión dos extremos captamos a Andityas Soares de Moura na firmeza de ser un singular explorador da palabra e de tódalas súas afluentes; un dinamiteiro das persistentes e fatuas nulidades que interrompen as mudanzas ás que el aspira e manifesta neste libro.

O poemario: “Deus está dirigindo bêbado”, está partillado en seis individualidades, nas que se matizan expresións e fórmulas con que se encara o poeta a unha orixinalidade de pensamento exento de caducidade. Os seis subtítulos responden a variados estímulos, tensións, rebeldías, excitacións, apostasías, existencialismo filosófico co que tenta reconstruír unha nova Acracia. Así o destaque do primeiro subtítulo: “Explicação da grande fúria do mundo”, onde nos advirte con esta pertinencia: “Eu sinto a vontade de PRODUZIR um poema / que vai ser lido por toda a gente / e vai estar no coração dos amantes / vai ser aquele poema da infância / quando nem se conhecia a língua / quando se pensava que língua é / só essa grabata vermelha  de sangue / pendurada entre os dentes”. A persuasión da linguaxe abre outras itinerancias polas que todos temos que concurrir, e o poeta a descodificar a verdade do interior das cousas e dos extremos camonianos, por onde o Andityas loa e explora o cántico triste, en súa pureza libertaria, subliñando: “Eu vi na TV agora que gente morreu / de tiro e fame, de avião que cai, / que uns ainda se preocupam em esconder / notas de dólar na cueca -e isso, / sem se sentir patético, pítio, pequeno abutre- / (...) Eu estou alarmado com o mistério que / me mantem vivo, carente de toda / essa ajuda de um bairro melhor / onde não se roubassem carteiras”.

Para Soares de Moura o compromiso non deixa de ser ese caudal poético liberador, que emerxe das súbitas circunstancias da arañeira opresora, impoñendo medo e dando tiro na caluga, dunha maneira muda e esquiva. Mais a linguaxe sempre atina coa palabra liberadora que nos chama a estar no espazo dos fracasados; no respiro dos que se protexen da inutilidade. Na presenza fatídica dos irmaos derrotados é onde está a verdadeira poesía da verdade. Como dicía Gramsci: “A verdade é sempre revolucionaria”. E nesta súa verdade, o poeta insiste: “Nessas horas eu nego. / admito estar sem aspiração, / digo que na Sérvia ou na Síria / existem hoje poetas, / talvez em mais nenhum lugar, / certamente não aquí, não em mim”. Grata confesión para non negar nin recuar das extremas advertencias que nos fai o poeta, para achegarnos á varanda dun extremo e poder ollar e asexar alén doutros destelos o que non nos permiten ver o sol.

O segundo subtítulo: “Blasfêmea”, está tutelado polo seguinte texto do poeta catalán, Joan Salvat-Papasseit (1894-1924): “O mal nunca existiu. Polo menos nos homes libres, que son homes fortes, non puideron coñecelo. Mais existe o obstáculo que é a masa ignorante da civilización. Esa masa enorme, toda a humanidade medorenta e parva, que vive porque estableceu como norma social a hipocrisía, e iso é mesmo o que o poeta censura”. Andityas, con este texto, anticípanos os ambientes reflexivos que el impón nesta parte do libro, sobre as incoherencias que produce o dominio escurantista, propagado polos fundamentalismos relixiosos e seus acólitos, extensíbel aos dominios que acapara a burguesía, sempre de maos dadas cos ambientes mais ortodoxos e pérfidos do monoteísmo. Hai temas moi interesantes e intelectualizados en varios rexistros na prosa-poética deste apartado. O mais parecido -en sentido figurado- a un gurgullar de auga clara e fluída que xurde do pensamento de Andityas, configurando atribucións formais da súa creación. Nesta prosa poética xurde esa tenrura do manancial das palabras, con que describe os xardíns e os patios floreados de Córdoba, con laranxeiras e limoeiros, que ostentaba o califato Omeya, desa Córdoba “lejana y sola” lorquiana, non deixa lugar a limitala ou cercala. Nesta visualización sobre a monumentalidade da Córdoba sultana, lévanos a contemplar as lonxincuas estadías arabe-xudaicas, o vital da cultura do que prevalece e resiste nesa metafísica, na que o poeta brasileiro configurou neste apartado.

