A peste do Covid-19 no léxico da Ribeira Sacra - 22/03/2020
canle ribeira sacra logo 1

Xosé Lois García


Xosé Lois García

"Aínda que eu non son biólogo, en pouco ou nada, e descoñecendo o grado destrutivo de epidemias, endemias e pandemias, para os galegos e, sobre xose lois aeroportotodo, na miña naturalizada Ribeira Sacra, a todo isto chamámoslle peste (palabra con friaxe contida e temida), que engule todos eses termos de diversa índole virulenta e destrutiva".
En son de crónica persoal comezo o seguinte relatorio, fuxindo do coronavirus: Fai poucos días fixen unha viaxe cultural a Varsovia. Fun comodamente e regresei dunha maneira moi alterada. A compañía aérea polaca suspendeu os seus voos porque Polonia pechaba con España tódalas entradas e saías aéreas. Notei que a mobilidade que había en Varsovia estaba moi neutralizada, museos pechados, escasos restaurantes abertos e as persoas con máscara. Todas estas alertas anunciaban unha pesada incertidume. Despois dunha agradábel xornada de andainas e referencias culturais e artísticas que a capital polonesa oferta, o corpo pedía folganza e no hotel deille satisfacción e recompensa. As dez da noite recibín un email da embaixada española en Varsovia recomendándome saír de Polonia. A estes avisos burocráticos non lles presto demasiada atención. Mais sobre as doce da noite recibín un drástico aviso da guía cultural, así de curto: “Pretenda saír con urxencia, que a partir das doce horas de mañá día catorce, anúlanse tódolos voos de Polonia con España, entradas e saídas.”. Entrei en acción, contactando con compañías aéreas e case tódolos voos estaban anulados dunha maneira moi restritiva, menos a Alemaña, Francia e Holanda. Conseguín billete en Airfrance con destino a París-Charles De Gaulle e con transbordo a Barcelona. Saín ás dúas e media da mañá cara o aeroporto Frederic Chopin de Varsovia. Aquí, estaba a xente moi axustada e en pleno silencio. Daba a sensación de estar nun tanatorio. As seis saímos para París e ás nove chegamos ao grandioso e movementado aeroporto Charles De Gaulle. A situación era distinta ao de Varsovia. Moito bulicio e con preocupación reprimida e silenciosa. Moitas máscaras e puntuais avisos de precaución. Ás catro da tarde saín de París e ás seis estaba en Barcelona. Doce horas en tránsito por tres aeroportos, sempre as incógnitas impoñen e fan demasiadas preguntas sen resposta. Velaquí a pequena crónica dunha viaxe apurada e en apuros.

 

Aínda que eu non son biólogo, en pouco ou nada, e descoñecendo o grado destrutivo de epidemias, endemias e pandemias, para os galegos e, sobre todo, na miña naturalizada Ribeira Sacra, a todo isto chamámoslle peste (palabra con friaxe contida e temida), que engule todos eses termos de diversa índole virulenta e destrutiva. Así todas estas denominación procedentes do grego, resumímolas na peste xenérica que, para os galegos, ten unha connotación moi concreta de ameaza, execración, de constante perigo fatal e de noxo. Coido que a peste negra do século XIV, aínda está asentada no imaxinario colectivo e historicamente continúa transmitindo medos e pavores de xeración a xeración. E no que toca a definir a peste é algo moi concreto e determinado: doenza nociva e fatídica.

 

A primeira vez que me impresionou a palabra peste foi de moi neno nun enterro en Pedrafita (Chantada), ía co meu pai, e na parte traseira do cemiterio había unhas humildes cruces de madeira e na travesa horizontal constaba o nome, data de falecemento e a idade. Había algunhas cruces dedicadas a nenos e a adultos que faleceran na chamada peste e tamén “febre española”, mais que orixinouse na China, que matou a corenta millóns de persoas en todo o mundo. Esta pandemia global encetouse en 1918, ano do remate da I Guerra Mundial, de nefasta lembranza. Sorprendeume aquela idade infantil e, sobre todo, o que falaban daquela peste que atemorizou a todo o rural galego, tan desprovisto de medicamentos e de urxencias sanitarias naquela época.

 

Na miña nenez oín falar da peste da tuberculose, tan devastadora para Galiza. Na miña parroquia había un doente que finou de tuberculose e estaba confinado nun cuarto -unha especie de leprosería- na que lle servían a comida no mesmo prato e cunca, como mesmo garfo e coitelo. Na súa casa había pavor ao contaxio; as diferencias marcaban os extremos da preocupación do pobre apestado que soportaba ese ambiento de sufrimento e soidade. A mudanza das súas roupas -mais ben farrapos- eran lanzados pola fiestra e mesmo no chan incinerábanse. E detrás deste illamento estaba o tabú inmerecido contra o doente que tantas veces ocasionábanlle perversas marxinacións, cando moitos pensaban no grave pecado que tiña cometido e a súa desgraza servil era un castigo divino. Sempre o divino en contradición coa ciencia.

 

En 1955 houbo unha peste que foi das mais nefastas. Na miña comarca levou vidas e deixou convalecentes, nun estado estacionario que votaron meses de cura. O meu pai foi un deles. Todos prognosticaban e poucos adiviñaban o seu estado febril. O visitaban consensuados especialistas no cultivo de herbas medicinais que eran labregos e producían determinadas especies da tan ambicionada sanitatis, para aplicar en diversos tratamentos e doenzas. Así o meu pai foi curando aos poucos. Foron uns momentos dramáticos para min, cando vin a miña mai chorar tiven un presentimento de que a morte andaba en rolda pola casa para levar a meu pai, dado que a miña mai non era unha muller de bágoa fácil.

 

A chamada gripe asiática de 1957, tivo unha connotación nefasta en todo o mundo, foi unha pandemia que repercutiu en moitos pacientes galegos, sobre todo os de idade infantil. Produciu en todo o mundo mais de millón e medio de mortos. Un virus pandémico moi letal coñecido como A H2N2. Eu lembro a adolescentes da miña xeración que morreron por esta peste ou gripe asiática. Sinalemos, tamén, unha peste febril que aparece en 1961 que contaxiou a moita xente do noso rural e non só, que o réxime ocultou nos seus medios informativos como o NO-DO e emisoras de radio, dándolle prioridade informativa ao secuestro do barca portugués, Santa María, o 22 de xaneiro de 1961. Unha acción protagonizada por Henrique Galvão e os galegos Xosé Velo e Jorge de Soutomaior, que denominaron “Operación Dulcinea”. Foi tal a pesada e continuada desinformación, afirmábase que esa acción fora realizada “por secuestradores comunistas”. Non deixaron de falar da tal acción. O tema do Santa María desprazou a pouca información que se difundía sobre aquela gripe que causou bastantes mortes a finais de 1960 e 1961, de fonda preocupación no medio rural, que denominaron como a peste da pulmonía. Apareceron outras de orixe asiático, a coñecida co nome de gripe de Hong Kong de 1968.

 

Falando de epidemias xeneralizadas debemos lembrar a do VIH/SIDA, que apareceu na década de 1980, e que causou 40 millóns de infectados en todo o mundo, precedida de alarmas e terrores en toda a sociedade global. A nosa Ribeira Sacra como outras bisbarras de Galiza non estiveron exentas, desta mortífera epidemia. O SIDA, adquirise, aínda, por transmisión sexual: seme infectado e fluxo vaxinal, como todos sabemos. Sobre este tema e outros falta moita información para prever e evitar as terríbeis mortaldades que ocasionaron tantos temores que, sen saber moita do que se trataba, mais percibíase a agresividade só a mencionar a palabra SIDA, conmocionaba. Lembro daquela época a unha veciña ancián, a señora Xenerosa, a verme deume noticia, con moito sixilo e voz baixa, do falecemento dun veciño que tiña falecido “do mal ruín das mulleres”. Fiquei perplexo ante esta denominación. E continuou: “Si, home si, é a peste da putaría”. O tal veciño tiña morto do SIDA. Vexan a falta de información para certa xente de idade do noso rural, como tentan achegarse ao tema con termos aproximativos pero en desconexión entre o que a señora Xenerosa pensaba e a realidade actual do SIDA.

 

Nestes días de medo e conmoción para uns, e de certo pánico para outros, sobre o coronavirus, recoméndase ler un libro fundamental de Albert Camus, “A Peste”. Quizais para entender a actual pandemia, seus orixes e connotacións, que nos leve a ver e asumir a realidade do que acontece neste universo global, hai elementos considerábeis sobre os supermicrobios e o ecocidio que impera como un factor de destrución masiva do medio ambiental e ecolóxico, entre outras singularidades. Tal como expón o biólogo Joel Levis no seu libro “Scenarios for the End of the World” (Escenarios para o fin do mundo), publicado en 2005. En castelán aparece co título: “El día del Juicio Final”. Levis, sen ser profeta só científico, sinala: “A ameaza a unha pandemia global nunha escala como a de 1918 depende dun número de factores. Adquirirán os xenes da gripe aviar a capacidade de transmisión do virus da gripe humana? Existe un risco real de que unha nova forma de gripe pandémica existente libérese de forma accidental ou intencional? Canto demorarán os gobernos en responder a unha crisis con medidas como a corentena, drogas antivirales ou vacinas?”

 

Preguntas para ter na axenda diaria e non esquecer. Estamos ante unha grave pandemia, o Covid- 19 ou coronavirus. Na Ribeira Sacra como no resto do mundo, estamos baixo a ameaza desta peste virulenta, como di a nosa labregancia.