Murguía, Brañas e Catalunya (e II) - 07/06/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

 Dun dos próceres e mentores da nosa patria, como Manuel Martínez Murguía, dixo atinadamente Vicente Risco: “Murguía é hoxe unha figura histórica, de tan acusado releve que pode ser escollida como símbolo de renacencia galega”. Murguía representa para Galiza o extraordinario precursor do Rexurdimento patriótico e un dos grandes pilares do nacionalismo, en súa fase embrionaria partindo do rexionalismo. Condutor de tantas empresas para a reconstrución identitaria galega. El foi o que asentou unhas bases moi firmes para o desenrolo da historiografía moderna galega do século XIX, que a fixo accesíbel e importante, como legado, para o coñecernos na realidade histórica de Galiza. A súa capacidade de traballo, como arquiveiro e reconstrutor do noso pasado histórico, o converten nun dos máis acentuados persoeiros da recuperación da nosa memoria identitaria e colectiva.

Murguía foi un dos que máis amparou a presenza do mito celta en Galiza e que el reivindicou o fenómeno racial, como elemento esencial para recompor a memoria colectiva, anulada por catrocentos anos de historia negada e silenciada. O tema celtista non foi un inventario exclusivo del, mais as súas propostas tiveron significativas adhesións como a do poeta Eduardo Pondal, que espremeu o mito celta como elemento transcendental para recuperar as historias perdidas e borradas, que a través do mito xurdía a reivindicación dos dereitos do pobo a recompor a identidade de diversas maneiras. Tamén o grupo intelectual da Coruña, “A Cova Céltica”, na que estaba integrado Murguía, tivo un papel moi importante no impulso e verificación do celtismo e, tamén, no rexionalismo emerxente.

“El Regionalismo Gallego” de Murguía é unha resposta moi concisa a un discurso de Antonio Sánchez Moguel, pronunciado en Madrid en 1888, que explorou varios ataques aos rexionalismos da época. Alén disto, Murguía abordou na súa réplica os temperos do rexionalismo galego. Desde xa, compre distinguilo do rexionalismo tradicionalista de Alfredo Brañas. O de Murguía respiraba ares modernizadores e autenticidade republicana e galeguista. As seguintes palabras de Murguía, no aspecto liberalizador de Galiza, constatan que el estaba asentado na realidade e na análise que el verificaba: “Si somos hijos de nuestra región, lo somos también de nuestro tiempo”.

Aquela fase de formulacións rexionalistas de Murguía superan o ideario provincialista de Faraldo e as propostas do rexionalismo de Brañas. Temos que admitir que os postulados de “El Regionalismo Gallego”, nos que hai un enorme enunciado sobre a nacionalidade galega en varios apartados deste libro, expuxo algo moi importante como é o sentimento nacional que reflexa a sociedade galega do seu tempo e que el percibe e comenta: “Es un hecho, pues, que por el origen, por el territorio y el lenguaje, de igual manera que por su historia y la comunidad de sentimientos y deseos, estos pueblos del noroeste forman una nación con caracteres propios, distinta de gran parte de las que constituyen el Estado español”. Neste ámbito non podemos desfigurar a tese murguiana que prioriza os valores e atributos no que se manteñen as nacións naturais e sen Estado propio.

A presenza de Manuel Murguía en Cataluña foi doadamente explícita e puntual co líder catalanista, Valentí Almirall, autor do ideario: “Lo Catalanisme”, un libro con contidos moi pragmáticos sobre o nacionalismo, anunciando a súa presenza dunha maneira resoluta e invariábel no panorama político catalán. En 1888 publica en Barcelona o seu monumental libro: “Galicia”, na Editorial de Daniel Cortezo e CIA. En 1890 é convidado polos rexionalistas cataláns a participar nos Jocs Florals de Barcelona e é nomeado “Mestre lo Gay Saber”. A relación co mundo rexionalista, nacionalista e co modernismo catalán, contribuíu notoriamente a que Murguía fora apreciado e concorrido como o mais activo pensador que procuraba mudanzas políticas, estruturais e nacionais para Galiza. Isto foi o que se mantivo en varias esferas do catalanismo político catalán, na década de 1890. En 1991, cando trasladaron as cinzas de Rosalía, do cemiterio de Adina a San Domingos de Bonaval en Compostela, asistiu unha delegación de políticos e intelectuais cataláns, ofrendándolle unha coroa de bronce, coa seguinte lenda: “A Rosalía Castro de Murguía. La Lliga de Catalunya”.

Nesta última década do século XIX, Murguía estivo moi atento aos movementos políticos e culturais e a toda unha mobilidade de mudanzas que se producían en Cataluña. Eran tempos de contemplar as accións e os progresos dos outros e fomentar no país de un aquilo que non se tiña. Isto foi o que fixo Murguía cando presidía a “Asociación Rexionalista Galega”, creando en 1891, o xornal identitario: “La Patria Gallega”. Este é un pequeno resume emancipador da eficacia de Manuel Murguía edificando a nación común. Nestas realidades a presenza de Cataluña foi bastante visíbel, non digo transferíbel. Neste sentido, Murguía era un pragmático e, como tal, na realidade intrínseca de Galiza non procuraba esquemas alleos para aplicar á realidade galega. O que si procuraba era a solidariedade coas nacionalidades sen Estado e en situación afín a Galiza e con coincidencias visíbeis para poder abordar reivindicacións comúns. Neste caso, Cataluña era unha referencia.

O día de S. Xoán de 1891, co gallo dos Xogos Florais de Tui, Murguía pronunciou un discurso histórico, nesta cidade, en galego. O único texto na nosa lingua que el escribiu, contradicións que teñen os grandes talentos como Murguía. Mais sen deixar de ollar a repercusión do seu legado e de seu labor de descuberta dunha Galiza de seu e dona de si, tamén, todo se lle perdoa. Vendo tamén o contexto daqueles tempos contraditorios. Resulta moi interesante o seu discurso como pedagoxía nacionalista e de ver ao noso país en transversal, no que en Tui el connotou: “Nós somos outros homes, e vamos directamente ao fin proposto. Non nos han de deter as ameazas dos que no nome sagrado da pátrea escomulgan os nosos ideais. Aquí, nesta terra con límites naturais, con raza, con léngoa e historia propia; aquí onde e tan perseverante a fidelidade con que gardamos os recordos do que podemos chamar o noso paraíso, aquí señores, nin importan nin poñen medo as ásperas palabras dos que se din nosos amos. E que teñan en conta que canto mais sufridos fomos, máis direito temos a non seguir sofrindo”.