Aquí manifesta a fórmula de contemplación para vivir dunha maneira esencialmente poética. Como dicía o poeta francés, Gaston Massat: “O importante non é, talvez, escribir poesía, senón vivir dunha maneira poética” (...) “Non se trata de cinguirse ao real, senón de ter a evidencia do real e ante tódalas cousas sinxelas. Trátase como dixo Bachelat, dunha aspiración a imaxes novas para que a palabra faga o seu”. A realidade transformada mediante un exercicio mental, e non só, de  permanecer e posuír as evidencias do real na transcendencia humana mais visíbel, onde sempre encontraremos a poesía, como manifestaba García Lorca: “A poesía é algo que está na rúa”. Nesta dirección, Soares de Moura é consciente que os dons da rúa son o parámetro ideal para recoñecer e recoñecerse en todo o que admite e salienta a poesía. Neste ámbito, Andityas xa apousentado en ática dimensión, como obrador da palabra que emerxe do filtro do seu pensamento, dando resplandores deste calibre: “Aqui não se planta pimenta, / limão, a uva ácida. Provocam / disturbios, reações, revoltas. // Quando Deus existir /quererá um mundo melhor”.

Na economía poética deste libro hai poemas tan sensíbeis como rotundos que esclarecen a dimensión e a diversidade, para que o lector detecte eses horizontes e verticalidades polos que transita Andityas Soares de Moura. O poema: “Mergulho em Portbou”, salienta a enorme sensibilidade e capacidade pensante deste poeta, con que nos presenta unha mensaxe evocativa no entrever dun refuxio confidencial que convida á descuberta do que se evoca: “Ligeiro. Lento con areia / nos pés. Suave. // E as cinzas daquele a quem / negam sal, água, fogo”. Non é fácil obter, nesta brevidade poética,  un resultado óptimo de pesquisa. Mais estes catro versos lévannos dereitiño á tumba-memorial do filósofo alemán, Walter Benjamin, que morreu en Portbou (Girona) en 1940, fuxindo da persecución nazi. Este poema, alén da homenaxe que lle fai Andityas a un dos seus filósofos de preferencia, apórtanos algo vital e de inmensa fidelidade: recoñecernos na precariedade hostil de vernos perseguidos por grandes asasinos ditadores e por seus miles de mini-ditadores. Este poema confire moita meditación no que nos confina a situación de fuxir destes sátrapas. Por outra banda lévanos a pensar na fuxida de Antonio Machado que neste mesmo espazo pirenaico-mediterráneo, mais xa do lado francés, está enterrado Machado no pobo de Collioure onde morreu en 1939 fuxindo do fascismo franquista. Estes versos envolventes de Andityas toman como referencia a Walter Benjamin, mais neles non está exento Antonio Machado. A primeira palabra do primeiro verso comeza por “Ligeiro”, lémbranos as palabras de Machado: “ligero de equipaje”, que visualiza o fin da súa vida en Collioure. Así é a prenda machadiana en seu drama mortal: “Quando llegue el día del último viaje, / y esté al partir la nave que nunca ha de tornar, / me encontrareis a bordo ligero de equipaje, / casi desnudo, como los hijos de la mar”.

Non sabemos se a palabra “Ligeiro”, que inicia este poema de Soares de Moura, menciona indirectamente a situación de Antonio Machado, xunto a de Walter Benjamin. De tódalas maneiras fainos pensar no paralelismo do mesmo drama destes dous fuxidos e mortos no derrame. Os versos de Andityas non deixan de potenciar a voz dos mal feridos para adherila á memoria dos que sufriron e morreron por causa da liberdade universal. Como sinala o poeta Jean Bouhier: “É preciso adherirse a si mesmo. Saber identificar o poema con un mesmo e non coas cousas. O poema non é ningunha pequena historia que se conta, todo o mais é a propia historia dun”. Pois, os poemas que configuran o poemario: “Deus está dirigindo bêbado”, perfuman a grandiosa poesía brasileira que, desde Minas Gerais, podemos observar a súa luminosa pléiade dos grandes poetas mineiros, onde Anditias ten un sitial nun deses altos montes de Orfeu que rodean a Belo Horizonte. Onde se configuran e gardan as crecentes transformacións da poesía mineira, á que compre ollala no espello translucido do mundo.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras